Skip to Content

Manifesto pola Preservación da Lingua Galega

O Noso Patrimonio Cultural Na Galiza, a lingua galega é moito máis que un mero medio de comunicación; é o pulso vivo do noso patrimonio cultural. Durante a Idade Media, foi na nosa lingua que se escribiu a literatura máis destacada da Península Ibérica, estenténdose polo mundo baixo o nome de Portugués. Como sabiamente afirmaba Castelao, "a nosa lingua é extensa e útil porque con distintas variantes falase en distintos lugares de distintos continentes". Grazas a ela podemos comunicarnos con mais de 250 millons de persoas. É pois un espello da nosa historia, tradicións e identidade como pobo.

Con todo, estamos a testemuñar un preocupante declive da nosa lingua. Non podemos pechar os ollos ou ver para outro lado. No noso centro de ensino, como en muitos outros de ámbitos urbanos, por exemplo, apenas se emprega entre o alumnado nos corredores e fóra das aulas de algunhas materias. E as autoridades educativas do goberno galego prohiben que materias de ambito cientifico como as Matemáticas, a Tecnoloxía ou a Física e Química sexan impartidas en galego, desprazando inxustamente a nosa língua a ambitos punteiros no campo da investigación. Esta situación non só representa unha perda para os individuos, para sua formación, senón tamén para toda a comunidade galega. Os estudos estatísticos poñen de maifesto que a prcentaxes de menores de 15 anos que falan galego diminúe co paso dos anos e o profesorado advírteo nas aulas.

Nunha data tan emblemática como o 17 de maio, é imperativo que como comunidade educativa do Instituto San Paio reafirmemos o noso compromiso coa lingua do noso país. Ao facelo, estamos a render homenaxe ás ducias de xeracións de galegos e galegas que, a pesar de tempos de represión e longas noites de pedra, souberon erguerse firmes na defensa da nosa lingua, que equivale a defender a nosa propia identidade.

Non queremos converter-nos, como advertía Celso Emilio, en "patufos desligados, pequenos mequetrefes sen raíces que, ao poñer a garavata, xa non saben erguerse coa fe dos devanceiros". Ansiamos preservar a riqueza da nosa fala, o legado dos nosos antepasados, os labregos da linguaxe que nos legaron unha herencia que debemos protexer e transmitir ás futuras xeracións.

Por todo isto, é fundamental que todas e todos nós, desde as autoridades políticas até as familias, profesorado e estudantes, unamos esforzos para deter o declive da nosa lingua. Que cada 17 de maio sexa un recordatorio de que a lingua galega é o noso maior tesouro, e que debemos velar pola súa preservación como un deber para con nós mesmos e as xeracións futuras.

Falemos galego, na casa, na rúa e na escola.

 

Asinado,

A comunidade educativa do Instituto San Paio

Data: 
Ven, 17/05/2024 - 06:11


page | by Dr. Radut