Skip to Content

Decembro 2022

Neste mes cheo de luminosos desexos de paz volvemos á poesía de Ana María Fernández para non esquecer a todos os que sofren as consecuencias das guerras promovidas por escuros intereses humanos:

A GUERRA

Mirando outra catástrofe
polo burato da triste pechadura,
penso na guerra,
esa malvada que nada entende de profecías
nin de ás.
A que ten ousadas farpas
e afainos á desgraza.
A que non é amiga da compaixón
nin parente da bondade.
A ela dálle igual o debuxo do mapa onde renace.
Se cadra, mañá, sen ir máis lonxe,
abro a ventá
e arrebátame o cheiro a pólvora que a precede,
o estoupido,
ese espanto esencial, nos ollos vidrosos dun cadáver.
Despois das bágoas, eu e todos os que sufran comigo
afanarémonos en pedir unha esmola de amor
aos máis favorecidos;
pero eles non escoitan
porque andarán moi ocupados
en debater, a fondo,
a orixe da nosa miseria.
A guerra...
E que facemos nós para evitala?

Ana María Fernandez Martínez (Palma de Mallorca, 1949), in Incesante vagalume, Galaxia, Vigo, 2021, páx.  56.

 



page | by Dr. Radut