Skip to Content

Día d@s lector@s

O 3 de novembro de 1928 nacía en Gres (Vila de Cruces) Xosé Neira Vilas; 93 anos despois celebramos, por primeira vez, o Día do Lector/-a.

Neste pequeno texto recollemos a memoria literaria das primeiras vivencias lectoras do autor das Memorias dun neno labrego:

LER

    Foi o patriarca da familia, o exemplar avó -músico, zoqueiro e labrego-, quen asumiu a maior parcela da miña formación dende que eu era unha arumia, un besbello tatexante que comezaba a ter trato co mundo. Fun sabendo de xentes e aconteceres. Deprendín os saúdos e cortesías mínimas que correspondían ás horas do día, lugares e circunstancias. Todo un código para o trato social. Deprendín o solfexo cantando e un algo de teoría musical. E veu logo o silabario, coa súa llana dos cristos que soletreaba con afán. E tras do coñecemento da palabra-signo, a lectura. O cavilar e o sentir trocados en voz, en mensaxe sonora, viva, latexante; en xesto comunicador, todo un descubrimento, un achado, un milagre.
    En veces o avó-mestre só dispoñía dun garabullo co que escribía na borralla da lareira ou no po do camiño. Tal foi o meu comezo. Despois viría o encerado e viría o papel. E virían impresos diversos, cartas, documentos de escribán que había pola casa. E os primeiros e escasos libros. Lía con fervor, con ansiedade, e como todo me sabía a pouco volvía unha e outra vez ás mesmas páxinas, ós mesmos papeis.
    O avó alentaba aquel entusiasmo, aquela obsesión. Animábame máis e máis, e foi así que me abriu un camiño de inquedanzas e de afáns polos que transitaría a miña existencia.

NEIRA VILAS, Xosé, De Gres a Cádiz, Galaxia, Vigo, 2018, pp 47-48

E para este día e para todos os días do ano non esquezamos o decálogo de dereitos d@s lector@s:

1) O dereito a non ler.

2) O dereito a saltarnos páxinas.

3) O dereito a non terminar un libro.

4) O dereito a reler.

5) O dereito a ler calquera cousa.

6) O dereito ao bovarismo (enfermidade de transmisión textual)

7) O dereito a ler en calquera sitio.

8) O dereito de follear.

9) O dereito a ler en voz alta.

10) O dereito a calarnos.

(Daniel Pennac, Como unha novela)

Para @s grandes lector@s, para @s lector@s discret@s, para @s pouco lector@s e tamén para @s non lector@s, Feliz día do lector/-a!

 

 

 

 



page | by Dr. Radut