Skip to Content

Decembro 2020

Berta Mir detective. O caso do papagaio que falaba de máis
de
Jordi Sierra i Fabra 

      Berta  Mir, unha moza de 18 anos que vive en Barcelona coa súa avoa e o seu pai (ao que está moi unida desde que a súa nai os abandonou), rematou o bacharelato e, a pesar do seu alto coeficiente intelectual, non continúa estudando porque está indecisa e porque o seu pai sofre un grave accidente que o deixa inmobilizado. Berta investigando o accidente descobre que quixeron asasinar ao seu pai. É así como suple a Cristóbal (o pai que se comunica con ela debuxando palabras na palma da súa man) e convértese en detective, facéndose pasar por un axudante da axencia de detectives.
    Unha anciá contrata a Berta para que busque ao seu papagaio, un animal exótico en vías de extinción que vale unha fortuna. A investigación complicarase enredándose cunha rede mafiosa de tráfico de animais, un asasinato, unha misteriosa desaparición e o descubrimento das miserias e segredos dunha podente familia industrial barcelonesa. Con este caso, unido ao enfrontamento coas realidades cotiás, os desenganos amorosos e o primeiro concerto do seu grupo de rock, Berta abandona a adolescencia e madura descubríndose a si mesma.

    A semana non era moi boa. Os teléfonos non soaban. Nin un cliente no despacho. Ningún caso. Só ía unhas horas, normalmente polas mañás, pero algúns días, como ese, unha especie de silenciosa soidade ía invadíndome pouco a pouco. As paredes oprimíanme. Descolguei un par de veces o auricular do teléfono fixo para comprobar se había liña. Asomeime outro par de veces ao exterior para ver se o mundo seguía funcionando. Temín acabar falando soa. Home, a papá tampouco lle sobraba o traballo, adoitaba dicirmo cando as cousas ían mal, pero ata onde recordo, sempre ou case sempre facía algo. Quizais el sabía atraer clientes e problemas.
    Levaba dous días e toda a fin de semana dedicada a repasar os arquivos de meu pai, estudar os seus casos, pequenos e grandes, determinar os seus métodos, ver de que forma enfocaba a súa rutina, seguir a alguén ou conseguir información dalgunhas persoas que podían axudalo nunha investigación. Por un lado, confirmaba o que xa sabía: que ser detective non era moi complicado se a cousa se limitaba a seguir os pasos de alguén e redactar un informe. Por outro, tiña que admitir que a habilidade de papá para  resolver determinados asuntos era notable. Investigar si requiría un talento especial, que el posuía, e eu trataba de saber se o herdara. Ata ese momento non o fixera mal, aínda que tampouco podía afirmarse que fose unha experta. O xeito en que resolvín o caso do falso accidente de meu pai quizais se debeu á sorte. Iso tocábame confirmalo.
    Pero para iso necesitaba traballar.
    Probarme a min mesma.
    Mirei a hora e rosmei amolada. Outra mañá perdida. Desde o día en que, temerariamente, decidín ocuparme da axencia, lera máis da metade do arquivo. De súpeto sentinme farta de tanta xerga legalista. O día era bonito, lucía o sol. Non merecía a pena perdelo nunha oficina baleira e silenciosa, aínda que do outro lado da xanela  non chovesen os euros para encher a neveira e pagar os coidados de papá.
    Recollín o casco, a cazadora, as chaves, e, cunha oculta carga de frustración, dispúxenme a liscar.
    Cheguei a porta.
    E xusto nese instante soou o teléfono.

    Vaia por Deus… -pestanexei impresionada polo azar.
    Regresei á mesa, deixei o casco enriba e contestei mentres cruzaba os dedos. Necesitaba ocuparme en algo , nun caso, por simple que fose. En algo que, ademais,  me proporcionase un cheque e, de paso, a confianza que seguía necesitando para seguir adiante agora que papá era case un vexetal.
    -Axencia Mir, dígame?
    -Berta, son eu. Pechei os ollos.
    Semelloume unha burla.
    “Eu” era Ramiro Crussat, o “novo” home de miña nai.
    Estiven a piques de colgarlle.
    -Que quere? -preguntei coa voz case tan tensa como estaba o meu corpo.
    -Non quería chamarte á casa e… tes o móbil apagado, así que…
    Saquei o móbil do peto da chaqueta e examineino. Tiña razón: estaba apagado. Sempre andaba despistada con el. Quizais porque, para asuntos persoais, non quería estar localizable. Iso facíame sentir vulnerable, experimentaba a sensación de que me restaba liberdade, coma se as miñas defensas, os meus escudos protectores, ao xeito do Enterprise de Star Trek, se debilitasen con  iso.
    -Ramiro…
    -Deberías vir ver a túa nai -interrompeume.
    -A que vén iso agora?
    -Por favor…
    -Pediulle ela que o intente vostede?
    -Non, non sabe que estou falando contigo.
    -Entón direille o mesmo que lle dixen a ella cada vez que…
    -Ten un tumor no peito -interrompeume de novo.
    Quedei muda.
    Sentía que a desprezaba, que necesitaba verter sobre ela toda a frustración que a súa traizón derramara sobre a miña cabeza por abandonar a papá no peor momento. Sentía rabia, desolación, impotencia. E o desprezo convertíase en algo parecido á cegueira do odio cando a imaxinaba casada con aquel tipo, rico abondo como para darlle todos os caprichos, pero tamén o bastante sucio como para imaxinar que o día menos pensado acabaría no...

 

E se queres, entra na web oficial do autor: http://sierraifabra.com/?lang=es

ou coñece aquí a súa experiencia sobre o seu paso pola escola e o acoso que sufriu.



page | by Dr. Radut