Skip to Content

Castelao e a gripe do 1918

É un tópico falar do Castelao médico por obrigación máis que por devoción: Fíxenme médico por amor a meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade.


Castelao si exerceu de médico antes de opositar a funcionario de estatística e levado da súa bonhomía e humanidade moitas veces sufragaba cos seus cartos os medicamentos que os doentes pobres non podían pagar. Pero ademais, sendo xa funcionario na delegación de Estatística de Pontevedra e profesor de debuxo no instituto e na Escola Normal de mestras, chega a peste de gripe do 1918 e Castelao axuda como médico a algúns coñecidos de Pontevedra. É cando recibe carta da súa vila natal: en Rianxo hai dous médicos contaxiados e piden a súa axuda. Contesta ao seu interlocutor:


A min dácheme unha lástima moi grande esa pobre xente de Rianxo a que deixan morrer como porcos anque dimpois viranlle a cobrar como homes... teño un pouco de remordimento de conciencia se non vou ahí... so cun permiso pra abandonar o meu destino podo salir deiquí.


A mediados de outubro Castelao solicita  e outórganlle autorización para axudar como médico en Rianxo. O secretario do concello intenta pórlle trabas burocráticas ao que el contesta:


Eu quero facer constar que desde este intre empezo a traballar como médico do meu pobo e sae do concello para atender aos doentes cuxos familiares estaban a agardalo polas rúas.


Naquelas xornadas de pandemia, de necesaria desinfección, de tribulación e rogativas, de loito, naquel tempo de permanente toque a morto mentres o virus entra pola boca, nariz e ollos, Castelao e  Moure, o outro médico dispoñíbel, reparten o territorio. Castelao ocuparase de Leiro, Isorna e a capital municipal:


Trataba ós enfermos con cariño de irmán; entraba e salía nas casas con cara risoña: pra todos tiña verbas e recordos de neno ou de mozo; os encamados recobraban a confianza como si recibisen unha gran inieución de optimismo. (Lois Peña Novo)


A mediados de novembro, Castelao reintégrase ao seu traballo en Pontevedra pero non esquece aos seus doentes rianxeiros:


escribíalle acotío desde Pontevedra, interesándose por algún caso grave, fóra do alcance da súa ciencia... foi para nós un gran médico, que nos fixo un señalado servicio.


Os veciños e a prensa local recoñeceron a súa entrega:


¡Viva, viva don Mariano [o pai],
que lle temos que querer,
que nos mandou vir o fillo
e nos librou de morrer!


mentres o concello limítase a agradecerlle os seus servizos, sen recompensalo económicamente.


Hoxe tamén nós, ao tempo que aplaudimos a todo o persoal sanitario que, en vangarda, está a loitar co coronavirus, queremos aplaudir ao médico Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, médico do corpo (no seus primeiros anos e durante a mortífera gripe do 1918)  e médico da alma de Galicia e dos galegos como escritor, como caricaturista, como pintor, como pai da patria.



page | by Dr. Radut