Skip to Content

Antonio Machado, oitenta anos despois

Ás tres e media da tarde do 22 de febreiro do 1939, 80 anos atrás, faleceu don Antonio Machado mentres fuxía da Guerra Civil española. Tres anos durou a última das viaxes do poeta desde que tivo que saír de Madrid a finais do 36, ata o día da súa morte.
 
Machado chegou á estación de Collioure ás cinco e media da tarde do 28 de xaneiro de 1939, abatido, prófugo das bombas, os avións e as súas sirenas, as metralletas e o despropósito dun sanguinario conflito civil, e alí, uns cantos quilómetros máis aló da súa España, comezou a anotar os días que lle ían quedando de vida.
 
Na pensión de Bougnol, onde a señora Quintana o aloxou xunto á súa nai, Antonio Machado alcanzou a suxerir que pagaría a súa conta cun poema se llo recibían, pois non tiña cartos.
 
O 18 de febreiro prostrouse nunha cama, con síntomas de pneumonía e complicacións varias. Xa sen entender para que a vida, ou por que a morte, repetía cos ollos pechados, delirante, "Merci, madame; mercí, madame", mentres lle tomaba a man á señora Quintana, a súa anfitrioa.
 
O 22 de febreiro, pouco antes do mediodía, díxolle “adeus, nai” a súa nai. Pola noite o seu irmán José atopou nun dos petos do seu gabán uns cuantos papeis escritos e engurrados nun dos cales dicía: “Estes días azuis e este sol da infancia”.
 
Esta data pode ser un bo momento para reler un traballo de Claudio Rodríguez Fer publicado fai trinta anos no que se estudan os principais vínculos entre Antonio Machado e Galicia, obra que remata cuns poemas galegos sobre o poeta sevillano; cun deles, "Elexía por Antonio Machado" de Darío Xohán Cabana rematamos este recordo:

Levaba un soño de abrentes
asomado no mirar.
Ía senlleiro e calado
por un camiño de mar.
De cando en cando falaba,
i era nobre o seu falar.
As súas verbas eran mainas
coma saloucos de ar,
e cada verba das súas
era como un lumbrigar.

Un día, rubiu á nave
que endexamais ha tornear...
Foise só e silandeiro
como un bo fillo da mar.



page | by Dr. Radut