Skip to Content

Concursos

CONCURSO "E TI ONDE LES?"

 

     O día 23 de abril é o Día Mundial do Libro; por iso, o EDLG e a Biblioteca convocan un concurso de fotografía no que poderedes amosar onde ledes e como o facedes: paseando por un campeiro, tomando o sol na praia, descansando no Corpiño, navegando pola ría, sachando nunha leira...

BASES

  • Os alumnos participantes deberán aparecer nunha fotografía co libro que prefiran (sería perfecto que se vise o título) e despois engadir sobre ela unha frase propia ou allea en galego que estea relacionada cos libros e/ou coa lectura ou que simplemente lles resulte inspiradora. No caso de empregar as palabras doutra persoa, deberá citarse o seu nome.
  • A fotografía co texto engadido deberán enviarse por e-mail á seguinte dirección: ies.ramon.caamano@edu.xunta.es (AVISO: No caso dos alumnos menores de 14 anos, serán os pais ou titores legais os que envíen o e-mail).
  • No asunto do correo deberá figurar a referencia “Concurso Fotografía Día do Libro” e no corpo, os datos do concursante (nome, apelidos e grupo).

 

PRAZO DE PRESENTACIÓN

  •  Ata o xoves 25 de abril de 2019.

 

PREMIOS

  • Un xurado formado por profesores e alumnos seleccionará as tres imaxes gañadoras. Valoraranse a creatividade e o sentido artístico. Os autores das mesmas recibirán como agasallo un libro cada un. 

 

GAÑADORAS DO CONCURSO GASTRONÓMICO DE ENTROIDO 2019

 

Neste concurso, organizado polo EDLG, o Departamento de Lingua Galega e a Biblioteca, participaron cinco alumnos que presentaron estas apetitosas sobremesas:

 

 

As receitas gañadoras foron:

 

 

1º PREMIO: BISCOITO DE LARANXA E IOGUR

SOFÍA V. (2º ESO A)

 

 

2º PREMIO: BICA

ROSALÍA V. (1º ESO A)

 

 

3º PREMIO: ROSCAS

MICHAELA C. (2º ESO B)

 

 

 

Ao final deste artigo incluímos as receitas en formato pdf, por se che interesa descargalas.

 

Concurso gastronómico de Entroido 2019

 

  Se queres participar neste saboroso concurso confeccionando unha larpeirada típica do Entroido, ten en conta as seguintes bases:

  • O día do festival de Entroido (1 de marzo) terás que traer unha sobremesa elaborada para que o xurado poida degustala e puntuala.
  • O prato ou bandexa irá acompañado dun sobre pechado no que figuren o nome, apelidos e curso do participante, así como a receita redactada en lingua galega (na que deberán aparecer os ingredientes e o modo de preparación). AS SOBREMESAS QUE SE PRESENTEN SEN A RECEITA ESCRITA NON OPTARÁN A PREMIO.
  • As sobremesas deberán presentarse na cafetería a primeira hora da mañá, a ser posible en bandexas ou pratos dun só uso.
  • Os pratos presentados ao concurso serán valorados en función do sabor, a presentación rechamante, o uso de ingredientes orixinais e a dificultade na elaboración. Tamén se terán en conta a redacción e ortografía da receita escrita, así como a presentación do texto.
  • Os alumnos optarán a tres premios:

   - Primeiro: vale desconto de 10 € para a cafetería do centro.

   - Segundo: vale desconto de 7 € para a cafetería.

   - Terceiro: vale desconto de 5 € para a cafetería.

As receitas e fotos das sobremesas gañadoras publicaranse no blog do EDLG.

 

ANÍMATE A PARTICIPAR!

 

Gañadores do concurso "Cartas de amor"

 

Hoxe 14 de febreiro, día de San Valentín, foron entregados na Biblioteca os premios aos gañadores do concurso Cartas de amor.

 

Parabéns para Laura (2º A), Nerea (2º B), Yago (3º A)

e Xiana (4º A)!!!

 

Podes ler os seus textos no taboleiro da Biblioteca.

 

 

CONCURSO DE VIDEOPOEMAS

 

     O día 24 de febreiro é o día dedicado a Rosalía de Castro, por iso o EDLG, o Departamento de Lingua Galega e a Biblioteca convocan un concurso de vídeo e recitado de poemas co que conmemorar esta data.

 

BASES

- Os alumnos participantes deberán gravarse recitando ou interpretando artisticamente un poema da autora homenaxeada, Rosalía de Castro. [No documento adxunto que aparece ao final podes ver unha recompilación de poemas. Preme no título deste artigo para poder acceder a el]

- Os videopoemas presentaranse en formato MP4 e non poderán superar os 3 minutos, incluídos créditos se os houber.

- As obras deberán ser orixinais e inéditas. En caso de usar música, textos ou imaxes alleas, deberán ser materiais libres de dereitos de autor.

 

ENTREGA DOS VÍDEOS

- A entrega realizarase por e-mail á seguinte dirección:

ies.ramon.caamano@edu.xunta.es

(AVISO: No caso dos alumnos menores de 14 anos, serán os pais ou titores legais os que envíen o e-mail).

- No asunto do correo deberá figurar a referencia “Concurso Videopoemas Rosalía” e no corpo, os datos do concursante (nome, apelidos e grupo).

 

PRAZO DE PRESENTACIÓN

- Ata o venres 15 de febreiro de 2019.

- O nome dos gañadores farase público o venres 22 de febreiro de 2019.

 

PREMIOS

PRIMEIRO PREMIO: Obsequio por valor de 10 euros.

SEGUNDO PREMIO: Obsequio por valor de 7 euros. 

TERCEIRO PREMIO: Vale-desconto para a cafetería de 5 euros.

 

Concurso "CARTAS DE AMOR"

Un novo ano, a Biblioteca, o Departamento de Lingua Galega e o EDLG organizan un concurso de cartas  de amor con motivo de San Valentín!

Haberá dúas categorías:

CATEGORÍA A: 1º e 2º de ESO.

 CATEGORÍA B: 3º e 4º de ESO.

 

BASES:

- Escribe unha carta de amor (tamén pode ser de desamor!), ORIXINAL e INÉDITA.

- O texto deberá estar escrito en LINGUA GALEGA e  ser respectuoso no seu contido e na súa presentación.

- Non se admitirán os textos con erros ortográficos.

- Poderase escribir a carta á man (con boa caligrafía) ou ben empregar un procesador de textos.

- IMPORTANTE!!! O nome do autor non poderá aparecer no texto, empregarase no seu lugar un pseudónimo para asinalo. Os datos básicos do participante (nome, curso e pseudónimo empregado) irán nun sobre pequeno e pechado que se introducirá xunto coa carta nun sobre máis grande. No exterior deste sobre grande só deberá aparecer escrita a categoría pola que se presenta.

 

PRESENTACIÓN:

- Prazo límite de entrega: 8 DE FEBREIRO.

- Lugar: A Biblioteca (serán depositadas na caixa destinada a concursos).

 

PREMIOS:

CATEGORÍA A

1º premio: obsequio por valor de 8 euros.

2º premio: vale de 4 euros para a cafetaría.

 

CATEGORÍA B

1º premio: obsequio por valor de 8 euros.

2º premio: vale de 4 euros para a cafetaría.

 

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

 

 

BASES DO CONCURSO

  • Poderán participar todos os alumnos do centro que o desexen.
  • A participación é individual e as postais deberán ser orixinais. Só se poderá presentar unha postal por alumno.
  • O traballo presentarase en cartolina de tamaño DIN A5 210X148 mm (medio folio). A técnica é libre: cor, branco e negro, collage, ceras... Non se poderán utilizar purpurinas.
  • Deberá incluír algún desexo ou algunha mensaxe para o ano 2019 en lingua galega.
  • ENTREGA DOS TRABALLOS. Os datos do alumno participante (nome e curso) NON irán na postal, senón nun sobre pechado que se pegará no reverso da mesma con celo. Ese sobre cos datos persoais máis a postal (que debe ser totalmente ANÓNIMA) serán depositados na caixa habilitada para este concurso na Biblioteca.
  • Un xurado formado por profesorado do centro elixirá as tres postais premiadas. Valorarase tanto o deseño da postal como a mensaxe.
  • A participación no concurso supón a aceptación destas bases.

 

PREMIOS

  • Haberá tres premios:
    • Primeiro: vale desconto de 10 para gastar na cafetería do centro (ou un agasallo de valor equivalente) e o feito de que a súa postal sexa empregada para felicitar as festas desde a páxina web do instituto.
    • Segundo: vale desconto de 7 para a cafetería.
    • Terceiro: vale desconto de 5 € para a cafetería.

 

PRAZO DE PRESENTACIÓN

  • O prazo de presentación iníciase dende a publicación das bases, o día 23 de novembro de 2018, ata o día 17 de decembro de 2018.

 

RECORDA: A POSTAL DEBE SER ANÓNIMA

 

 

 

CONCURSO PARA O DÍA DO LIBRO (23 de Abril)

 CONCURSO PARA O DÍA DO LIBRO (23 de Abril)

   A Biblioteca do IES Ramón Caamaño, en colaboración co EDLG e os Departamentos de Inglés e Francés, convoca un concurso de fotografía para conmemorar o Día do Libro e, de paso, fomentar o hábito lector e a creatividade do noso alumnado. As bases do concurso están expostas en varios lugares do instituto, aínda que tamén se poden consultar no blog da Biblioteca ou no documento que se adxunta a continuación. 

 

 

RECEITAS DO ENTROIDO 2018

 

Participaron cinco alumnos que presentaron estas apetitosas sobremesas:

 

 

As receitas gañadoras do primeiro premio foron as seguintes:

 

FLORES DE ENTROIDO

Nerea P. (3º ESO A)

 

Ingredientes:

(Para a elaboración)

  • 3 ovos
  • 300 g de fariña
  • Un pouco de sal
  • 4 culleradas de viño branco
  • 100 g de manteiga

(Para a decoración)

  • Marmelada de amorodos
  • Amorodos picados en cachos pequenos
  • Azucre para decorar
  • Anís

(Para darlle forma)

  • Calquera obxecto con un mango de madeira
  • 3 circunferencias de tamaños de maior a menor

Preparación:

- Bótanse todos os ingredientes anteriores da elaboración un por un, ata obter unha masa que se poida desmontar e moldear ao noso gusto.

- Dunha vez que teñas a masa, debes deixala como mínimo 1 hora para que suba e sexa posible levar a cabo o sobremesa.

- Despois de deixala repousar, comezaremos a estendela coa axuda dun rolo , facendo así láminas finas circulares.

- Cortamos eses círculos en 8 cachos iguais e repetimos o mesmo proceso en todos os cachos.

- Dunha vez que teñamos feitos todos os círculos que poidamos, colocamos de maior a menor un enriba do outro.

- Collemos o mango de madeira e colocámolo xusto no centro das tres circunferencias. Cunha man suxeitamos o pau e coa outra imos “pegando” os 8 cachos contra o resto do mango, quedándoche así un tipo de “sombrilla” pechada.

- Quentamos unha tixola con aceite (mellor de xirasol) e, cando estea o suficientemente quente, somerxemos a flor neste ata obter unha cor dourada.

- Ao sacalos, deixamos que se escorra o aceite nun papel de cociña e collemos o anís (poñémoslle 2 pequenas gotas).

- Para rematar, collemos o azucre para decorar tortas (ou podemos facelo moendo azucre normal branco) e espolvoreamos as flores. A marmelada poñémoslla no centro da flor e enriba desta os cachiños de amorodos.

...e xa teríamos a sobremesa acabada e lista para servir!

  

CARETAS DE ENTROIDO

 

 Valeria (4º ESO A)

 

 

Ingredientes:

  • 100 ml de anís
  • 100 g de manteiga
  • Un chisco de sal
  • 2 ovos
  • 550 g de fariña e un sobre de levadura “Royal”
  • Reladura dun limón
  • 10 g de zume de limón
  • Unha cullerada sopeira de azucre
  • Aceite para fritir
  • Azucre moído (para decorar)

 

Instruccións:

- Bater os ovos co azucre e o anís.

- Engadir a manteiga derretida, a reladura de limón, o zume e o sal.

- Misturar a fariña coa reladura e ir engadindo pouco a pouco a mistura anterior.

- Amasar 10 minutos ata que a masa non se pegue nos dedos, estirar anacos pequenos co rolo e darlle a forma de caretas cun coitelo.

- Fritir en abundante aceite de xirasol, escorrer en papel absorbente, atarlle unhas gomas e espolvorear co azucre moído.

 

  

 

E a receita gañadora do terceiro premio (o segundo quedou deserto) foi:

 

 

PAÍÑOS DE ANÍS

 

Laura F. (1º ESO B)

 

 

 

Ingredientes:

  • 2 ovos
  • 5 culleradas de aceite
  • 6 culleradas de azucre
  • 5 culleradas de anís
  • 1 sobre de levadura en pó
  • Reladura dun limón
  • 500 g de fariña

 

Preparación:

- Misturamos todos os ingredientes ata facer unha masa.

- Deixámola repousar 30 minutos e procedemos a darlles forma para fritilos.

- Rematámolos espolvoreando azucre en pó.

 

E “pra” a barriguiña!

 

  

 

CONCURSO GASTRONÓMICO DE ENTROIDO

 

Se queres participar neste saboroso concurso confeccionando unha larpeirada típica do Entroido, ten en conta as seguintes bases:

    -> O día do festival de Entroido (9 de febreiro) terás que traer unha sobremesa elaborada para que o xurado poida degustala e puntuala.

    -> O prato ou bandexa irá acompañado dun sobre pechado no que figuren o nome, apelidos e curso do participante, así como a receita redactada en lingua galega (na que deberán aparecer os ingredientes e o modo de preparación). AS SOBREMESAS QUE SE PRESENTEN SEN A RECEITA ESCRITA NON OPTARÁN A PREMIO.

    -> As sobremesas deberán presentarse na cafetería a primeira hora da mañá, a ser posible en bandexas ou pratos dun só uso.

    -> Os pratos presentados ao concurso serán valorados en función do sabor, a presentación rechamante, o uso de ingredientes orixinais e a dificultade na elaboración. Tamén se terán en conta a redacción e ortografía da receita escrita, así como a presentación do texto.

    -> Os alumnos optarán a tres premios:

     - Primeiro: vale desconto de 15 € para a cafetería do centro.

     - Segundo: vale desconto de 10 € para a cafetería.

     - Terceiro: vale desconto de 7 € para a cafetería.

    -> As receitas e fotos das sobremesas gañadoras publicaranse no blog do EDLG.

 

 ANÍMATE A PARTICIPAR!

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut