Skip to Content

23 de abril: celebrando o Día do Libro


O 23 de abril foi un día intensamente vivido no noso instituto. Ao redor do libro celebramos toda unha serie de actividades que se estendeu ao longo da mañá. O primeiro foi a xincana. En grupos de catro, a rapazada debía superar un total de dez probas. Entre elas, facer un bookface (integrar o seu corpo na portada dun libro mediante unha foto), bailar con libros ou saltar sobre eles, debuxar a partir do título dun libro, descubrir por que o 23 de abril se celebra esta data, facer procura de libros na biblioteca, artellar unha árbore con títulos de libros nas súas follas ou dar recitado sen problemas un trabalinguas. Tamén houbo obradoiros para todos os gustos: de marcapáxinas, de elaboración de centóns poéticos (crear poemas combinando versos doutros xa existentes), de empaquetado de libros, de elaboración de formas a partir de libros e tamén de lectura radiofónica de contos. A mañá finalizou cunha charla na que tres docentes explicaron a súa experiencia coa escrita: David Creus, Jorge de Barnola e Belén Puñal.




Abalar nº 5


 

No editorial deste número especial, a revista desexa resaltar a transcendencia histórica do 8-M e a súa influencia na loita polos dereitos das mulleres en todo o mundo. Abórdanse os avances acadados ata a data e reflexiónase sobre os desafíos pendentes que aínda persisten en canto á igualdade de xénero. Ademais, recoñécese a valentía e determinación das mulleres que impulsaron o cambio ao longo dos anos e fai un chamamento á acción para seguir promovendo a equidade e o empoderamento feminino.

Neste número especial, a revista presenta retazos biográficos de mulleres que fixeron historia nas súas distintas profesións en primeira persoa, compartindo as súas experiencias e logros. Tamén se inclúen relatos de mulleres que loitaron contra as adversidades da vida en Muxía, destacando a súa resiliencia e determinación.

Ademais, exhibe unha destacada cartelaría de escritoras galegas actuais, enaltecendo o seu talento e contribución á literatura. Do mesmo xeito, preséntase unha reinterpretación "á maneira de" de cadros de Luís Seoane, onde os alumnos de 4º de ESO exploran novas perspectivas artísticas inspiradas na súa obra.

Como parte deste número especial, destaca unha entrevista exclusiva ao escritor Fran Alonso, realizada por alumnos de 1º e 2º de ESO, ofrecendo unha visión fresca e xuvenil sobre a súa obra e perspectivas literarias.

Pasou un mes desde o 8-M, pero tanto nos dá que sexa 9-A para seguir celebrando esta data marabillosa.

 

Prema aquí para acceder: https://pedradeabalar.blogspot.com/




21 DE MARZO: POESÍA PARA COMEZAR A PRIMAVERA


Comeza a primavera, ao fin, e faino con poesía. O 21 de marzo non só é o día do equinoccio que nos anuncia a chegada do bo tempo senón que tamén se celebra o Día da Poesía. Non son os andeis de poesía os que máis libros teñen nin os máis visitados pero si, quizais, os que encerran máis sorpresas, máis emocións, máis compromisos, máis verdade, máis ansias pola procura da beleza, máis implicación coa palabra. Sacamos os libros do seu agocho nos estantes e levámolos para o recibidor do centro, para que poidan verse,e como non, tocarse, porque a poesía tamén se toca. Luz Pozo Garza, Ana Romaní, Daniel Salgado, Moncho Iglesias, Antonio Teijeiro, Bernardino Graña, Fran Alonso, María Lado e Lucía Aldao... son só algunha das voces da poesía en galego que están esperando que metas o nariz nos seus libros e lles roubes un verso.




8 DE MARZO: AS NOSAS ESCRITORAS


Con motivo do 8 de marzo, propuxémonos sacar as súas obras dos andeis e expoñelos á entrada do instituto, xunto cunha boa presada de carteis nos que o alumnado recordou o nome de poetas e narradoras, algunhas históricas, outras de xeracións máis actuais, mais todas irreverentes polo simple feito de ser mulleres e escritoras, e ademais, escribir en galego. Grazas a elas, o mundo puido escribirse dende o noso punto de vista,  o das mulleres.




23F: CELEBRANDO A ROSALÍA


Celebramos o día de Rosalía recitándoa, fotografándonos con ela e musicándoa. O 23 de febreiro reunímonos no salón de actos para ler o manifesto que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lle dedicou este ano. Tamén recordamos algún dos seus poemas máis coñecidos, entre eles, o que lle dedicou á romaría da Barca e aqueles que tiñan que ver co tema que centrou este ano o día da autora: a patria. Así mesmo, puidemos escoitar a interpretación que fixo o noso profesor de música, Xurxo, da Alborada de Rosalía. Na entrada, montamos un expositor con obras dela ou sobre ela e tamén un recunchiño, a modo de photocall, onde o alumnado se pode fotografar con imaxes de Rosalía.




Abalar nº 4


 

Chegou o esperado cuarto número de Abalar! Estamos emocionados de compartir con nosos lectores esta nova edición chea de emocionantes contos, carta e poemas de San Valentín, da Candeloria e do Día da Paz. Nesta edición especial, mergullámonos no espírito amoroso de San Valentín e exploramos as historias de amor e amizade que enchen os corazóns dos nosos protagonistas. Tamén celebramos a Candeloria, unha festividade que marca o fino do inverno e o comezo da primavera, onde se encenden candeas e se comparten petiscos tradicionais. E non podemos esquecer o Día da Paz, unha ocasión para reflexionar sobre a importancia da harmonía e a non violencia no noso mundo.

Desfrutade destes días acaramelados e co amor dos que máis vos importan. 

Prema aquí para acceder: https://pedradeabalar.blogspot.com/




Distribuir contido


by Dr. Radut