Skip to Content

PARA LERES NO NADAL: PROFES RECOMENDAN!


Pois collemos por banda a algunha e algún dos profes do centro e preguntámoslle que lle recomendarían ao seu alumnado para o nadal. Velaquí as súas recomendacións basadas en vídeo: libros para iniciarnos na física cuántica, novelas de amor, lecturas en francés, historias de misterio,... até unha banda deseñada sobre a primeira guerra mundial. Silviana, Susana, David, Majo, Carlos, Belén e a nosa coidadora, Lola propóñennos ler...




25N: OS LIBROS DO NOSO PUNTO VIOLETA


Coñeces o punto lila da nosa biblioteca? O 25 de novembro, con motivo do Día Internacional contra a Violencia machista, sacamos parte dos seus libros ao recibidor do instituto. Mais, onde podes atopar a diario estes libros? Xunto á porta da entrada da biblio, atoparás un andel, pintado de violeta, cunha manchea de libros sobre feminismo, igualdade, como detectar a discriminación que sufrimos as mulleres polo feito de nacer mulleres, como empoderarnos, a sexualidade dende o punto de vista feminino e feminista, as diversidades sexuais e a loita LGTBIQ+... En fin, a porta cara a un universo ollado dende unha óptica diferente: a mirada da igualdade. Non son libros só para mulleres, non. Son libros para todas aquelas persoas que cren na igualdade como ideal no que afianzar as nosas sociedades.




Abalar nº 2


 

Por fin apareceu o segundo número de Abalar, recén saído do forno. Nel, os nosos lectores poderán degustar as retorcidas historias que os alumnos do IES Ramón Caamaño escribiron para Samaín: casas encantadas, barcos fantasmagóricos, montes embruxados, illas nos límites da realidade, gaivotas contaminadas e portadoras de estrañas enfermidades, situacións estrafalarias e sempre anodinas, e outras historias igualmente fantásticas nas que a imaxinación se volve superlativa da man dos nosos talentosos escritores. E se isto vos parece pouco, rematamos o número coas últimas actividades realizadas no instituto. Grazas aos alumnos que participaron e, por suposto, grazas ao equipo docente e non docente que estivo ao pé do canón en Santiago de Compostela, en Silleda e nas actividades orquestradas arredor de Samaín e Magosto.

 

Prema aquí para acceder:https://pedradeabalar.blogspot.com/

 

 

 




E VELAQUÍ OS PODCAST GAÑADORES NO SAMAÍN!


Aplaudidos foron os tres alumnos gañadores na entrega de premios do concurso de podcast de terror, que tivo lugar nos eventos de celebración do Samaín. Calquera dos trece podcast que se presentaron ao concurso merecería ser galardoado, mais había que escoller. Encargadas de resolver ese dilema estivemos as docentes que formamos parte do equipo de biblioteca. 

Tiñamos que decidir e decidimos:

-primeiro premio para Manuel Sar Sánchez, que nos sorprendeu cunha historia na que non falta nin Vakner nin a Santa Compaña;

-segundo premio para Brais Caamaño Canosa , toda unha road movie de terror,

-terceiro premio para Mauro Rey Toba, cun relato sinistro que ten como escenario o río.

-Tamén, pola sensibilidade coa que se conta a historia, se lle entregou unha mención ao alumno Santiago Leira García.

Para consultar os audios, pincha en arquivos adxuntos, na parte de abaixo da nova.

                                                            




CONCURSO DE PODCAST DE TERROR! PARTICIPA!


 



Abalar, a nova revista do IES Ramón Caamaño, ve a luz


 

 

 

Anunciamos con entusiasmo o nacemento de Abalar, a nova revista de creación! Os textos desta emocionante publicación correrán a cargo dos talentosos alumnos de secundaria do IES Ramón Caamaño de Muxía.

Abalar converterase nun espazo para que os nosos mozos escritores e escritoras compartan as súas historias, poemas e reflexións máis cativadoras. Cunha combinación de enxeño, imaxinación e paixón polas letras, os alumnos do noso instituto darán vida a unha revista que celebra a creatividade literaria en lingua galega, castelá, inglesa e francesa.

A revista Abalar será un testemuño do talento literario que florece nas nosas aulas. Será un faro de inspiración para futuras xeracións de escritores e un refuxio para aqueles que atopan nas palabras unha forma de expresión única.
Desfrutade deste primeiro número que, desde hoxe, formará parte do imaxinario colectivo do IES Ramón Caamaño.

 

Prema aquí para acceder: https://pedradeabalar.blogspot.com/

 

 




Distribuir contido


by Dr. Radut