Skip to Content

Biblioteca

23 de abril: celebrando o Día do Libro

O 23 de abril foi un día intensamente vivido no noso instituto. Ao redor do libro celebramos toda unha serie de actividades que se estendeu ao longo da mañá. O primeiro foi a xincana. En grupos de catro, a rapazada debía superar un total de dez probas. Entre elas, facer un bookface (integrar o seu corpo na portada dun libro mediante unha foto), bailar con libros ou saltar sobre eles, debuxar a partir do título dun libro, descubrir por que o 23 de abril se celebra esta data, facer procura de libros na biblioteca, artellar unha árbore con títulos de libros nas súas follas ou dar recitado sen problemas un trabalinguas. Tamén houbo obradoiros para todos os gustos: de marcapáxinas, de elaboración de centóns poéticos (crear poemas combinando versos doutros xa existentes), de empaquetado de libros, de elaboración de formas a partir de libros e tamén de lectura radiofónica de contos. A mañá finalizou cunha charla na que tres docentes explicaron a súa experiencia coa escrita: David Creus, Jorge de Barnola e Belén Puñal.

21 DE MARZO: POESÍA PARA COMEZAR A PRIMAVERA

Comeza a primavera, ao fin, e faino con poesía. O 21 de marzo non só é o día do equinoccio que nos anuncia a chegada do bo tempo senón que tamén se celebra o Día da Poesía. Non son os andeis de poesía os que máis libros teñen nin os máis visitados pero si, quizais, os que encerran máis sorpresas, máis emocións, máis compromisos, máis verdade, máis ansias pola procura da beleza, máis implicación coa palabra. Sacamos os libros do seu agocho nos estantes e levámolos para o recibidor do centro, para que poidan verse,e como non, tocarse, porque a poesía tamén se toca. Luz Pozo Garza, Ana Romaní, Daniel Salgado, Moncho Iglesias, Antonio Teijeiro, Bernardino Graña, Fran Alonso, María Lado e Lucía Aldao... son só algunha das voces da poesía en galego que están esperando que metas o nariz nos seus libros e lles roubes un verso.

8 DE MARZO: AS NOSAS ESCRITORAS

Con motivo do 8 de marzo, propuxémonos sacar as súas obras dos andeis e expoñelos á entrada do instituto, xunto cunha boa presada de carteis nos que o alumnado recordou o nome de poetas e narradoras, algunhas históricas, outras de xeracións máis actuais, mais todas irreverentes polo simple feito de ser mulleres e escritoras, e ademais, escribir en galego. Grazas a elas, o mundo puido escribirse dende o noso punto de vista,  o das mulleres.

23F: CELEBRANDO A ROSALÍA

Celebramos o día de Rosalía recitándoa, fotografándonos con ela e musicándoa. O 23 de febreiro reunímonos no salón de actos para ler o manifesto que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lle dedicou este ano. Tamén recordamos algún dos seus poemas máis coñecidos, entre eles, o que lle dedicou á romaría da Barca e aqueles que tiñan que ver co tema que centrou este ano o día da autora: a patria. Así mesmo, puidemos escoitar a interpretación que fixo o noso profesor de música, Xurxo, da Alborada de Rosalía. Na entrada, montamos un expositor con obras dela ou sobre ela e tamén un recunchiño, a modo de photocall, onde o alumnado se pode fotografar con imaxes de Rosalía.

11 DE FEBREIRO: DÍA DAS MULLERES E DAS NENAS NAS CIENCIAS

O 11 de febreiro celébrase o Día das Mulleres e das Nenas nas Ciencias. Na biblio poderás atopar varios libros que te abrirán á historia de mulleres dos máis variados ámbitos da ciencia, dende a astronomía, até as matemáticas, a física ou a química. Dende Hipatia até Marie Curie, pasando polas pioneiras galegas das ciencias. Bótalle un ollo!

 

E CHEGOU O ENTROIDO!

E chegou o entroido e con el a posibilidade de xogar a vivir vidas que non son as nosas! Na biblioteca participamos, como non, na programación de actividades do entroido, que este ano incluíu concurso de disfraces e obradoiros varios (de máscaras, de sombreiros, de filloas,...) así como unha exposición sobre o entroido galego, que vos deixamos agora colgada na rede.

DA CANDELORIA AO SAN VALENTÍN: A QUINCENA DO AMOR

O 2 de febreiro é o día que en os paxariños casan, segundo a tradición galega. É, en certo modo, o noso particular día do amor. Por iso, no instituto decidimos declarar a quincena do amor entre o 2 de febreiro, o Día da Candeloría, e o 14, o Día de San Valentín. Con ese motivo, espuxemos no vestíbulo libros e poemas de temática amorosa. Ademais, deixamos a disposición da comunidade educativa unha cestiña con poemas envoltos que podes levar e mesmo regalarlle a alguén.

DÍA ESCOLAR DA PAZ: LECTURAS CONTRA A GUERRA

Este ano, na biblioteca compramos varios libros que nos informan e conciencian sobre varios dos principais conflitos que fan sangrar o mundo, como o de Palestina. Con motivo do Día Escolar para a Paz, sacamos dos andeis libros que nos axudan a entender conflitos do presente e do pasado (dende a Guerra Civil e a I Guerra Mundial até a guerra dos Balcáns). Porque recordar o pasado é preciso para non repetir a historia, e concienciar sobre o presente e reforzarnos contra a barbarie.

 

AS NOVIDADES DESTE CURSO

Velaquí tedes algunha das moitas novidades coas que estamos a completar o catálogo da biblioteca este ano. O noso centro foi seleccionado dentro do PLAMBE, o Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares, e en consecuencia, o noso orzamento para biblioteca viuse incrementado. Isto permitiranos mellorar ao longo dos próximos meses tanto a nosa oferta de libros como as nosas instalacións.

PARA LERES NO NADAL: PROFES RECOMENDAN!

Pois collemos por banda a algunha e algún dos profes do centro e preguntámoslle que lle recomendarían ao seu alumnado para o nadal. Velaquí as súas recomendacións basadas en vídeo: libros para iniciarnos na física cuántica, novelas de amor, lecturas en francés, historias de misterio,... até unha banda deseñada sobre a primeira guerra mundial. Silviana, Susana, David, Majo, Carlos, Belén e a nosa coidadora, Lola propóñennos ler...

Distribuir contido


by Dr. Radut