Entrega de carteis de sinalización dos puntos de mostraxe do Proxecto Rios e de Metrominuto
Queremos agradecer a Concelleira de Medio Ambiente, Antía Alberte, que viñera esta mañá ao noso centro, a recoller os carteis de Metrominuto e do Proxecto Ríos, porque supón un recoñecemento do noso labor polo respecto e o coidado da contorna, así como polo coidado da saúde.
Forman parte doutros proxectos máis grandes que se están a desenvolver o noso centro, que son o Club de Ciencia, e o CPInnova de EDUSaúde, que nos concedeu a Consellería de Educación.
No Proxecto Ríos facemos mostraxes, en Outono e Primavera, para coñecer os animais que viven no Rego das Saíñas que está ao lado do Instituto, e que pasa a carón da “Pedra das cabras”.
É un Río xa bastante urbanizado, que pasa por debaixo da estrada, pero que ten unha gran biodiversidade, que é necesario dar a coñecer, para que se respecte, e se valore o seu papel na conservación do medio ambiente.
Nel atopamos entre outros, os animais que debuxamos nos carteis: libélulas, cabaliños do demo, moscas das pedras, planarias, e ata anguías....o cal é moi importante porque son indicativos dunha boa calidade da auga.
Na Marisma de Coroso tamén podemos observar sobre todo unha gran variedade de aves, algunhas todo o ano como as gaivotas, lavancos e garzas, e outras en períodos estacionais, como a píllara das dunas, os ostreiros ou as cotovías....
Coa nosa mensaxe, queremos subliñar a importancia de que todos estes animais vivan aquí, e de que queremos que sigan formando parte da riqueza natural da nosa contorna, e respectándoos, porque eles viven aquí, coma nos.
Co mapa de Metrominuto, queremos propoñer que o Instituto non queda tan lonxe de Ribeira e que podemos vir a pé, cando non chova, e desprazarnos a pé por Ribeira, porque “Camiñar é saúde”. Aínda que nos pareza que non temos tempo para facer exercicio, se nos desprazamos a pé, xa nos exercitamos.
Os hábitos diarios contribúen á nosa saúde, e non temos que estar pendentes de normas e horarios que nos restan liberdade. Se os tomamos como rutina, farémolos sen ter que planificalos e serán máis efectivos.
Tamén estamos intentando mellorar outros aspectos, como diminuír o tempo que usamos o móbil, e coidar a nosa alimentación, dentro do programa de fomento de Hábitos Saudables. Na nosa cafetería xa podemos mercar froita, e para o ano temos pensado afondar un pouco máis, na promoción destes cambios.