Skip to Content

Punto Laranxa contra o acoso escolar

ESPAZO_SEGURO 

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS: CONTACONTOS NA EEI "DEÁN GRANDE"

Hoxe, 15 de maio, co gallo da Semana das Letras Galegas, seis alumnas colaboradoras do noso EDLG de 3º e 4º da ESO achegáronse até a Escola Infantil Deán Grande, veciña do noso centro e situada tamén ao pé do paseo da praia de Coroso, para contarlles uns contiños ás crianzas desa primeira etapa educativa de 3, 4 e 5 aniños.

Sempre é un pracer levar adiante actividades intercentros. Unha cooperación e colaboración sinxela e gratuíta pero que, en troques, competencial e educativamente non ten prezo. As nosas contadoras puideron lembrar a súa infancia e vivir a escoliña por dentro e, ao mesmo tempo, tiveron ocasión de mellorar as súas destrezas coa oralidade, as súas competencias lingüísticas e a adaptación do seu discurso a unha audiencia moi atenta, pero tamén moi esixente! Non só iso, había quen xa tiña claro a esta altura que a súa profesión adulta será a de mestra/educadora de infantil, polo que xa puideron facer a súa primeira práctica profesional. Así mesmo, por suposto, as e os pequerrechos de Deán Grande tamén mudan a súa rutina habitual, reciben unha visita moi especial (os nervios incluso agromaron nalgún deles) e poden preguntarlles ás rapazas “maiores” todo aquilo que lles puidese interesar, sobre os contos ou sobre o que for: quen é máis rápido? Sónic ou eu?

Unha hora marabillosa da que todas e todos saímos encantados. Houbo quen quería volver mañá outra vez ;)

Como sempre, moitísimas grazas a todas as persoas que fan posible este tipo de actividades: (1) o profesorado participante (desta volta, Carme Pazos e Marcos Fdez.) e a dirección do noso centro, que facilita moito as cousas; (2) a boísima disposición da Escola e das súas mestras (grazas en especial a Sandra, directora de Deán Grande); e (3), por último, pero non por iso menos importante, sen o traballo e a colaboración (completamente voluntaria, non o esquezamos) das alumnas que se ofreceron a ensaiar, aprender e contar os contos. Moitas grazas a todas, todos e todes!

As contadoras e os seus contos:

- Sira Ayaso co conto “O Camiño”.

- Amaia Dávila, que leu “Queres xogar comigo” e “Unha eiruga moi larpeira”.

- Lucía Iglesias, interpretando “Cocorico”.

- Raquel Martís, que levou “A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza”.

- Uxía Muñiz, que se decantou por “O soño do galo”.

- Alba Sieira, que contou a historia de “Carabuñas”.

 



FSE

convivencia

Plambe

CUALE

blog | by Dr. Radut