Skip to Content

Punto Laranxa contra o acoso escolar

ESPAZO_SEGURO 

25N - MANIFESTO CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA DO IES NÚMERO 1 DE RIBEIRA

 

Manifesto 25-N 2023

Estamos nas vésperas do 25 de novembro e facemos unha parada nas nosas clases para reunirnos aquí e o primeiro que teremos que preguntarnos é: Que sentido ten isto? Que vimos facer aquí?

Como resposta a estas cuestións dirémosvos que a violencia machista é un problema tan grave na nosa sociedade que merece que nos paremos a pensar como podemos mellorar a situación individual e colectivamente.

Imos falar da consecuencia máis tráxica do machismo, que son as vítimas mortais, pero estas non son as únicas. Outras vítimas quedan marcadas para sempre por experiencias que ninguén debería vivir, que ninguén ten dereito a impoñerlle a outra persoa. Pensaredes primeiramente en agresións violentas e estaredes no certo, pero tampouco estas agresións se limitan aos casos máis tráxicos.

Pode que non coñezamos ningunha das persoas asasinadas e que tampouco nos tocase saber directamente dun caso de violación, pero si observamos na xente adulta que temos cerca agresións ou condutas machistas que quizais estean na parte máis baixa do iceberg que fixemos o ano pasado, pero que non por iso deixan de ser graves. Nas caixas lilas que pasaron polas clases relatades exemplos como faltas de respecto, actitudes de homes que cren que as mulleres están unicamente ao seu servizo, que nos fan propostas con moi malas intencións que evitamos o mellor que podemos.

Ademais, entre as persoas que estamos aquí hai quen se cre con dereito a tocar o noso corpo sen o noso consentimento, a solicitarnos fotos do noso corpo a través das redes sociais sen que en ningún momento mostrásemos nosoutras interese en ter ningún contacto, a facer burla nosa na clase cando intervimos en público prexudicando o noso traballo, a difundir notas para converternos en obxecto de burlas na aula. Algúns pensan que non pasa nada por opinar o que lles pete sobre o noso corpo ou por insultarnos pola roupa que levamos. Seguimos escoitando que os labores domésticos son cousa nosa coma se fósemos seres inferiores, tan inferiores que non podemos conducir ou practicar deporte coma os homes. E tamén os hai aquí que cando temos unha relación con eles xa se cren con dereito a controlar o noso aspecto, o noso móbil, as nosas amizades, as nosas saídas. Toda a nosa vida. Porque xa consideran que somos unha propiedade súa.

E SE NON VES QUE ISTO É MACHISMO IGUAL É QUE NON ESTÁS MIRANDO BEN.

 

POR TODO O QUE ACABAMOS DE RESUMIR,

queremos aulas libres de machismo no Nº 1 de Ribeira,

que todas estas accións desaparezan,

que avancemos cara a unha convivencia máis igualitaria,

que deixen de facer graza as actitudes machistas,

que ninguén se crea con dereito a impoñer a súa vontade sen razón,

sentirnos donas do noso corpo e non propiedade doutro,

donas do noso aspecto,

capaces de asumir calquera función ou de practicar o deporte que elixamos,

que non nos vexan como persoas de segunda nas clases.

 

A continuación, como facemos habitualmente, queremos render unha pequena homenaxe ás persoas que perderon a súa vida desde a última vez que nos encontramos aquí. Comezaremos recordando o seu nome, porque son algo máis ca unha silueta no noso marcador, son vidas que quedaron cortadas porque alguén se considerou con dereito a arrebatalas.

  1. Vanessa Elizabeth, 56 anos, Mazarrón (Murcia).
  2. María, 67 anos, Madrid.
  3. Ángela Cabañero García, 48 anos, Albacete.
  4. Yaqueline Alonzo Najarro, 31 anos, Dos Hermanas (Sevilla).
  5. Irina Mihaelaque, 34 anos, Lleida.
  6. María del Carmen Rincón Huerta, 80 anos, Zaragoza.
  7. Soraya Suárez Martín, 32 anos, Avilés (Asturias).
  8. Carmen, 88 anos, Santa Perpetua de Mogoda (Barcelona).
  9. Rebeca Huayta, 45 anos, Bilbao.
  10. Elena, 34 anos, Escalona (Toledo).
  11.  Muller de nome e apelidos descoñecidos, 20 anos, Vallecas (Madrid).
  12. Belén Palomo, 24 anos, Piedrabuena (Ciudad Real).
  13. Eva María Aza, 46 anos, Cádiz.
  14. Hayate, 46 anos, Adeje (Tenerife).
  15. Natalia Mosquera, 46 anos, Marbella (Málaga).
  16. Elisabeth, 44 anos, Balaguer (Lleida).
  17. Paloma Pinedo, 46 anos, Valladolid.
  18. India (filla da anterior), 6 anos, Valladolid.
  19. Caterina, 64 anos, La Línea de la Concepción (Cádiz).
  20. Beatriz, 47 anos, Pamplona.
  21. Elia, 17 anos, Sevilla.
  22. María del Carmen, 39 anos, Villanueva de Gállego (Zaragoza).
  23. Anne Marie, 63 anos, Orihuela (Alacant).
  24. Violeta, 34 anos, Palos de la Frontera (Huelva).
  25. María Encarnación Galán de Antonio, 81 anos, Ávila.
  26. Rebecca, 42 anos, Fuerteventura.
  27. María, 40 anos. Móstoles (Madrid).
  28. Arantxa Caro Montañez, 31 anos, Manresa (Barcelona).
  29. Lourdes del Hoyo, 47 anos, Orio (Guipúzkoa).
  30. Paula, 28 anos, Torremolinos (Málaga).
  31. Mailen Mazón, 32 anos, Vitoria (Álava).
  32. Vanesa, 44 anos, Oia (Pontevedra).
  33. Lida, 39 anos, Cornellá (Barcelona).
  34. Francy Martínez, 35 anos, L’Hospitalet de Llobregat (Barcelona).
  35. Vanesa Marín, 36 anos, Móstoles (Madrid).
  36. Zhen Jiang, 47 anos, Pamplona.
  37. Kirsty Ward, 36 anos, Salou (Tarragona).
  38. Salwa, 34 anos, Logroño.
  39. Ilham Najah, 38 anos, Antella (Valencia).
  40. Carmen Cortés, 54 anos, Humilladero (Málaga).
  41. Carle, 26 anos, Girona.
  42. Elena, 29 anos, Barcelona.
  43. Érica Vanesa, 22 anos, Utrera (Sevilla).
  44. Zhour, 27 anos, Almería.
  45. Juani, 32 anos, Pozoblanco (Córdoba).
  46. Evarista, 91 anos, San Cristóbal de la Laguna (Tenerife).
  47. Muller de nome e apelidos descoñecidos, 51 anos, Madrid.
  48. Encarni Muñoz, 39 anos, Motril (Granada).
  49. Encarnación, 63 anos, Chipiona (Cádiz).
  50. Rosario Martín Chamorro, 36 anos, Béjar (Salamanca).
  51. Raquel Lorente Pardo, 58 anos, Alzira (Valencia).
  52. Maricel García Valmeo, 46 anos, Sevilla.
  53. María Rosa Gómez Fernández, 52 anos, Villanueva del Arzobispo (Jaén).
  54. Muller de nome e apelidos descoñecidos, 71 anos, Palamós (Girona).
  55. Sandra, 37 anos, Granada.
  56. Suzan ann, 80 anos, Orihuela (Alacant).
  57. Nicoleta María Lupo, 51 anos, Castelló.
  58. Hanane, 35 anos, Cieza (Murcia).
  59. Laura, 41 anos, Tarragona.
  60. Miguela, 35 anos, Villaverde (Madrid).
  61. Sandra, 41 anos, Toledo.
  62. Paqui, 52 anos, Benalmádena (Málaga).
  63. Carolina, 39 anos, Getafe (Madrid)

 

 

Queriamos facer unha representación en homenaxe ás vítimas do último ano, pero non conseguimos persoas voluntarias suficientes. Isto pode ser tamén un motivo para pensar se aínda non nos damos conta da importancia do que estamos tratando ou é que nos dá vergonza posicionarnos nesta cuestión. En calquera caso, é para pensalo.

Agora pedimos que toda a xente aquí reunida gardemos con respecto un minuto de silencio co que remataremos a nosa conmemoración, pero teñamos en conta que a nosa loita contra as condutas machistas continúa durante todo o ano, non son cuestión dunha xuntanza puntual e para que isto dea froitos necesítase a colaboración de todas as persoas que formamos a comunidade educativa.

Isto é unha parada para chamar á reflexión e ao recordo repectuoso de quen xa non está.

Aquí non remata nada.

Querémonos vivas, libres, iguais, respectadas.

Sabemos que é o noso dereito.

Queremos que sexa a nosa realidade.

 

IES Número de Ribeira, 23 de novembro de 2023



FSE

convivencia

Plambe

CUALE

blog | by Dr. Radut