Skip to Content

Punto Laranxa contra o acoso escolar

ESPAZO_SEGURO 

1923-2023 CENTENARIO DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS

0 12 de outubro de 1923 ten lugar, na casa de Rosalía de Castro en Ortoño, a xuntanza fundacional do Seminario de Estudos Galegos, sendo o seu obxectivo elevar o nivel da nosa cultura e equiparala ás demais culturas europeas.

O Seminario de Estudos Galegos foi unha institución vinculada á Universidade de Santiago, para estudar e divulgar o patrimonio galego e formar investigadores. Estruturouse en seccións, que abarcaban boa parte das disciplinas científicas. Algúns dos seus coordinadores foron: Castelao, Risco, Otero Pedrayo, López Cuevillas, Filgueira Valverde ou Lois Tobío. Co golpe de estado franquista, o SEG sería desmantelado, varios dos seus membros -e moita xente dos seus círculos familiares e sociais- detidos e asasinados e outros sufrirían distintos graos de represión.

O SEG levou a cabo campañas de campo estudando as comarcas e parroquias galegas. A derradeira tivo lugar en Fisterra en 1936. Elaboraron tamén, entre outros documentos, un Proxecto de decreto de bilingüismo escolar ou unhas Normas pra a unificazón do idioma galego. E unha das súas achegas máis importantes foi o Anteproyeito de Estatuto da Galiza, presentado en maio de 1931. En definitiva, as súas publicacións contribuíron a normalizar o galego como lingua de cultura tanto nas ciencias sociais, como nas naturais e experimentais.

Tamén hai que destacar a presenza das mulleres do SEG, cuxa actividade é moi salientable. Máis aínda cando para elas non era nada doado acceder á universidade (entran oficialmente no 1910 e no 1924 eran 19). Entre outras: Carmen Sierra, primeira admitida, en Filosofía e Letras; Pura Lorenzana, na Sección de Prehistoria; Dolores Lorenzo, Encarnación Fraga e Amparo Arango en Xeoquímica; Celsa Pérez Moreiras en Bromatoloxía; Sara Leirós, autora dun estudo sobre o pensamento do Padre Feixoo; Xosefa Iglesias Vilarelle, autora do primeiro texto didáctico escrito en galego, un Método de lectura; e Margot Sponer, pioneira dos estudos lingüísticos e autora da primeira tese sobre a nosa língua.

 

Desde o EDLG do IES Número 1 tamén queremos facernos eco desta conmemoración, de aí que a temática monográfica do calendario do primeiro trimestre deste curso 23-24 (que se coloca no taboleiro de cortiza de cadansúa clase para anotar as datas de exames e outras actividades) estea dedicada, precisamente, ao Seminario de Estudos Galegos e ao seu labor.

Logo e Lema SEG

 

1. Fotografía (extraída de): CONSELLO DA CULTURA GALEGA (consulta: 14-out-2023).

2. Webgrafía e máis información sobre o Seminario de Estudos Galegos:

- CONSELLO DA CULTURA GALEGA. O Seminario de Estudos Galegos (consulta: 14-out-2023).

- CONSELLO DA CULTURA GALEGA. Fondos do Seminario de Estudos Galegos: a produción científica (consulta: 14-out-2023).

- CONSELLO DA CULTURA GALEGA. Mulleres no Seminario de Estudos Galegos (consulta: 14-out-2023).

- CIDADE DA CULTURA DE GALICIA. Luz na terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura [Exposición do 4 de xullo de 2023 ao 7 de xaneiro de 2024, Museo Centro Gaiás, 2º Andar. Comisario: Ramón VILLARES].



FSE

convivencia

Plambe

CUALE

blog | by Dr. Radut