Skip to Content

Somos Miraflores

Avda Miguel Hernández, 8. 15173- Oleiros (A Coruña).

Tno: 881 880 845. e-mail: ies.miraflores@edu.xunta.es

SOLICITUDE DE ADMISION PARA O CURSO 2018/2019

O alumnado de centros non adscritos interesado en cursar estudos neste centro deberá agardar ao período do 1 ao 20 de marzo de 2018 para formalizar a súa solicitude, xa neste centro. En ningún caso este alumnado deberá formalizar no período anterior a súa solicitude no seu centro adscrito xa que incurriría nunha duplicidade e a súa solicitude quedaría excluída en ambos os dous centros (o adscrito e o de nova solicitude).

As solicitudes de admisión presentaranse:

 

  • mediante o formulario normalizado a través da aplicación:  admisionalumnado
  • no centro docente indicado como primeira opción e, ademais, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado. 

RESERVA DE PRAZA PARA O CURSO 2018/2019

O xoves 01/02/2018 comezou o procedemento de reserva de praza para os centros adscritos ao IES Miraflores.

Neste período os pais/nais ou titores legais do alumnado interesado destes centros adscritos deben presentar o formulario normalizado no seu centro de orixe ou ben rexistrarse na aplicación:  admisionalumnado 

Data de presentación : do 1 ao 15 de febreiro

 

Este ano como novidade se permitirá tamén a presentación das solicitudes de reserva a través da aplicación na sede electrónica da Xunta de Galicia , por parte das familias.

ROTEIROS XEOLÓXICOS DE 4º ESO E 1º BACH

Os días 29 e 30 de xaneiro realizáronse dous itinerarios xeolóxicos organizados polo departamento de Bioloxía e Xeoloxía dirixidos polo divulgador e doutor en Xeoloxía Francisco Canosa. Estas saídas de campo teñen por obxectivo dar a coñecer e identificar dunha maneira máis amena e directa os procesos, estruturas e materiais xeolóxicos que aparecen na nosa contorna.

A soleada mañá do luns 29, o alumnado de 4º ESO saiu ao campo pola costa de Dexo. Poidemos entender in situ a formación das rochas desta costa como os xistos e os filóns de diabasa, a orixe da enseada do porto causada por unha falla, a formación dos bufadoiros, que fai 20.000 anos a Marola formaba parte dun Cabo, e que o “Seixo Branco” non é tal seixo, senón unha rocha chamada aplita!

 

O martes 30 de xaneiro, un grupo de 25 alumnos de 1º de Bach recibiron a súa clase máis especial de Xeoloxía no Complexo de Cabo Ortegal da man de Fran Canosa.  Con baixas temperaturas pero cun día espléndido, a nosa primeira parada foi no alto de San Andrés de Teixido. Alí, taboleiro e rotulador en man, falounos da influencia glaciar da contorna e da orixe do manto de esvaramento que afecta a esta ladeira.

 Xa entrados en materia, explicounos que as Terras da Capelada comprenden unha das paisaxes xeolóxicas máis singulares de Galicia e, se cabe, do mundo (non existen en todo o planeta máis dunha ducia de lugares onde afloren rochas formadas entre a codia e o manto terrestre), e que as súas rochas proceden dun proceso de colisión entre os continentes de Laurussia e Gondwana fai uns 350 millóns de anos, que deixou como cicatriz rochas ultramáficas metamórficas como as que vimos neste lugar: granulitas e peridotidas.

 Máis avanzada a mañá visitamos os cantís máis altos da Europa continental en Garita de Herbeira e por último, á tarde visitamos Cabo Ortegal onde observamos de novo rochas metamórficas coma os gneises e o impoñente dique de ecloxitas, cuxa dureza e resistencia á alteración deu orixe á paisaxe dos Aguillóns. 

ESPAZO CARDIOPROTEXIDO.

Dende a semana pasada o centro dispón dun equipo DESA (DesfibriladorSemi automático), o que o converte nun espazo cardioprotexido para todos.

 “Espazo Cardioprotexido” é aquel lugar que dispón dos elementos necesarios para asistir a unha persoa nos primeiros minutos dunha parada cardíaca.

A correcta atención á parada cardiorrespiratoria consiste na aplicación precoz dunha serie de accións coñecidas como cadea de supervivencia, que inclúe, por esta orde, o recoñecemento da situación e activación do sistema de emerxencias sanitarias, o inicio inmediato das manobras de soporte vital básico, a desfibrilación eléctrica precoz e a rápida instauración das técnicas de soporte vital avanzado. O único tratamento eficaz contra a fibrilaciónventricular é a desfibrilación eléctrica precoz.

Os profesores e o persoal do centro recibirán formación sobre a utilización deste equipo.

A adquisición foi posible grazas á colaboración do AMPA.

PLAN DIRECTOR DE CONVIVENCIA. PREVENCIÓN DROGADICCIÓNS.

A semana pasada na hora de titoría visitaron aos alumnos da ESO dous axentes da Garda Civil para informar dos riscos do consumo de drogas.

Todos estiveron moi atentos e tomaron boa nota dos consellos que lles deron Fernando e Manuel.

Moitas grazas pola súa colaboración e paciencia.

SUBVENCIÓN CONCELLO DE OLEIROS

A Xunta de Goberno Local do Concello de Oleiros na reunión con data vinte e oito de decembro   de  2017  acordou:

 Conceder ó IES Miraflores unha subvención por importe de 9.926€  (nove mil novecentos vinte e sis euros) para os seguintes conceptos:

Actividades didácticas e culturais ( festival teatro Mérida, intercambio con Francia, viaxes culturais diversos para fomentar a formación das aulas ) para 474 alumnos -as e viaxe de fin de etapa da ESO a Roma para 47 alumnos -as.

 

EXPOSICIÓN CONVERXENCIAS ARTE E CIENCIA. ÁGORA A CORUÑA.

O pasado venres, 19 de xaneiro de 2018, os alumnos de 1º de ESO fomos ao centro Ágora, da Coruña, a unha actividade titulada ‘Converxencia Arte e Ciencia’ organizada por Igaciencia, coa colaboración do Concello de A Coruña, co obxectivo fundamental de ilustrar e profundar no diálogo entre a ciencia, a arte e a tecnoloxía

Comezamos asistindo a una conferencia sobre o cubismo, centrada na obra do pintor Juan Gris, e as matemáticas e as rimas que existen na súa pintura. Ao rematar pasamos por una exposición de diversas pezas realizadas con impresión 3D, utilizando diversos modelos matemáticos, deseñadas polo artista Manuel Díaz Regueiro.

 

A continuación dividimos o grupo en dúas partes. A metade participou en varios talleres sobre ilusións ópticas e xeometría, mentres o resto coñecía á obra de M.C. Escher, e diversas curiosidades sobre algúns movementos artísticos , coma o Op Art, e a súa relación coas matemáticas.          Ao rematar intercambiamos os grupos, e regresamos ao IES con algúns coñecementos máis sobre a relación entra a arte e as ciencias.

MURAIS DE NADAL / CHRISTMAS POSTERS.

Estas últimas clases e  unha vez rematados os exames, os meus alumnos e alumnas de 1º da ESO A, B e C confeccionaron uns murais con vocabulario relacionado con esta festividade de Nadal que se aproxima.

 Con motivo das festas, os rapaces e rapazas aprenderon a definir os elementos en inglés e incluso engadiron algún verso de panxoliñas anglosaxonas nos que o elemento sobre o cal traballaron é protagonista ou se menciona de forma explícita. Deste xeito, ademáis de léxico, todos puideron coñecer unha parte da cultura e as tradicións propias dos países de fala inglesa. Sleigh, Tinsel, Reindeer, Gingerbread, Wreath…..entre moitos outros máis que podedes ver nas fotografías dos preciosos murais que fixeron os rapaces e rapazas e que adornan as paredes do noso centro.

 Tamén fixo unha estupenda colaboración Lucía Vázquez, alumna de 3º ESO A, quen fixo un mural cos seus propósitos de Aninovo moi recomendables para todos. Parabéns, Lucía!

 Quedaron todos preciosos e o máis importante, os alumnos e alumnas aprenderon moitas cousas novas sobre o Nadal.

 Felices festas a todos.

Merry Christmas and a Happy New Year 2018!

 Nuria Bello. Profesora de inglés.

 

 

CAMPAÑA SOLIDARIA GUINEA

Na liña de continuar con proxectos iniciados no curso anterior, a vindeira semana un grupo de alumnos de 2º de Bacharelato que cursan a materia de Psicoloxía, montarán nos recreos dos días 18 e 19 de decembro, un punto de información e donación na entrada do centro. O curso pasado fomos quen de enviar un montón de lámparas solares para a ONG “Miradas al Mundo” pero nesta ocasión impulsamos a Campaña “SEND SEEDS, GIVE LOVE”. As mulleres do pobo de Varela (Guinea) están a preparar un terreo para cultivar hortalizas e plantas medicinais.  Precisan semillas. A nosa proposta consiste en donar 10 céntimos para  que a horta de Varela poida medrar e dar de comer a moitos dos nosos amigos. 

 

VISITA A CASA DAS CIENCIAS E PLANETARIO DE A CORUÑA.

O día 27 de novembro todo o alumnado de 1ºESO realizou unha visita ao museo da Casa das Ciencias e o planetario da Coruña organizada polo departamento de Xeografía e Historia.

Ao chegar, repartímonos en dous grupos para alternar entre a sesión do planetario e os módulos interactivos do museo. Cando comezamos a sesión no planetario díronnos unha breve introducción sobre as distancias no Universo. Contáronnos que as fotografías que toman os telescopios espaciais serven para para coñecer como era o Universo fai miles de millóns de anos, posto que son imaxes que corresponden ao pasado. A proxección foi moi interesante aínda que algúns quedaron un pouco abraiados ao descubrir que  cando morra o Sol éste devorará  aos planetas interiores,  incluida a Terra!!

Xa de visita pola exposición, fixemos nosa a consigna de “prohibido non tocar” e experimentamos cos módulos interactivos repartidos por tódalas plantas do museo. Gustounos especialmente a exposición “Puro Swing” sobre péndulos, especialmente o columpio de péndulos acoplados que probamos todos, algún máis dunha vez…!

Temén deu tempo a debuxar, coa axuda de dous péndulos, uns chamativos trazos chamados curvas de Lissajous. Foi moi divertido!!

 

Begoña Bugía. Profesora de Ciencias Naturais.

Distribuir contido


by Dr. Radut