Skip to Content

Somos Miraflores

Avda Miguel Hernández, 8. 15173- Oleiros (A Coruña).

Tno: 881 880 845. e-mail: ies.miraflores@edu.xunta.es

VISITA A LUGO (CASTRO VILADONGA E MURALLAS)

 

O Departamento de Xeografía e Historia organizou unha saída o luns 28 de Maio. Visitamos o Castro de Viladonga (Castro de Rei) onde coñeceron as características da cultura castrexa (organización, partes dos castros, economía...), e realizaron actividades grupais "in situ" sobre as caracterís-ticas das vivendas (medición das dimensións...). Outro grupo asistiu a un taller de numismática e elaboraron unha moeda como exemplo e recordo da visita.
Despois de xantar á beira do río Miño, dirixímonos á cidade de Lugo (antiga Lucus Augusti romana), onde percorremos parte do seu recinto amurallado, para finalizar cun paseo arredor da Catedral e Praza Maior.

VISITA AQUACIENCIA, CASTELO S. FELIPE E MUSEO HISTORIA NATURAL

O pasado martes 15 de maio os estudantes de 4º de física e química fixeron unha excursión a Ferrol.

Comezamos o día coa visita ao parque temático Aquaciencia,  un espazo para aprender e para xogar co que é o principal elemento deste planeta: a auga.
Seguimos coa visita ao Museo de Historia Natural. No museo puidemos apreciar pequenas coleccións, froito dos moitos anos de traballo de varias xeracións de naturalistas.  O que máis impresionou aos rapaces foi, sen dúbida, o esquelete dunha balea común que preside a exposición dos animais mariños. 

E como remate desta excursión multidisciplinar,  achegámonos ao Castelo de San Felipe, que foi unha das fortalezas militares de Ferrol. 

Grazas á guía puidemos coñecer as estratexias defensivas do século XVI e como este castelo, xunto co da Palma e San Martín, formaban un triángulo impenetrable da entrada por mar a Ferrol. 

En definitiva, foi unha xornada intensa, pero moi gratificante, onde ademáis de aprender aspectos propios da materia, aprendimos un pouco máis de bioloxía e da nosa propia historia.

ANAGNÓRISE

Grazas á colaboración das Bibliotecas Municipais de Oleiros, o alumnado de 1º BAC puido asistir nas Torres de Santa Cruz a unha charla sobre Anagnóriseunha das novelas de María Victoria Moreno, que foi a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2018.

 A actriz e fotógrafa Sole Felloza foi a encargada de descubrirnos algunhas facetas menos coñecidas da escritora e axudarnos a reflexionar sobre os personaxes e o argumento da obra.

PONTEVEDRA VILA DE PONTES

Grazas ás actividades organizadas polo concello de Oleiros, o alumnado de 2º ESO tivo a oportunidade de coñecer a cidade de Pontevedra acompañado por uns monitores que axudaron a ver e interpretar moitos elementos que, doutra maneira, posiblemente pasarían desapercibidos.

 A visita comezou cun paseo pola cidade vella, en que puidemos apreciar como mellora a calidade vida tras un proceso de peonalización das rúas. A continuación, visitamos o Museo de Pontevedra e fixemos fincapé tanto nas salas dedicadas a Castelao como no tesouro de Caldas, un importantísimo achado da nosa prehistoria. A seguinte parada estivo no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais, onde descubrimos as sorpresas que garda o subsolo da zona histórica da cidade.

 Tras unha visita rápida á basílica de Santa María dos Mareantes e comer uns bocadillos á beira do río Lérez, dirixímonos á área arqueolóxica da Caeira, xa no veciño concello de Poio. Alí observamos diversos grupos de petróglifos e cavilamos sobre o simbolismo destes fascinantes gravados rupestres.

CAMPAÑA SOLIDARIA DE AXUDA AOS ANIMAIS DO REFUXIO GATOCÁN.

Os alumnos de Valores Éticos de 2º da ESO A e B, están a levar a cabo unha campaña solidaria de recollida de alimentos e outros obxectos que poidan resultar de utilidade para os cans e gatos sen fogar do refuxio Gatocán.
Para elo, estánse a levar a cabo varias accións:


1º. CAIXAS SOLIDARIAS. Os estudantes colocaron tres caixas no centro (unha ao carón da Biblioteca e outras dúas na entrada) que estarán ata o día 5 de xuño para que toda a comunidade educativa se involucre altruistamente e faga donacións na medida do posible. A protectora Gatocán indícanos que o que máis precisan é penso e latas de comida para cans e gatos. De todos xeitos, deixámosvos aquí unha lista de elementos que serían ben recibidos:

  • Penso ou latas de comida, lambetadas.
  • Correas, colares, camas, comedeiros, cepillos, ...
  • Medicamentos (é fundamental que non estean caducados)
  • Material hixiénico-sanitario: limpadores de oídos, desparasitadores internos e externos, algodón, gasas, betadine, alcol, auga osixenada, toallitas, luvas de látex, xiringas, esparadrapo, soro, tesoiras ...
  • Produtos de limpeza: lixivia, limpadores de chan, lavalouzas, estropallos, baetas, fregonas,...

 

2º. MERCADO SOLIDARIO: Dos días 28 de maio ao 1 de xuño durante os recreos. Onde se venderán lambetadas, sudadeiras, libros, etc...cuxa recaudación será doada íntegramente a Gatocan.

 

3º. SORTEO DUN SMARTWATCH. Todo o alumnado pode participar nunha rifa para resultar gañador dun smartwatch. A obtención dun número na rifa pode conseguirse a partir de 1€.

Animamos a todos e todas a participar nesta acción solidaria e que axude para espertar conciencias sobre as nosas mascotas.

 

Grazas,
Nuria Bello.

Profesora de Inglés e Valores Éticos.

REGUEIFAS

Para continuar a tradición dos últimos anos, a ANPA organizou neste mes de maio un obradoiro de regueifas, ao que asistiu o alumnado de 1º BAC. Os regueifeiros que nos acompañaron nesta ocasión foron Lupe Blanco e Jesús Lema, máis coñecido como Suso de Xornes.

A súa mestría serviunos para coñecer algo máis sobre esta técnica de improvisación oral e para probar as nosas habilidades. Unha das coplas que se compuxeron non podía estar máis relacionada coa semana do 17 de maio:

"María Victoria Moreno

escribindo era estratega.

Por iso lle dedicaron

o Día das Letras Galegas."

Para saber máis sobre a regueifa e a súa actualidade, pódese consultar a web www.regueifa.org.

 

XINCANA LETRAS GALEGAS

O venres 18 de maio celebramos no noso centro o Día das Letras Galegas organizando unha xincana.

A actividade desenvolveuse de 10:10h a 12:30 h e estaba dirixida ao alumnado de 3 e 4 ESO.

As probas que debían realizar estaban relacionadas coa lingua e a literatura galega e principalmente coa figura de Maria Victoria Moreno, a escritora homenaxeada este ano.

A implicación do alumnado e profesorado foi total polo que o Equipo de Dinamización Lingüística, organizador da actividade, agradece encarecidamente toda a colaboración do profesorado e do Equipo Directivo.

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

PROCEDEMENTO DE RECLAMACIÓNS ÁS CUALIFICACIÓNS DE 2 BACHARELATO

Os modelos a cumprimentar para solicitar a revisión das cualificacións  de 2 de bacharelato estarán a disposición dos interesados no centro.

Distribuir contido


by Dr. Radut