Skip to Content

blogue deadmin

ESTADÍAS LINGÜÍSTICAS DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria duplica este ano as prazas de estadías lingüísticas para o alumnado ao convocar un total de 1400. 

Podedes obter información máis completa no blog do Departamento de Orientación.

http://lacoladelperro.blogspot.com.es/2018/02/educacion-duplica-as-prazas-de-estadias.html

VISITA CASA DAS CIENCIAS (A CORUÑA)

 

O día 7 de  febreiro os alumnos de “Cultura científica” de 4º ESO realizaron unha visita á Casa das Ciencias (A Coruña) onde observaron un péndulo de Foucalt e interpretaron o seu funcionamento, visitaron a exposición “Astronomía como cha contan” e participaron nunha sesión no planetario correspondente ao ceo da noite do 7 de febreiro na que aprenderon a identificar constelacións observables con facilidade no ceo do hemisferio norte, estrelas máis visibles a simple vista e como localizar algúns planetas durante as noites de febreiro; e tamén foi proxectado un documental sobre a materia escura na cúpula do planetario.

 

DE LERIA CON CASTELAO. BIBLIOTECA AS TORRES STA. CRUZ.

 

O 8 de febreiro, grazas á colaboración das Bibliotecas Municipais de Oleiros, o alumnado de 2º ESO puido gozar da obra de teatro De leria con Castelao, da compañía Galeatro, que foi representada no auditorio das Torres de Santa Cruz.

As rapazas e os rapaces prestaron moita atención ao argumento, que ía entretecendo datos biográficos e versións dramatizadas de fragmentos da obra do autor rianxeiro.

 

Ademais, o actor Tone Martínez axudounos a reflexionar facéndonos preguntas sobre as historias de emigración das nosas familias. Fíxosenos moi curta a saída para todo o que tiñamos que contar!

CONCURSO DE RELATOS PARA OS ALUMNOS DE 2º DE ESO

 

O pasado venres 19 de xaneiro todos os alumnos de 2º de ESO asistiron, no Salón de Actos do centro, á Presentación da 58ª Edición do concurso Coca-Cola “Jóvenes Talentos de Relato Corto”, na modalidade de castelán. Carmen Grueiro Noche informoulles sobre a historia, as bases e os premios do concurso.

A proba escrita celebrarase en toda España os días 16 e 17 de marzo de 2018. Nela os alumnos terán que amosar o seu talento escribindo un relato curto. Nesta edición, formarán parte do xurado nacional escritores como Ángeles Caso, José María Merino e Luis Mateo Díez.

 

Moita sorte aos participantes!

ASIGNACIÓN DE PRAZAS

A lista provisional de admitidos e non admitidos faráse pública antes do 25 de abril de 2018.

A lista definitiva de admitidos e non admitidos faráse pública antes do 15 de maio de 2018

SOLICITUDE DE ADMISION PARA O CURSO 2018/2019

O alumnado de centros non adscritos interesado en cursar estudos neste centro deberá agardar ao período do 1 ao 20 de marzo de 2018 para formalizar a súa solicitude, xa neste centro. En ningún caso este alumnado deberá formalizar no período anterior a súa solicitude no seu centro adscrito xa que incurriría nunha duplicidade e a súa solicitude quedaría excluída en ambos os dous centros (o adscrito e o de nova solicitude).

As solicitudes de admisión presentaranse:

 

  • mediante o formulario normalizado a través da aplicación:  admisionalumnado
  • no centro docente indicado como primeira opción e, ademais, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado. 

RESERVA DE PRAZA PARA O CURSO 2018/2019

O xoves 01/02/2018 comezou o procedemento de reserva de praza para os centros adscritos ao IES Miraflores.

Neste período os pais/nais ou titores legais do alumnado interesado destes centros adscritos deben presentar o formulario normalizado no seu centro de orixe ou ben rexistrarse na aplicación:  admisionalumnado 

Data de presentación : do 1 ao 15 de febreiro

 

Este ano como novidade se permitirá tamén a presentación das solicitudes de reserva a través da aplicación na sede electrónica da Xunta de Galicia , por parte das familias.

ROTEIROS XEOLÓXICOS DE 4º ESO E 1º BACH

Os días 29 e 30 de xaneiro realizáronse dous itinerarios xeolóxicos organizados polo departamento de Bioloxía e Xeoloxía dirixidos polo divulgador e doutor en Xeoloxía Francisco Canosa. Estas saídas de campo teñen por obxectivo dar a coñecer e identificar dunha maneira máis amena e directa os procesos, estruturas e materiais xeolóxicos que aparecen na nosa contorna.

A soleada mañá do luns 29, o alumnado de 4º ESO saiu ao campo pola costa de Dexo. Poidemos entender in situ a formación das rochas desta costa como os xistos e os filóns de diabasa, a orixe da enseada do porto causada por unha falla, a formación dos bufadoiros, que fai 20.000 anos a Marola formaba parte dun Cabo, e que o “Seixo Branco” non é tal seixo, senón unha rocha chamada aplita!

 

O martes 30 de xaneiro, un grupo de 25 alumnos de 1º de Bach recibiron a súa clase máis especial de Xeoloxía no Complexo de Cabo Ortegal da man de Fran Canosa.  Con baixas temperaturas pero cun día espléndido, a nosa primeira parada foi no alto de San Andrés de Teixido. Alí, taboleiro e rotulador en man, falounos da influencia glaciar da contorna e da orixe do manto de esvaramento que afecta a esta ladeira.

 Xa entrados en materia, explicounos que as Terras da Capelada comprenden unha das paisaxes xeolóxicas máis singulares de Galicia e, se cabe, do mundo (non existen en todo o planeta máis dunha ducia de lugares onde afloren rochas formadas entre a codia e o manto terrestre), e que as súas rochas proceden dun proceso de colisión entre os continentes de Laurussia e Gondwana fai uns 350 millóns de anos, que deixou como cicatriz rochas ultramáficas metamórficas como as que vimos neste lugar: granulitas e peridotidas.

 Máis avanzada a mañá visitamos os cantís máis altos da Europa continental en Garita de Herbeira e por último, á tarde visitamos Cabo Ortegal onde observamos de novo rochas metamórficas coma os gneises e o impoñente dique de ecloxitas, cuxa dureza e resistencia á alteración deu orixe á paisaxe dos Aguillóns. 

ESPAZO CARDIOPROTEXIDO.

Dende a semana pasada o centro dispón dun equipo DESA (DesfibriladorSemi automático), o que o converte nun espazo cardioprotexido para todos.

 “Espazo Cardioprotexido” é aquel lugar que dispón dos elementos necesarios para asistir a unha persoa nos primeiros minutos dunha parada cardíaca.

A correcta atención á parada cardiorrespiratoria consiste na aplicación precoz dunha serie de accións coñecidas como cadea de supervivencia, que inclúe, por esta orde, o recoñecemento da situación e activación do sistema de emerxencias sanitarias, o inicio inmediato das manobras de soporte vital básico, a desfibrilación eléctrica precoz e a rápida instauración das técnicas de soporte vital avanzado. O único tratamento eficaz contra a fibrilaciónventricular é a desfibrilación eléctrica precoz.

Os profesores e o persoal do centro recibirán formación sobre a utilización deste equipo.

A adquisición foi posible grazas á colaboración do AMPA.

PLAN DIRECTOR DE CONVIVENCIA. PREVENCIÓN DROGADICCIÓNS.

A semana pasada na hora de titoría visitaron aos alumnos da ESO dous axentes da Garda Civil para informar dos riscos do consumo de drogas.

Todos estiveron moi atentos e tomaron boa nota dos consellos que lles deron Fernando e Manuel.

Moitas grazas pola súa colaboración e paciencia.

Distribuir contido


by Dr. Radut