Punto Laranxa contra o acoso escolar

Equipo de Dinamización Lingüística

ROTEIRO DA MULLER

 

Estamos rematando o curso e este venres 16 de xuño celebrámolo cunha nova saída do roteiro.
Seguimos realizando saídas do EDLG relacionadas co Roteiro da muller na cidade da Coruña, nesta ocasión co Departamento de Relixión, dirixido ao alumnado de 1° da ESO que cursa a materia de relixión e ao alumnado do EDLG deste nivel. Algún alumnado de 2° da ESO do EDLG, que xa o realizara e traballara este curso, é guía deste roteiro.
O "Caderno do roteiro da muller" un compañeiro neste caso, onde anotamos cuestións que non queremos esquecer e recordos que queremos lembrar deste percorrido de fin de curso, e non só iso, asemade actividades e un xeito de diario.
Primeiro merendamos con Isabel Zendal, tomamos a merenda do recreo diante da escultura e informámonos de quen foi e que fixo, aproveitamos a abrir o noso "Caderno do Roteiro". Despois fomos parando nos diversos puntos e acompañounos o panel co plano do roteiro, que inauguramos con esta saída, e que alumnado e profesorado levaron durante este recorrido pola zona do centro, nel o alumnado foi colocando pegatinas cos nomes de mulleres no lugar correspondente.

XINCANA DAS LETRAS GALEGAS

Esta semana o alumnado segue a  realizar a Xincana do Día das Letras para mergullarse na figura de Francisco Fernández del Riego.
A semana pasada o Equipo de Dinamización da Lingua Galega expuxo na entrada do centro a Xincana do Día das Letras Galegas que acompaña os carteis coa información de Francisco Fernández del Riego, e, que o alumnado traballará ata o final desta semana das Letras.
 
 

ROTEIRO DA MULLER NA CORUÑA

O luns 24 de abril iniciamos o Roteiro da muller na cidade da Coruña promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto.
Comezamos estes percorridos pola Cidade Vella e a contorna do centro, despois de rematar de buscar a información (ademais de organizala e realizar debuxos) sobre as mulleres que dan nome na cidade da Coruña a rúas, edificios emblemáticos e mesmo mulleres relevantes relacionadas con algún lugar da cidade da Coruña.
Aínda que buscamos información das rúas con nome de muller en toda a cidade o roteiro a pé comprende 14 puntos e paradas.
Os puntos do roteiro a pé son 14, partindo da escultura de Isabel Zendal, diante do centro e rematando na rúa que leva o seu nome, na cidade vella.
Serían nesta orde: Escultura de Isabel Zendal, Victoria Fernández, Adelaida Muro, María Casares, Teresa Herrera, Juana de Vega, Teatro Rosalía, María Luísa Durán Marquina (diante da placa das Irmandades da Fala), María Pita, María Barbeito, Real Academia e casa de Emilia Pardo Bazán, Teresa Herrera, Casa de Rosalía de Castro, rúa de Isabel Zendal. Lembramos ao pasar a casa de María Pita.
Durante varias xornadas alumnado de 2° da ESO participa nesta actividade.
 
 
 

DÍA DA POESÍA - 21 DE MARZO

 

O día 21 realizamos o Roteiro da Poesía.Na actividade do Roteiro participou alumnado de 1º e de 2º da ESO do Club de lectura e do EDLG. Iniciamos o percorrido no Papagaio recitando poemas de Luísa Villalta (á beira dos que alí están expostos dela) e acompañounos a poeta Olga Patiño, quen recitou un poema que lle dedicou a Luísa Villalta; despois seguimos á Praza de España e máis tarde a María Pita, aquí recitouse o poema Lela, de Castelao; a seguir fomos á Real Academia Galega, onde Nuno García nos sorprendeu cantando un poema de Rosalía e Olga Patiño fixo referencia a Luz Pozo Garza, de quen recitou poemas; seguimos a onde estaba o antigo cárcere e a continuación fomos á casa de Rosalía de Castro, alí fixemos unha parada importante, porque se leron varios poemas. Subimos entón cara a rúa Sinagoga, onde lle demos unha sorpresa a Olga Patiño, porque varias alumnas recitaron un poema que Olga Patiño dedicou a Curros Enríquez, e especialmente recitaron nesta rúa porque aquí pasou a súa infancia a autora e constitúe un espazo moi importante para ela, emocionouse e animou ao alumnado a seguir sendo "LUZ, vós tamén sodes luz" -díxolles-. Paramos logo na Praza da Fariña e aquí recitamos os poemas que ficaban por ler, e, ademais, tivemos a sorte de que a autora recitou un poema inédito dela. Rematamos o roteiro cunha parada diante do letreiro das Irmandades da Fala na rúa da Franxa e posteriormente diante da igrexa de San Nicolás, aquí dúas alumnas leron cartas que se escribiron Rosalía de Castro e Manuel Murguia. A presentación levouna a cabo o alumno Óscar Lires.
 

EDLG - ESTÍBALIZ ESPINOSA

O venres 10 de marzo tivemos a sorte de poder rematar a actividade que se comezara o curso pasado con 1.º de Bacharelato. O alumnado de 1.º ESO C asistiu a unha charla sobre a Poesía e a Astronomía. Despois o mesmo alumnado realizou poemas e Estíbaliz Espinosa tróuxoos de novo para traballar con eles este venres.
Máis tarde 2.º da ESO A realizou poemas relacionados con imaxes da Terra de satélite. A verdade que ata houbo alumnado que traía preparado algún poema sobre o Mar, ben bonito, e que se animou a presentarllo á autora, quen o leu e a partir de aí algún grupo realizou poemas. Os temas foron diversos: sobre as imaxes que Estíbaliz presentaba sobre a Terra, sobre o mar, ...
Unha actividade marabillosa, na que conxugamos varios temas e aprendemos moito.
O noso agradecemento a @estibaliz.espinosa pola súa colaboración

Últimos Artigos

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer