Punto Laranxa contra o acoso escolar

DÍA DA POESÍA - 21 DE MARZO

 

O día 21 realizamos o Roteiro da Poesía.Na actividade do Roteiro participou alumnado de 1º e de 2º da ESO do Club de lectura e do EDLG. Iniciamos o percorrido no Papagaio recitando poemas de Luísa Villalta (á beira dos que alí están expostos dela) e acompañounos a poeta Olga Patiño, quen recitou un poema que lle dedicou a Luísa Villalta; despois seguimos á Praza de España e máis tarde a María Pita, aquí recitouse o poema Lela, de Castelao; a seguir fomos á Real Academia Galega, onde Nuno García nos sorprendeu cantando un poema de Rosalía e Olga Patiño fixo referencia a Luz Pozo Garza, de quen recitou poemas; seguimos a onde estaba o antigo cárcere e a continuación fomos á casa de Rosalía de Castro, alí fixemos unha parada importante, porque se leron varios poemas. Subimos entón cara a rúa Sinagoga, onde lle demos unha sorpresa a Olga Patiño, porque varias alumnas recitaron un poema que Olga Patiño dedicou a Curros Enríquez, e especialmente recitaron nesta rúa porque aquí pasou a súa infancia a autora e constitúe un espazo moi importante para ela, emocionouse e animou ao alumnado a seguir sendo "LUZ, vós tamén sodes luz" -díxolles-. Paramos logo na Praza da Fariña e aquí recitamos os poemas que ficaban por ler, e, ademais, tivemos a sorte de que a autora recitou un poema inédito dela. Rematamos o roteiro cunha parada diante do letreiro das Irmandades da Fala na rúa da Franxa e posteriormente diante da igrexa de San Nicolás, aquí dúas alumnas leron cartas que se escribiron Rosalía de Castro e Manuel Murguia. A presentación levouna a cabo o alumno Óscar Lires.
 

Últimos Artigos

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer