Skip to Content

Outra vez "Gatacca"

Outra vez Gattaca

 

Como  o pasado curso, dentro da materia Pornovideo de Bioloxía volvemos a visionar a película Gattaca, relacionada cos estudos de xenética que se desenvolven en 4º ESO.

De entre as opinións recollidas gustounos a da alumna Rocío Rodríguez (4º B) que a continuación vos expoñemos:

“Dende o meu punto de vista, Gattaca é unha película moi interesante, bioloxicamente falando e, ao mesmo tempo é moi divertida e entretida. Quero destacar estes dous aspectos, xa que é difícil atopar unha película que os cumpra.

Gattaca contén múltiples referencias ao mundo da xenética, ben sexa a través de aspectos como pode ser a escaleira de caracol que comunica o primeiro e o segundo piso da casa do noso protagonista; ben cos comportamentos deste, o coidado que el tiña de non deixar nada, que xeneticamente o puidesen descubrir ou identificar; ben a menciña, se así se lle pode chamar ás repetidas operacións necesarias para a transformación; toda a electrónica empregada,…

Persoalmente estou moi contenta de poder gozar dunha experiencia tan interesante, como foi ver esta película, pois Gattaca reflicte claramente as arelas, as ganas, as ansias de superación por parte do protagonista.

É moi triste ver como a  sociedade do futuro tan só busca un individuo perfecto e, ata chegar ao punto de catalogar aos seres humanos como válidos ou inválidos, sen ter en conta que todos somos persoas e non nos deben discriminar polos defectos ou virtudes que poidamos ter. É aquí onde xoga un papel fundamental o amor, pois este é o sentimento que todo o pode, e polo cal estás disposto a facer verdadeiras tolerías e confiar cegamente na persoa á que amamos.

Podemos afirmar entón que o fenotipo é igual á xenética máis o ambiente, e este condiciona moito o fenotipo, como queda na película de manifesto.

E, sobre todo o que máis importante me parece e, co que verdadeiramente nos debemos quedar, é isto: “Todo aquilo que queremos alcanzar, se queremos, podemos”.

Porque a Real Academia define imposible como algo que non ten facultade, nin medios para chegar a ser ou suceder, e define improbable como algo inverosímil, que non se funda nunha razón prudente.

Postos a escoller, a todos nos gusta máis a improbabilidade que a imposibilidade, porque a improbabilidade doe menos, e deixa unha fenda á esperanza; que o noso protagonista e a rapaza astronauta se namorasen era improbable, pero sucedeu. Tamén cando se desatou toda a busca para atopar ao responsable da morte do capitán, non descubrisen a verdadeira identidade do protagonista, era improbable pero sucedeu; o amor, as relacións, os sentimentos, os soños… non se fundan nunha razón prudente.

Por iso non me gusta falar de soños imposibles senón de soños improbables. Porque o improbable é por definición probable, porque o que é case seguro de que non pase é o que pode pasar… Mentres haxa unha posibilidade, media posibilidade entre un millón, vale a pena intentalo!!!



story | by Dr. Radut