Escolares

Día das Letras Galegas

Enviado por lcc o Xov, 06/05/2010 - 05:51
17/05/2010
17/05/2010
Etc/GMT+1

Día non lectivo.

Día das Letras Galegas 2010

Adicado a Uxío Novoneyra

 

Uxío Novoneyra -Novo Neira no rexistro civil- naceu o 19 de xaneiro do 1930 na aldea de Parada, da parroquia de Seoane ou Savane, preto da impresionante e hoxe mítica Devesa da Rogueira. Por parte de nai procedía dunha estirpe de fidalgos rurais con pazo na parroquia cebreirega de Pacios do Señor; por parte de pai, dunha familia de podentes labregos; a súa casa natal era a máis forte da aldea. Chegado o tempo, Uxío estudou o Bacharelato en Lugo, onde fixo fraternal amizade co seu estrito coetáneo Manuel María, de parecida orixe social. Xunto con el, frecuentou o trato de intelectuais da xeración anterior, como Luís Pimentel -mestre de poesía para os dous-, Ánxel Fole, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Johán e Ramón Piñeiro.

Ós 19 anos Uxío trasladouse a Madrid, onde ficou ata 1951 e se matriculou como ouvinte na Facultade de Letras. Voltou a Galicia para facer o servizo militar, coincidiu de novo no campamento de Parga con Manuel María. Rematado o período de instrución, os dous foron destinados a Santiago, onde seguiron en fraternidade, frecuentando de novo Ramón Piñeiro e outros intelectuais e artistas entre os cales Otero Pedrayo e Carlos Maside foron talvez os máis decisivos na súa formación.

Estando en Santiago, Novoneyra enfermou dunha pleuresía que o tivo ás beiras da morte e lle deixou longas secuelas. Aínda que ás veces facía pequenas escapadas a Lugo, a Compostela, a Madrid e a outros lugares, entre 1953 e 1962 viviu case recluído no Courel. Cando volveu para a aldea, había nela veciños vidos de fóra: María Mariño Carou e o seu marido Roberto Pose, mestre de Parada e antigo militante das Mocedades Galeguistas, os dous en amizade cordial coa súa familia, propietaria da casa da escola. A fraternal relación cotiá entre o mozo poeta, que xa escribira Os eidos, e aquela complexa muller de Noia, xa de mediana idade e cunha cultura máis fragmentaria, foi de parte a parte unha das grandes e frutíferas amizades literarias de Galicia.

En 1962 Uxío radicouse por un tempo en Madrid, onde traballou en programas de radio e televisión como comentador e recitador de poesía, e onde mantivo unha fraternal amizade co pintor Reimundo Patiño e participou nalgunhas actividades do grupo Brais Pinto, ademais de frecuentar unha certa bohemia nucleada no Café Gijón. Desta época debe datar tamén a súa amizade co gran poeta galego de expresión castelá Carlos Oroza. Pero en 1966 volveu para a casa, reclamado pola vellez e enfermidade de seus pais, e seguiu residindo no Courel. Contra 1968 coñeceu a lucense Elba Rei -«leve azafrán entre laranxa e cera», diría moitos anos despois en verso perfecto- coa que casou en 1973 e coa que tivo tres fillos, Branca-Petra, Uxío e Arturo.  Elba Rei é enfermeira; de casados residiron durante anos no Courel, ou máis ben entre o Courel e Lugo, até que en 1983 se radicaron en Santiago; o ano anterior Novoneyra fora elixido presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, cargo que ostentou até a súa morte.

Nestes anos composteláns, Novoneyra incrementou aínda máis a súa actividade pública, que se viñera facendo cada vez máis intensa dende mediados dos setenta, con ducias e ducias de intervencións e recitais, a miúdo multitudinarios, que o levaban por asociacións culturais e logo por centros de ensino de toda Galicia. A súa poderosa voz e o seu sabio e delicadísimo manexo de todos os recursos da expresión oral e corporal fixeron del un recitador -el prefería a palabra «dicidor»- inimitable, non só dos seus propios poemas, senón tamén dos alleos, e especialmente das cántigas dos trobadores. Á súa condición de poeta xenial unía varias condicións persoais que o converteron nun auténtico mito: unha bondadosa inxenuidade de neno enorme -Mozo Grande, díxolle Ferrín-, un radical compromiso cívico co pobo e coa lingua e unha insubornable e tranquila honestidade na súa vida.     

Uxío Novoneyra morreu en Santiago de Compostela cando apenas entrara na ancianidade, o 30 de outubro de 1999, e foi enterrado en Lugo, no cemiterio municipal de San Froilán.

   

 

 

 

 

Consulta esta nova na súa ubicación orixinal: Real Academia Galega

Distribuir contido