Teléfono
 
881 938200

Correo electrónico
 
ies.mugardos@edu.xunta.gal

Enderezo
 
Rúa do Cristo s/n

  15620 Mugardos (A Coruña)

 

                  

PLATAFORMAS E AULAS VIRTUAIS
        EDIXGAL MOODLE ABALAR  
           
  RADIO  REDES   VIDEOCONFERENCIA 
 

   

        

ACTIVIDADE INTERXENERACIONAL:CALQUERA TEMPO PASADO FOI MELLOR? COMO ERA A VIDA DAS MULLERES HAI DÉCADAS

  

 

Hoxe e onte, Gabriela, Loli, Herminia, Jacinto e Juan, da Asociación Apelón, chegáronse ao centro para falar de igualdade, e descubrirnos se é certo o dito de que todo tempo pasado foi mellor. 

En principio descubrimos que ir á escola era unha experiencia realmente diferente a que é hoxe. Antes, chegar á escola era todo un reto, camiñar 2 kms por lameiros ou ir en barco e non ter como voltar eran realidades frecuentes. A calefacción era un luxo e un privilexio que se gozaba pouco ou nada. As aulas estaban formadas por rapazada de diferentes idades que aprendían xuntos. Nenos e nenas estaban separados, ou ben había escolas de nenos e nenas, ou había aulas de nenos e nenas.  Faciase realidade o dito de "a letra con sangue entra", que permitía que as regras de madeira  aterrizaran nas mans ou nos cús dos rapaces e rapazas. 

Hoxe educamos en igualdade pero antes as aulas educaban para facer sentir a diferencia entre xéneros. As nenas estudaban para as actividades domésticas, e os nenos estudaban para ser profesionais remunerados. Ás rapazas na escola tiñan "materias" de costura, do fogar. Os rapaces, non. 

Fóra das aulas non adoitaba haber pandillas mixtas, e en todo caso, se ían xuntos rapaces e rapazas, o que era inadmisible é que un rapaz e unha rapaza estiveran xuntos a soas. Non había redes sociais telemáticas, pero si redes sociais presenciais que se encargaban de facer chegar a información e xulgar á rapaza. A mala reputación sempre era para elas.

As mulleres nos 60 e 70, cando a dictadura, non podían facer unha chea de cousas ou alomenos sen que un home dera o visto bo: contratar a luz, ter unha nómina, saír coas amigas. Non había divorcio, a lei non recoñecería este dereito ata a década dos oitenta. Cando casabas, casabas ata que a morte separaba, polo que se a vida non era boa co teu home, a vida convertiase nunha mala experiencia sen data de caducidade. Non era so que non houbese opción ao divorcio, é que non ter un traballo remunerado, e uns estudos que facilitaran o emprego, impedían ás mulleres saír desta situación.

Cousa curiosa foi que nas décadas anteriores, na época da República, as mulleres gozaban de maiores libertades. Unha muller podía entrar nun bar sen ser xulgada, podía divorciarse. Vai ser que na nosa historia recente houbo tempos pasados mellores que os que viñeron despois.

Aprendimos que antes as mulleres eran as que vestían de luto, medio luto e alivio. E mesmo se vestían en promesa a un santo durante un ano coa mesma roupa. Ensinar o corpo...pouco o nada, o tempo dos biquinis chegaría máis tarde. Do corpo, da nosa bioloxía non se ensinaba nadiña, non se falaba da regra (á que se nomeaba en clave porque era tabú) nin do sexo, aprendíase coa experiencia propia e a dos demáis.

Os nosos maiores, recoñecen que ser neno naquel entón era unha experiencia moi diferente á de hoxe. Os nenos e nenas traballaban moito. As condicións de vida eran duras, non había nin as comodidades de hoxe nin os servizos de protección ás persoas vulnerables. Loli nos contaba como con sete anos quedou soiña na casa cando detiveron á familia coa que convivía. Imaxinade a situación!

As mulleres tiñan máis fillos que hoxe en día, non era raro ter 18 criaturas. Sobrevivir e manterse era compricado, e ás veces incluso comer da estercoleira era a opción de encher algo o estómago. Ter moitos fillos implicaba moito traballo para as mulleres, este traballo  xunto co traballo na casa, no campo, na granxa, deixaba sen horas de descanso ás mulleres. Eles logo do traballo tiñan o seu tempo, elas sempre traballaban, cansadas e casadas, pola mañá, pola tarde, pola noite.

Jacinto e Juan nos recordan como houbo que loitar polos dereitos que desfrutamos hoxe. Dereito ao divorcio, dereito ao aborto, dereito a manifestarse, dereito á igualdade. Lles debemos moito aos/ás nosos/as maiores. Nada do que temos hoxe foi gratis. Defenderon as nosas libertades e os nosos dereitos. Que grandes! 

Canto aprendimos hoxe, cantas cousas vellas que resultaron tan novas, que sorpresa descubrir como era a vida das mulleres, dos nenos, dos homes, hai varias décadas. Que sorte poder escoitar a historia recente contada polas nosas maiores. Grazas Apelón, sodes un tesouro ben grande!