Skip to Content

Alemán

A viaxe de estudos a Baviera en 'La Voz de Galicia'

A viaxe de estudos a Baviera organizada polo Departamento de Alemán chamou a atención do xornal La Voz de Galicia (ligazón) 

Viaxe de estudos a Baviera

O Departamento de Alemán organiza todos os anos unha viaxe de estudos a un país de fala alemá. Este ano, entre o 14 e o 20 de marzo, o alumnado do 4º curso da ESO e do 1º curso do bacharelato visitou Baviera.
Os dous primeiros días estiveron dedicados basicamente ao coñecemento da cidade de Múnic, incluídos os estudios cinematográficos Bavaria Filmstadt, a BMW e o estadio do Bayern de Múnic; ao día seguinte fíxose unha excursión até o castelo de Neuschwanstein, nos Alpes orientais, e ao regreso houbo varias paradas, entre as cales destacou Landsberg am Lech, a cidade onde estivo preso o ditador Adolf Hitler case unha década antes de acceder ao poder; e os dous últimos días estiveron centrados precisamente no estudo da época nacionalsocialista, incluída unha visita ao campo de concentración de Dachau.
Para o alumnado foi unha experiencia moi esixente, tanto intelectual como emocional e fisicamente. As alumnas e alumnos tiveron que estar moi atentos ás visitas (nalgunhas das cales foron eles mesmos quen fixeron de guías) e, polas noites, durante as reunións no albergue, reflexionaron sobre as experiencias e presentaron as actividades pendentes. Ao tempo, redactaron un diario. Con todo, e malia ser unha viaxe de estudos moi ambiciosa, en que se abordou un tema tan duro como o do Holocausto e se puxo a proba a resistencia física con andainas de moitos quilómetros, a experiencia resultou tan estimulante como divertida.

Exposición sobre as mulleres na shoah

Con ocasión do Día Internacional da Lembranza do Holocausto, que se celebra o 27 de xaneiro, o alumnado de Alemán preparou unha pequena exposición centrada no papel da muller na shoah, baixo a dirección das profesoras Sagrario Torrado, membro do equipo da biblioteca, e Susana da Conceição.