Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional

Mariola, billarda, fumeiro, gramalleira, fuscadouro, cangallo, bacelo, videira, bicheiro, ganduxo, baghazo, arpilleira, canizo, pirú, canizo, fuñeiro, lerme…. son só algúns dos exemplos das moitas palabras que o noso alumnado de 1º ESO foi apañando entre a veciñanza de máis idade e, xa que logo, de maior sabedoría.

O léxico tradicional vinculado ao mundo do mar, da vendima, da costura, da matanza ou dos xogos populares foi o protagonista do proxecto "Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional", dependente do Instituto da Lingua Galega, que ten como finalidade o coñecemento e valorización do noso patrimonio cultural entre as xeracións máis novas.

Grazas a este traballo de recollida das “nosas verbas estirpe” -como lle chamaría Ferrín-, os rapaces non só tiveron a oportunidade de ampliar o seu vocabulario, senón que tamén puideron interactuar coa xente verdadeiramente coñecededora duns oficios, duns costumes e duns saberes, que conforman a nosa identidade cultural pero que corren o risco de perderse.

Pero como o noso patrimonio tradicional non só se limita ao léxico, xunto coas palabras, tamén recompilaron lendas, coplas ou pegadas dunha rica fraseoloxía popular como “moveste como un sarillo” ou “o lume onda a estopa, o demo lle sopra”.Moitos achegaron, ademais, imaxes e gravacións en vídeo e audio dos seus informantes, o que nos permite apreciar unha fonética peculiar na que latexa a pegada dun pasado cheo de vida e orgullo. Mesmo algúns se atreveron a elaboraren os seu propio caderno de vocabulario, como o do campo semántico dos cabalos, que tan enraizado está nesta contorna.

Nestes tempos en que a fractura xeracional pode acabar co noso patrimonio lingüístico, resultan interesantes iniciativas como esta. A lingua é o sinal de identidade dun pobo, así que non podemos deixar que o noso legado cultural esmoreza, porque como diría Castelao: “Se aínda somos galegos, é por obra e graza do noso idioma”. A ver se conseguimos entre todos que a cultura de noso se (re)coñeza como é debido e que a mocidade lle dea pulo sementando co seu uso “mil primaveras máis para a lingua galega”.