Encontro coa dramaturga Carme Varela

A dramaturga galega Carme Varela visitou o noso centro para ter un encontro co alumnado de 2º BACH E de artes escénicas e musicais. Con eles, falou da súa traxectoria como escritora -centrándose especialmente no seu primeiro texto dramático, As desterradas (2021), premio Álvaro Cunqueiro- e como integrante do colectivo O Sorriso de Daniel, que pon en valor o noso patrimonio románico esquecido e maltratado.

Antes do comezo da charla, dúas alumnas, Alba Pérez Villa e Valeria Moncada Avendaño, dramatizaron un pequeno fragmento da escena segunda d’As desterradas, en que interveñen dúas das personaxes da obra: a noviza Tareixiña (Alba Pérez) e Andrea (Valeria Moncada), unha moza da aldea.

Repercusión desta actividade no Atlántico diario

Entrevista a Carme Varela na radio do centro, O Son da Noca 

Bob Marley: One Love

O alumnado de 2º Bacharelato social e artístico tivo ocasión de ir ver a película Bob Marley: One Love nos Cines Gran Vía unha vez que remataron a segunda avaliación.

Con valoracións dispares, o alumnado destacou o contexto político que se ve reflectido na película e como a figura de Bob Marley resulta crucial difundindo a todo o mundo unha mensaxe pacifista en plena guerra civil.

Pola contra, a película perde pulso ao centrarse só nuns anos nos que Marley xa é famoso, polo que non se percibe moita progresión no personaxe, deixando ademais varias tramas sen acabar de resolver.

 

Coruña científica

O pasado xoves 7 de marzo, o alumnado do itinerario científico de 2º Bacharelato chegamos ás 12:10 á cidade da Coruña. Aínda que tivemos unha viaxe con moita chuvia, o tempo acabou acompañándonos ao longo de todo o día, feito que facilitou o bo aproveitamento da saída.

En primeiro lugar. visitamos o Muncyt, museo de ciencia e tecnoloxía. Unha vez rematada a visita, na que o alumnado participou nun obradoiro de cine e ciencia, saímos para comer no centro da cidade.

Visitamos tamén a exposición Helmut Newton - Fact & Fiction e a continuación a exposición Antonio Palacios. El rumor de la historia. El ruido del tiempo da que é comisario o profesor do centro José Luis Varela, gozando deste xeito dun guía de luxo.

Compartimos así un día estupendo co noso alumnado fóra do ámbito estritamente académico antes de nos meter de cheo no derradeiro trimestre do curso.

Torneo de Virus

Tal e como anunciaramos hai semanas, dende o 26 de febreiro até o 5 de marzo de 2024, celebrouse durante os recreos o torneo de Virus.

Foron momentos de xogo con amigos e amigas vividos con moita emoción que nos levaron nun suspiro á gran final do martes 5.

Quedamos vacinados por un ano, deica a próxima edición!

 

Charlas nos colexios adscritos

Dende o 1 de febreiro até o 5 de marzo de 2024, algúns alumnos e alumnas de 1ºESO tiveron a oportunidade de volver aos seus coles de primaria.

Alí puideron falar co alumnado de 6º de primaria que se incorporará ás nosas aulas o próximo curso, contarlles a súa experiencia e os cambios vividos estes meses. Moitos foron os que se animaron a preguntarlles polas novas materias, o profesorado preferidos, a comida máis rica da cafetería, como se organizan os recreos, as festas...

O noso alumnado, xa veteranos, estivo encantado de resolver as dúbidas e poder apoiar neste cambio de etapa.

Unha preciosa experiencia que contamos con instaurar como unha nova tradición do noso instituto.

Degustación de plantas comestibles

O pasado luns 4 de marzo o alumnado do Club de Ciencias fomos ao laboratorio do IES Álvaro Cunqueiro.

Alí agardaban por nós Patricia Puga e o Club de Ciencias do outro instituto; xuntos puidemos facer unha degustación de diferentes receitas con plantas comestibles que aprenderon a identificar nunha saída anterior pola contorna.

Vimos como se elaboraban algunhas das receitas, como os zumes, e anotamos algúns consellos para podermos incorporalas nos nosos menús cotiáns.

Probas avaliación diagnóstico

Os vindeiros días 10 e 11 de abril terán lugar as probas de avaliación de diagnóstico para o alumnado matriculado no curso de 2º ESO, en cumprimento da nova lei educativa estatal. 

Información para as familias

Falemos da ABAU

A Universidade da Coruña (UDC) elaborou uns vídeos explicativos, Falemos da ABAU, que poden ser de utilidade para o alumnado de 2º de Bacharelato que se vaia presentar ás probas da ABAU.

Parte I: Contexto da ABAU

Parte II: Proba de acceso

Parte III: Proceso de admisión

Bolsas para alumnado que curse estudos postobrigatorios

Está aberto o prazo para solicitar bolsa para os estudos postobrigatorios ata o 10 de maio, ás 15.00 horas.

A tramitación só é electrónica, a través de Internet: https://sede.educacion.gob.es/sede/login/inicio.jjsp?idConvocatoria=2076

Anuncio da convocatoria

Convocatoria xeral 2024-2025

Información e acceso á tramitación electrónica

 

Distribuir contido