Homenaxe a Reveriano Soutullo

O alumnado de 2º Bacharelato de Artes Escénicas rendeu o seu particular homenaxe a Reveriano Soutullo no centenario da estrea da zarzuela “Leyenda del beso”.

 [Se non pode ver o vídeo, prema na seguinte ligazón: Ronda de enamorados]

 

 

Entroido

O Entroido é quizais unha das épocas máis activas no noso centro. Nestas datas todo acontece a gran velocidade así que só aspiramos a deixar un pequeno retrato de parte do vivido estes días.

Á marxe dos concursos oficiais de coplas e máscaras tradicionais de Entroido, a biblioteca organizou o seu propio concurso de disfraces de personaxes literarios.

E como xa é habitual, o noso singular Meco foinos dando mandados dende o luns 5 de febreiro para irmos facendo corpo e coller forzas para o gran día de celebración, o venres 9. O luns 5 sorprendéronnos as profesións máis diversas: dende empregadas de gasolineira a todo un restaurante de comida rápida; o martes foi un día multicolor e o mércores o tradicional día do pixama, con afluencia masiva de alumnado con roupa de cama. O xoves tivemos un día de gala con vestimentas de alto nivel e, por fin, o venres 9 cadaquén escolleu de maneira libre o disfrace da súa preferencia.

Unha vez máis e debido á chuvia, tivemos que adaptar todo o festival a dous pases interiores no salón de actos onde houbo de todo: grupos de baile, actuacións musicais, magos, chistes, unha performance do máis orixinal e mesmo profes bailando un número do musical Grease.


O resto do alumnado da ESO tivo unha hora de festa nos ximnasios e no patio exterior cuberto onde gozaron das coplas tradicionais de Entroido e outra música festiva típica destas datas interpretada polo grupo de música do centro.

 

Torneo de Baloncesto

Ademais de contar con diferentes actividades que dinamizan os recreos na biblioteca ou torneos de xogos de mesa, neste curso, e grazas á iniciativa dos profesores Borja Barreira, Belén Pombo e Gabriel Rodríguez, botamos a andar o I Torneo de Baloncesto.

Desde o luns 27 de novembro até o venres 9 de febreiro, tivemos moito deporte durante boa parte dos recreos. Os únicos requisitos para participar era conformar equipos mixtos, querer pasalo moi ben iniciando novas amizades ou consolidando as xa existentes e comprometerse a facer algo de exercicio mantendo así un estilo de vida saudable.

Se aínda por riba consegues vencer o equipo dos profes, quédanche moitas ganas de volver repetir.

Botámoslle outra?

Elas fan Ciencia

O pasado xoves 8 de febreiro as alumnas do itinerario de ciencias de 1º Bacharelato, de 4ºC e do Club de Ciencias acudiron a unha serie de obradoiros na escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo por mor do Día Internacional da Nena e da Muller na Ciencia.

Elas fan CienTec 2024 é unha nova edición deste formato ideado dende a Unidade de Cultura Científica e Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo destinado unicamente a rapazas de institutos de Vigo e contorna para que poidan coñecer, da man de investigadoras e docentes, todo o que abranguen as áreas de coñecemento científico-tecnolóxico co fin de enfocar as súas vocacións cara a estes ámbitos.

A decisión de dirixir a actividade tan só a rapazas e non a rapazas e rapaces está avalada en estudos que demostran que o comportamento das nenas cambia segundo se atopen nunha contorna de xénero mixto ou nunha contorna conformada só por outras rapazas.

Os obradoiros desta edición xiraron ao redor da termografía infravermella, ao deseño e o prototipado e á aplicación da tecnoloxía industrial ás novas tecnoloxías.

Torneo de Uno

O Club de xogos de mesa“Sube de Nivel +1” organizou un ano máis o torneo do famoso xogo Uno durante os recreos dende o luns 29 de xaneiro até o luns 5 de febreiro, cando tivo lugar a final.

Moito nos presta ter uns recreos tan dinámicos nos que o alumnado pode escoller entre varias opcións de lecer.

Ídevos preparando que xa logo bota a andar o torneo de 
Virus
!

 

Do laboratorio á aula

O camiño da ciencia non é doado. Trátase dunha carreira de fondo e con múltiples obstáculos, pero tamén é unha viaxe que ofrece moitas experiencias e unha ampla visión do mundo. Como chega unha científíca a selo? Cal é o camiño que debe seguir? Que posibilidades hai?

Con este relatorio ofrecido o venres 2 de febreiro ao alumnado de 2º Bacharelato do itinerario científico pola ex-alumna do centro María Alborja Balado e Jessica Calo Rodríguez, pretendeuse dar a coñecer a maneira de acceder a un doutoramento, para que serve e que posibilidades ofrece; os tipos de contratos pre-doutoramento, funcionamento dun doutoramento, vantaxes e inconvenientes, requisitos para acadar un bo currículo investigador...

A charla, ofrecida pola 
Unidade de Cultura Científica e Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo co gallo da celebración do Día Internacional da Nena e da Muller na Ciencia, supuxo a oportunidade de contactar de primeira man con dúas investigadoras (ambas as dúas relatoras son estudantes do doutoramento “Fisioloxía de Peixes e a súa Aplicación en Acuicultura
”) xerar debate, aclarar dúbidas e falar da posibilidade dun futuro científico.

Mosca

Por segundo ano consecutivo, o Departamento de Orientación do IES Alexandre Bóveda decidiu iniciar o traballo de acción titorial co que tratar o tema do acoso escolar a través da obra teatral Mosca. Grazas a esta complexa obra da compañía Artika Cía, o alumnado puido inxerirse de cheo nunha situación de bullying  facéndoo de maneira poliédrica, accedendo a unha mesma experiencia percibida dende diferentes perspectivas.

Dado o interese dramático que ten a peza en si mesma, o alumnado de 3º ESO asistiu á sala Ártika o venres 2 de febreiro acompañado do alumnado de 1º Bacharelato de Artes Escénicas. Ao final da obra, todo o alumnado tivo a oportunidade de participar nun coloquio tan interesante como frutífero sobre o presenciado cos membros da compañía. E como o traxecto de ida e volta á sala se fixo andando, o coloquio tivo ocasión de continuar no camiño de regreso.

A familia Bloom (Penguin Bloom)

O xoves 1 de febreiro o alumnado de relixión do centro tivo a oportunidade de asistir ao XIII Ciclo de Cine Social organizado como cada ano por Cáritas Diocesana de Tui-Vigo no cine teatro do Colexio Salesianos de Vigo.

Nesta ocasión o tema escollido foi a familia como unidade de cohesión social. A través da película A familia Bloom (Penguin Bloom), o alumnado puido apreciar a importancia da familia para afrontar as dificultades que xorden na vida ademais de poñer en valor a resiliencia para afrontar a adversidade.

O Entroido vigués: o Merdeiro

Dando inicio á celebración do Entroido no noso centro, parte do alumnado de 1ºESO puido deleitarse o luns 29 de xaneiro coa visita dun personaxe histórico típico do entroido tradicional de Vigo: o Merdeiro.

Grazas á intervención dun membro da Asociación Etnográfica A Merdeira, tivemos acceso a unha charla explicativa sobre a figura do Merdeiro. Ademais, visualizouse o documental “O Merdeiro: a recuperaçom”. Xa nunha segunda parte da intervención, explicáronse as normas de comportamento co Merdeiro e rematamos cunha caracterización real do personaxe na que parte do alumnado se vestiu e interactuou co resto dos compañeiros alí presentes tal e como se fai durante o Entroido vigués.

 

Castrelos científico

Continuamos co proxecto do Club de Ciencias que realizamos en conxunto co IES Álvaro Cunqueiro, onde estudamos as especies de liques en diferentes áreas verdes de Vigo.

Tras facer a identificación no parque da Bouza, o luns 29 de xaneiro seguimos coñecendo a contorna máis inmediata dende un punto de vista científico: estudamos os liques presentes no parque de Castrelos. Con isto pretendemos comparar as especies atopadas nas diferentes zonas, porque son organismos que se utilizan como bioindicadores da contaminación atmosférica e así obter información sobre o estado da calidade do aire de Vigo.

 

Distribuir contido