Roteiro por Coia para 4º ESO

O Departamento de Xeografía e Historia e o Departamento de Tecnoloxía saíron con parte do alumnado de 4ºESO polo barrio para facer parte do percorrido do roteiro por Coia. Con esta actividade preténdese descubrir a historia, o urbanismo e a toponimia do barrio.

Partindo do instituto, foron pola zona do Resío, topónimo correcto do deturpado “Rocío”, pasaron polas rúas do Medio, de Arriba e de Abaixo (singulares casas tradicionais pesqueiras), pararon no lavadoiro do Resío, Castro Castriño e no que sería o centro da Coia tradicional, na igrexa de San Martín de Coia onde examinaron a pedra medieval, unha lembranza do pasado do barrio.

Xa na rotonda que abre o paso á avenida Castelao, fíxose unha reflexión sobre o desenvolvemento urbanístico da propia avenida e do patrimino industrial, simbolizado polo barco de Alfageme para rematar na Praza do Pobo, onde os profesores Ana Álvarez e Daniel Rodríguez se centraron na loita veciñal do barrio grazas á que podemos gozar a día de hoxe dun espazo tan especial como o Parque da Bouza.

Tui histórico e catedral

O Departamento de Xeografía e Historia organizou unha saída a Tui o luns 19 de febreiro para que o alumnado de 2º ESO coñecese o patrimonio histórico, tanto o centro urbano como a catedral da vila.

O alumnado dividiuse en tres grupos para coñecer o centro histórico dunha maneira máis dinámica e lúdica: a través de xincanas autoguiadas coas que fixeron dous roteiros: “O tesouro de Salomón” e “O túnel de dona Urraca”.

Ademais, a propia guía organizadora da actividade, Sara Quintana, de https://www.visitasguiadastui.com/, fixo un percorrido explicativo do interior da catedral, o claustro e a torre para finalmente rematar cun concerto didáctico a cargo da profesora de música Marta Barreiro, para coñeceren os detalles do órgano da catedral.

Unha gozada de día e de actividade que deixa moi bo sabor de boca.

Simulacro de incendio

O pasado venres 16 de febreiro todo o centro participou nun simulacro de incendio para aprendermos a evacuar as instalacións do xeito máis seguro.

Desta maneira concluímos o traballo realizado dende as sesións de titoría para formar a todo o alumnado en técnicas básicas de prevención de riscos e evacuación. No simulacro participaron a policía municipal e os bombeiros.

Entremeses de Cervantes

 

Setenta estudantes de 3º ESO acudiron o xoves 15 de febreiro ao cine teatro do Colexio Salesianos de Vigo para presenciar a representación de dous entremeses de Miguel de Cervantes: El retablo de las maravillas e El viejo celoso.

O alumnado gozou de dúas pezas clásicas interpretadas pola compañía Recursos - Haz Teatring que desbordan comedia e enxeño e nas que tamén ten collida a música e a danza.

 

Porto e Serralves

O xoves 15 de febreiro fixemos unha saída didáctica á cidade de Porto cos primeros de bacharelato de Sociais, Humanidades e Artes.

Pola mañá visitamos o centro histórico, declarado patrimonio da humanidade pola Unesco, cun paseo dende a ribeira, até o Sé catedral. Antes de adentrármonos nas rúas e canellas desta interesante cidade, cruzamos a ponte de Luis I para gozar da vista da cidade dende Gaia, onde están as adegas do afamado viño do Porto. O paseo, entre algún que outro ballón, levounos pola rúa das Flores até a estación de São Bento para admirar os paneis de azulexos. Dende alí paseamos polos arredores da avenida dos Aliados e da universidae de Porto até achegarnos aos miradoiros sobre o rio Douro para ter outra prespectiva da ribeira. Para rematar o paseo, admiramos a torre dos clérigos, ex libris da cidade, e a Sé catedral dende a que volvemos contemplar as vistas sobre a ribeira cos barcos rabelos tradicionais, hoxe cheos de turistas.

O tempo libre para a comida levounos pola rúa comercial santa Catarina sempre chea de xente, lojas e moi bo e animado ambiente.

Xa pola tarde esperábanos a visita guiada ao museo de arte contemporánea de Serralves para coñecer os traballos de Dayanita Singh, fotógrafa hindú, de André Romão, artísta plástico portugués e da artista canadense Kapwani Kiwanga. Tamén percorremos os xardíns e a casa orixinaria dos terreos onde visitamos exposicións con obras de Miró e Calder.

Este marabilloso espazo ten un punto especial no labirinto entre as árbores con vistas ao xardín romántico e aos terreos da fundación.

Un día completo nunha capital de primeira orde!

Axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras (AXUDASLE) 2024

Acaba de se publicar a convocatoria Axudasle.

O prazo para que o alumnado de 1º e 2º bacharelato poida solicitar as axudas para a formación en linguas estranxeiras vai dende o martes 13 de febreiro até o martes 12 de marzo ambos os dous incluídos.

 

Dionisíacas Fillas de Cassandra

E seguindo o ronsel do alumnado máis coñecido fóra das nosas aulas, gustaríanos convidar a toda a comunidade educativa do IES Alexandre Bóveda á presentación do novo traballo do dúo vigués Fillas de Cassandra o próximo venres 16 de febreiro no auditorio Mar de Vigo.

O segundo traballo,
Últimas Dionisíacas, mestura a música tradicional, o pop e o techno nun efecto catártico, ademais de agochar algunhas sopresas máis.


Cómpre lembrar que Sara Faro Lubiáns e María Pérez Fernández, máis coñecida como María Soa, foron alumnas do centro (promoción do curso 2018/2019 e 2013/2014, respectivamente).

 

Asheber Díaz, campión

Consideramos que todo o noso alumnado sen expceción é digno merecedor dos nosos parabéns polos progresos que van conseguindo nas diferentes áreas de coñecemento, no seu particular proceso de aprendizaxe.

Aínda así, queremos felicitar especialmente a Asheber Díaz Fernández, alumno de 1ºBacharelato A, que conseguiu quedar campión de España na categoría de atletismo sub -18 de cross o pasado 27 de xaneiro.

Todo un traballo continuado de esforzo e superación en equipo en menos de seis anos. Esperamos que este sexa o primeiro dos moitos éxitos aínda por conseguir. Bravo por Asheber!

 

Las panaderas

Pola súa vez, o alumnado de 1º Bacharelato de Artes Escénicas realizou un interesante traballo de percusión e canto a capela recreando unha canción popular tradicional castelá durante as xornadas de traballo no medio rural.

[Se non pode ver o vídeo, prema na seguinte ligazón: Las panaderas]

Distribuir contido