Skip to Content

Mateo Pérez, representante dos clubs de lectura de España, no Seminario "Leer. Iberoamérica lee"

 

O alumno do IES Agra de Raíces Mateo Pérez Soto (2º BAC A), acompañado pola profesora Mercedes Teijeiro, foi seleccionado para participar no seminario "Leer. Iberoamérica Lee", que se celebrou os días 21 e 22 de setembro en Madrid. Trátase dun encontro entre profesionais da xestión lectora e da escritura que permitiu a reflexión sobre a lectura crítica, ademais de crear un laboratorio cooperativo de ideas no marco da Feira do Libro de Madrid. A pregunta que serviu de punto de inflexión para o desenvolvemento deste evento foi a seguinte: "Existen lectores á marxe?" Arredor desta inquietude, organizáronse as distintas intervencións que tiveron lugar neste congreso: a invisibilidade do outro, as voces da literatura, a lectura na sociedade superpoboada, poéticas e oralidades, outros espazos de lectura, os movementos a prol da lectura, a literatura como porta para a construción de identidades, ou os distintos lectores e lecturas. 

Neste último bloque participou o noso alumno Mateo Pérez Soto. Xunto con outros/as compañeiros/as de Uruguay e México, Mateo, como representante dos clubs de lectura de España, trasladou os seus coñecementos, a súa opinión e a súa experiencia sobre as lecturas e os lectores que o movemento emerxente dos círculos de lectura está a promover. Non vos perdades a magnífica intervención de Mateo no seguinte vídeo:

Podedes acceder á información completa sobre as distintas actividades do seminario na súa páxina web: https://leeriberoamericalee.com/

 



blog | by Dr. Radut