Informamos que a Consellería de Educación convocou o fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, ESO e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2022/23.
1. No fondo solidario de libros de texto poderá participar o alumnado matriculado* en 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria (EP) e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO.
2. Nas axudas para adquirir libros de texto poderá participar alumnado matriculado* en 1º e 2º de EP.
3. Nas axudas para adquirir material escolar poderá participar o alumnado matriculado* en EP, ESO e EE.
*Matriculado no ano académico 2022-2023
O alumnado matriculado en cursos incluídos no proxecto educación dixital (E-DIXGAL) no curso 2022/23 está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto e da axuda para adquirir libros de texto. Non obstante, poderán solicitar a axuda para adquirir material escolar cando reúnan os requisitos establecidos na orde. No noso centro teñen E-Dixgal 5º e 6º de EP e 1º e 2º de ESO.
A asignación de libros farase:
a) Ao alumnado que participe no fondo solidario, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar, ata que se esgoten as existencias.
b) Terá preferencia para esta adxudicación o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, con independencia da renda.
Obrigas das persoas beneficiarias:
1. Devolver os libros de texto e o material reutilizable adquirido coas axudas para libros de texto ou recibido do fondo solidario no curso 2021/22.
Está excluído desta obriga o alumnado beneficiario de axuda para adquirir libros de texto de 1º e 2º de EP, o alumnado de EE ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, e o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, sempre que os libros ou o material adquirido non se poidan reutilizar.
A falta de devolución dos libros de texto, sexan do curso inmediato anterior ou de calquera outro, será causa de exclusión da participación no fondo solidario e das axudas para adquirir libros de texto e material escolar.
2. Conservar en bo estado os libros de texto e o material reutilizable recibido do fondo solidario ou adquirido coas axudas para libros de texto no curso escolar 2022/23 e devolvelos ao rematar este.
3. Destinar o importe do vale para libros a adquirir os libros de texto que indique o centro en que estea matriculado o alumnado.
4. Destinar o importe do vale para material a adquirir o material escolar que necesite.
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o día 22 de xuño de 2022.
As solicitudes tramitaranse preferentemente a través da sede electrónica: https://sede.xunta.es co procedemento ED330B.
Tamén poden presentarse en papel no propio centro, utilizando os Anexos I e II. No caso de autorizar a consulta de datos no Anexo II, a única documentación que hai que presentar ca solicitude será o libro de familia.
Para facilitar a entrega das solicitudes o horario de atención ao público da administración amplíase quedando do seguinte xeito:
Durante o mes de maio:
- - Horario de mañá: de luns a venres de 9:00 a 14:00
- - Horario de tarde: martes, mércores e xoves de 14:30 a 16:30
Durante o mes de xuño (ata o mércores 22 que remata o prazo e tamén as clases):
- - Horario de mañá: de luns a venres de 9:00 a 15:00
- - Horario de tarde: martes 15:30 a 16:30