Skip to Content

Educación Infantil

AVISO PARA A RECOLLIDA DE MATERIAL E MÁIS ACTIVIDADES DIVERTIDAS :)

 

Bo día familias,
Queremos darvos un AVISO IMPORTANTE:
O luns da semana que ven poderedes pasar polo cole para recoller as mudas e outros materiais que deixaran os nenos e nenas antes da suspensión das clases.
 
O horario a seguir será:
 
LUNS 1 DE XUÑO
10:45 a 12:00 h: 5º curso de Ed. Infantil (acceso pola entrada de Ed. Primaria).
10:45 a 12:00 h: 4º curso de Ed. Infantil (acceso pola entrada central de administración).
12:00 a 13:15 h: 6º curso de Ed. Infantil (acceso pola entrada central de administración).
 
As normas para acceder ao centro:
- Unha única persoa por familia para recoller as pertenzas do alumnado. Non se pode acceder ao centro con menores.
- Na entrada botar
xel hidroalcohólico nas mans. Obrigatorio o uso de mascarilla.
- Permanecer no interior o menor tempo posible.
 
Ademáis, para evitar as aglomeracións deberedes esperar fora, mantendo a distancia de seguridade e sen entrar no centro, ata que vos chamemos as mestras un por un. Nós vos acercaremos as pertenzas dos cativos e cativas para unha maior seguridade.
No caso de non poder asistir nese horario ou esa data podedes encargar a outra persoa que volo recolla (SEMPRE AVISANDO ÁS MESTRAS DE QUEN O RECOLLERÁ) ou poñédevos en contacto con nós.
 
 
 
 
Agora pasamos a comentarvos as propostas para hoxe, imos aló con máis actividades ben divertidas.

 

Hoxe imos combinar a lectoescritura con actividades ao aire libre.
APALABRADOS XIGANTE
Antes de comezar a xogar temos que preparar o material. Teremos que facer uns cadradiños (metade dun folio) e neles escribir letras, cada letra nun cadriño. Podemos repetir letras, sobre todo vogais, para logo poder formas as palabras.
(Se algún neno ou nena quere pode facelo en minúsculas.)
Logo de ter listo o material, saímos a un lugar ao aire libre e repartirmos 5 letras a cada xogador (mínimo dúas persoas) e o resto poñémolas nun montón, un pouco afastado, como no medio dos dous xogadores.
Coas letras que temos deberemos formas palabras, se non temos letras suficientes teremos que ir ao montón por letras, só podemos coller unha de cada vez.
Para poder ir polas letras, os dous xogadores terán que contar en voz alta: “ 1...10, XA”
Gañará o que máis palabras consiga ou o que remate antes as letras que ten.
Seguro que o pasades moi ben!!
 
BOLSAS SENSORIAIS
Buscamos pola nosa casa bolsas de conxelar que teñan peche fácil se non o teñen poñemos fiso ou celo na parte superior.
Pero aínda non....mirade o que imos facer.
Vamos meter nesa bolsa letras magnéticas, letras de xogos que temos na casa, letras que se poidan mollar...escollede unhas.
Se non tedes, non vos preocupedes. Faremos unhas! Facemos as letras que queiramos e cortamos ao redor, logo cubrímolas con fiso ou cela, a modo “plastificar”.
E xa as temos listas!!
Cando teñamos na bolsa as letras poñemos xel de ducha, un bo chorro, e auga, podemos engadir se temos purpurina.
E, agora a xogar, busca un lugar cómodo ao aire libre.
Temos que tratar de colocar as letras para que poidan formar nomes.
(as letras que fagamos ou que fabriquemos poden ser en minúsculas, e podemos meter as que precisemos para formas os nomes da nosa familia, mascotas, lugares...o que se vos ocorra)
Goza escribindo e ten moita paciencia!!
 
TENDAL DE LETRAS
Vamos empregar pinzas da roupa para esta actividade. Para iso imos escribir as letras que precisamos, en cada pinza, para formas os nomes dos nenos e nenas de clase. Non teñen porque ser todos, chega con 5 ou 6 nomes.
Cando teñamos varios nomes imos ao tendal da roupa. Colocamos todas as pinzas mesturadas nunha corda, mestúraas ben.
Agora empecemos a xogar. O obxectivo é tratar de facer canto antes os nomes que pensamos.
Poñémonos a 10 pasos grandes do tendal e facemos unha marca no chan de saída. Contamos todos os xogadores en voz alta ata 10 e saímos correndo a poñer os nomes, collendo as pinzas que precisamos.
Para facelo máis complexo, podemos ter un cronómetro que nos marque un tempo para buscar as letras que precisamos, iso xa ao voso gusto.
Non se trata de ir moi rápido, senón de ser observador e paciente e buscar as pinzas que precisamos.
( as letras que escribimos nas pinzas poden ser minúsculas)
 
Esperamos que estas actividades vos permitan xogar coa lectoescritura gozando do bo tempo que temos, lembrade que os xogos os podemos adaptar as características que teñamos na nosa casa.
 
 
Por outra banda, deixámosvos as tarefas de Noelia, a mestra de relixión:
 
 
Apertas moi grandes, cada día se nos fai máis pesado non poder estar con vós no cole para facer estas actividades no patio.
Pasámolo moi ben o luns na videochamada! Tiñamos moita gana de falar con vós, moitas grazas a todos os que vos puidéchedes conectar. Antes de rematar o curso faremos outra videochamada cada clase por separado para que os peques falen cos seus compañeiros e compañeiras se queren :)
 
 
Seguimos en contacto en virxedacelainfantil@gmail.com!

 

Xogos didácticos

 

Boa semana familias, andamos por aquí de novo, no noso blogue.
Comezamos a semana con xogos didácticos moi divertidos, atentos, que vamos pasar un “refrescante” ratiño.
Como vimos que o das construcións se vos dá xenial, creastes auténticas obras de arte, imos avanzar nese camiño.
Poñede atención ao seguinte!!
Toca facer unha construción con recipientes en alturas, soa moi ben verdade; precisamos:
Recipientes de plástico de distintas formas, botellas, tuppers, baldes, embudes, garrafas, o que teñades pola casa.
Cordóns, fíos, bridas,...
Recortes de tubos
E moita, moita imaxinación e paciencia.
Primeiro buscamos unha parede lisa onde montar o circuíto, árbore, palés...onde máis cómodos vos sintades.
Facemos a selección do material que imos empregar facendo series de recipientes do máis grandes aos máis pequenos; en caso de dúbida facedes a comparación coa auga que leva cada un deles.
Logo pensamos como colocar os nosos recipientes en diferentes alturas para que cando vertamos auga circule por el, pódenos axudar a nosa familia a darnos algunha idea ou ven consultar na rede circuítos, velaquí algúns:
 

 

 

 
 
Son simplemente ideas para que poidades empezar a pensar no voso propio circuíto. Esta actividade é importante para que o neno ou nena mellora o seu esquema mental, traballar o concepto de volume, comparar a capacidade dos recipientes, probar as hipóteses que fagan ( colle toda auga neste recipiente?, verterá se pasa deste recipiente a este? ...) desenvolva a creatividade e a imaxinación, traballar con materiais continuos como a auga... entre outros moitos.

 

Intentaremos que o neno ou nena sexa o protagonista da actividade, non é tan importante o bonito que quede senón que sexan eles os que constrúan os percorridos. Logo, se vos apetece podedes facelo máis atractivo pintando as botellas, poñendo frechas que indiquen o percorrido, sinais...o que se vos ocorra.
Sería bo que lle puxerades un nome ao voso circuíto e gravarades como funciona, un vídeo curtiño para que o poidamos enviar facilmente.
Seguro que o pasades moi ben con esta actividade, a por todas!!
Para aqueles que queirades seguir experimentando podedes probar o circuíto con outro material continuo como pode ser a area ou ben auga con colorante que o fai máis chamativo.
Contádenos que pasou se o percorrido o fas con area, terra, sal, azucre ...que pasará?
Finalmente, deixa pegada desta fermosa actividade facendo o debuxo do teu circuíto, quizais o queiras facer de novo outro día.
Ánimo peques, coidadiño coa auga, aínda que si cae algunha pinga por riba tamén nos refrescamos jejej
 
Deica pronto artist@s!!
Vémonos pola tarde ás 17:00 en Cisco Webex :)
Revisade se vos chegou a invitación ao correo
 
 
Seguimos en contacto en virxedacelainfantil@gmail.com

 

Rematamos a semana gozando ao aire libre ;)

 

Bo día familias!
 
Hoxe continuamos coas propostas ao aire libre e con material non estruturado. Pensamos que a estas alturas do curso (e moito máis este ano nestas circunstancias) o que máis agradecen os nenos e nenas é pasar o máximo tempo posible ao aire libre polo que estas actividades véñenlles moi ben :)
 
 
Pintar con flores:
Para crear pintura con flores necesitamos un mortero e un pouquiño de auga. Meteremos no mortero os pétalos de diferentes flores e cores e machacamos. Engadimos un pouquiño de auga e a pintar!! Collede un folio e un pincel e deixade voar a imaxinación cos elementos da primavera.
 
 
Pintar con xeos:
Colleremos unha cubitera plana e botámoslle auga e colorante para crear diferentes cores, poñemos en cada cubito un pau ou palillo para coller despois o xeo coa man e metemos no conxelador. Cando estean feitos collemos un folio, poñemos un cartón debaixo e compoñemos os nosos debuxos.
 
 
Creamos os nosos nomes e os da nosa familia:
Os nenos e nenas terán que ir recollendo diferentes elementos da natureza como pedras, paus, flores, follas… e con eles crearán o seu nome e apelidos e logo irán xogando a crear os nomes dos membros da súa familia, os seus compañeiros/as… ou xogar con diferentes palabras de vocabulario. Lembrade traballar a conciencia fonolóxica sempre que escriban algo lembrando con eles o fonema/son da letra e logo de cada sílaba.
 
 
 
 
 
 
 
Tamén vos deixamos as propostas de inglés:

 

 
- Big and Small: Teñen que sinalar os debuxos que son grandes (BIG) ou pequenos (SMALL)
 
 
 
- Story "Big and Small": ver o vídeo
 
 
Podédeslle mandar as tarefas ao teacher ao seu correo:
jatobv87@gmail.com
 
 
 
 
 
Por outra banda, lembrámosvos a videochamada que propuxemos para o Luns 25 de Maio ás 17:00.
 
Tedes que descargar a aplicación Cisco Webex no ordenador ou móbil e rexistrarvos cun correo e contrasinal. O luns cando sexa a hora entrades na aplicación co correo e contrasinal e sairá a opción “unirse á reunión”, pinchades alí e xa sae.
Lembrade mandarnos, os que vos queirades unir á videochamada, o voso correo electrónico (o mesmo que empregades para entrar en Webex).
 
A reunión é voluntaria, reunirémonos os nenos e nenas de 5º e 6º de infantil e estaremos as tiroras e a profe Ruth :). Verémonos todos ao mesmo tempo polo que máis cómodo é no ordenador. De todos os xeitos, a aplicación da a opción de ver a todo mundo ao mesmo tempo ou ver tan só á persona que está falando nese instante, como vos sexa máis cómodo.
 
Vémonos o luns!!!! temos moita gana de charlar con vós un pouquiño e saber como vos vai :)
Seguimos en contacto en virxedacelainfantil@gmail.com
 
Ata o próximo día!
 

 

 

 

Proposta do Departamento de Orientación

 

Boa tarde familias!

Deixámosvos unha proposta do Departamento de Orientación para facer cos nenos e nenas:

 

Dende que o 13 de marzo confináronnos nos nosos fogares, deixando baleiro o
Virxe da Cela, as familias asumiron unha gran responsabilidade ao
proporcionar entornos de aprendizaxe que ata o momento realizábamos de
forma compartida.

Esta nova situación que nos tocou vivir fai que cando volvamos á escola pode
que teñamos que adaptar as nosas formas de relacionarnos e de utilizar os
espazos.

Imaxinades ter que falar, xogar, estar na aula,… a unha distancia mínima de
dous metros?

Non debemos volver con medo, pero si con precaución; tampouco volver sen
afecto, pero si gardando as distancias e cunhas normas mínimas de hixiene
básica que xa todos e todas coñecemos.

Propoñémosvos unha actividade con dúas preguntas ou hipóteses plantexadas
de cara a unha nova realidade nas nosas aulas. No seguinte enlace podedes
descargar o PDF onde se describe a mesma.
https://asendadoxestal.wordpress.com/2020/05/12/cando-chegue-o-momento-de-voltar-como-imaxinariamos-esa-nova-realidade/

Para os máis peques, o alumnado de Educación Infantil, poden realizar as respostas
empregando calquer tipo de formato (vídeo, audio, escrito, debuxo...).

Moitas grazas,

Departamento de Orientación

 

 

 

Deixámosvos o enlace ao blogue coa actividade: https://www.edu.xunta.gal/centros/cpivirxedacelamonfero/?q=node/367

 

Podedes enviar as vosas achegas ao correo orientacionvirxedacela@gmail.com

 

Moitas grazas pola vosa colaboración!
 

Seguimos traballando coa natureza :D

 

Bo día! 
Hoxe continuamos traballando actividades con material non estruturado ao aire libre :)
 
 
 
Mandalas:

 

O mandala ten a súa orixe na India e significa círculo ou roda. Axúdalle aos nenos e nenas a concentrarse, manter a atención, traballar as figuras xeométricas, as simetrías, a orientación espacial, a coordinación óculo manual, as cores…
Hoxe imos crear os nosos propios mandalas cos elementos da natureza que máis nos gusten.
 
Aquí tedes un exemplo.
 
 
 
 
 
 
 
Construcións:
 
Estamos acostumados a facer construcións con material estruturado como pezas Lego ou similar. Hoxe, trátase de que os nenos e nenas reunan elementos da natureza como pedras, paus, trozos de madeira… e con estes elementos contrúa o que lle apeteza (casiñas, castelos, figuras xeométricas, cabañas...)
 
 
 
 
 
 
Por outra banda, o mestre Dani, que fixo as prácticas con nós o curso pasado, mándanos esta bonita proposta para traballar coas letras galegas. 
Mirade o vídeo. O xogo consiste en escribir distintas letras e ir formando palabras en galego con elas, logo os nenos e nenas poden facer un debuxo desa palabra.
 
 
 
 
 
 
 

 

 
Animádevos! É unha proposta xenial para traballar a lectoescritura e conmemorar as letras galegas do pasado domingo.
 
MOITAS GRAZAS POR ACORDARTE DE NÓS PROFE DANI!
 
 
 
 
 
Tamén vos deixamos as propostas de música:
Neste vídeo "FUXAN OS VENTOS" cantan unha canción que seguro que coñecedes.

PARA APRENDER

 

Foliada de Nadela 

 
 
PARA CANTAR
 
FUXAN OS VENTOS – Foliada de Nadela (karaoke)
 
Podedes mandarlle as vosas tarefas ao correo dosinda@edu.xunta.gal
 
 
 
 
 
 
Nós seguimos en contacto en virxedacelainfantil@gmail.com
 
Ata o próximo día :)
 

 

 
 

 

Actividades na natureza :)

 

Bo día familias!
 
Hoxe traemos unhas propostas para poder facer cos peques ao aire libre para que xoguen de xeito manipulativo con elementos da natureza.
Xogar coa natureza e con material non estruturado permítelles traballar o xogo creativo coñecendo o mundo que lle rodea. É unha fonte de estímulos que favorece e reforza a súa aprendizaxe.
 
 
 
 
Contamos:
 
Imos escribir nun papel os números en grande do 1 ao 15, recortámolos. Cando xa os temos recortados imos facer unha fila con eles por orden de arriba a abaixo. Agora tempos que buscar elementos da natureza (flores diferentes, paus, follas, pedras…) e poñemos ao lado de cada número ese mesmo número de elementos. Por exemplo: 1- unha flor, 2- poñen dúas pedras…
 
 
 
 
Simetría:
 
Para que os nenos e nenas traballen a simetría imos coller un pau grande e poñelo no chan ou na mesa. Despois o adulto pode seleccionar os elementos que lle apeteza e colocalos como queira. O neno e nena no outro lado terá que reproducir cos mesmos elementos esa simetría como vedes neste exemplo. Cando os nenos e nenas o dominen que sexan eles mesmos os que creen o modelo e logo reproduzan a súa simetría sen que o adulto interveña.
 
 
 
 
 
 
 
Pedras contacontos:
 
Agora imos buscar cos peques pedras que teñan unha forma alongada e un pouco plana. Agora imos pintar diferentes personaxes en cada pedra para logo contar un conto. Pode ser o noso conto favorito, un conto inventado…
 
Se vos apetece, podedes pintar as pedras e decoralas sen ter que contar logo un conto, simplemente traballar e decorar as pedras de xeito creativo.
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Por outra banda, deixámosvos as tarefas da profe Noelia de relixión:
Este mes de Maio é o mes dedicado á Virxe María, a nosa nai do ceo, polo que imos cantarlle unha canción e regalarlle flores.
 
 
 
Podedes mandarlle as tarefas ao seu correo matarranz@edu.xunta.es
 
 
 
 
Nós seguimos en contacto no correo virxedacelainfantil@gmail.com
 
Ata o próximo día :)
 
 
 
 

 

FELIZ DÍA DA FAMILIA!

 

Bo día familias!
Hoxe é o día da familia e este ano máis que nunca temos moi presente o importante que é gozar do tempo en familia, querernos e aproveitar o tempo xuntos.
 
Gustaríanos poder celebrar este día no cole xa que para nós é moi importante que as familias coñezan a vida do cole e desfruten das actividades cos cativos e cativas. Aos nenos e nenas tamén lles fai moita ilusión que a súa familia veña ao cole e colabore con eles nas actividades e ver todo o que fan!!! Canto aprenden e como evolucionan en tan pouquiño tempo por si mesmos!!!!
 
Pero este ano, como é así de diferente, propoñémosvos unha serie de actividades para que podades gozar todavía máis de todo este tempo en familia, sobre todo agora que podemos visitar aos nosos seres queridos, porque non hai nada máis importante que a NOSA FAMILIA!!!!
 
 
 
Proposta de actividades para facer xuntos en familia:
 
Bailamos e movémonos xuntos:
Unha actividade na que o podemos pasar moi ben todos xuntos é o baile. As cancións e o baile póñennos de bo humor polo que imos gozar da música que nos guste e inventar coreografías divertidas e graciosas. Cada membro da familia escollerá unha canción que lle guste e inventará unha pequena coreografía para que os demais o imiten. Así todos nos sentiremos integrados e desfrutaremos dos diferentes gustos de cada un. Tamén podemos organizar un karaoke para os máis atrevidos!!! A gozar da música!!!!
 
Cociña en familia:
Agora que podemos reunirnos de novo coa nosa familia imos aproveitar esas comidas para involucrar aos máis pequenos dun xeito divertido. Eles serán protagonistas elaborando un dos pratos que se poñan na mesa. Elaborade, por exemplo , un rico postre cos nenos e nenas e que todos os familiares o proben. Tamén poden elaborar un entrante sinxelo ou axudar na elaboración da comida que se vaia facer. Seguro que pasades un momento moi bonito cociñando xuntos, aos nenos e nenas failles moita ilusión que se coman as súas receitas e ademais pásano ben colaborando na tarefas da familia e da casa.
 
Representamos o noso conto favorito xuntos:
Escollemos o conto que máis nos gusta e aproveitamos para contalo todos xuntos. Gustoulle a historia a todos os membros da familia? Que foi o que máis lle gustou a cada un? Por que?
Agora ímonos animar e representalo entre todos. Toca disfrazarse e caracterizarse!! Veña, vai ser moi divertido!!! Cada membro da familia representará a unha personaxe (tamén poden representar máis cambiando o disfrace) ;)
 
Cápsula do tempo da familia:
Estamos a vivir un momento histórico que contaremos ás futuras xeracións polo que podemos gardar na nosa cápsula do tempo as nosas vivencias durante a corentena en familia. Como viven os peques a situación e como o queren contar, polo que poden meter debuxos do que fixeron en familia, fotos dos momentos xuntos na cuarentena, os irmáns maiores e os pais poden escribir unha carta contando as vivencias positivas que sacaron de todo isto e que poderán ler todos xuntos dentro de moito tempo. Podemos recopilar tamén as mensaxes de ánimo que elaboramos ou nos quixeron dar a nós, como por exemplo os arcos da vella que fixemos, algún recorte de xornal,
Todo isto metémolo nunha caixa adornada por toda a familia e a agocharemos nun rinconciño dun armario, sótano ou baixo terra no xardín.
 
Xogamos a adiviñar! :
Aproveitemos esas reunións familiares para realizar xogos divertidos e adiviñas. Cada membro da familia pode representar mediante a mímica un animal, personaxe coñecido, imitar a outro membro da familia para averiguar de quen se trata, representar unha historia para averiguala entre todos, un conto, unha película…
Veredes que divertido é intentar adiviñar o que realizan co seu corpo os demais sen falar!
 
 
Todas estas actividades son ideas para que podades gozar do tempo en familia, de reencontrarse cos seres queridos aos que fai tanto tempo que non viamos, e de sacar un sorriso e ver o lado positivo de toda esta experiencia que tivemos que vivir.
Podedes facer algunha, todas ou simplemente gozar dos paseos xuntos aos aire libre, dos paseos en bici, de plantar… GOZAR DA NOSA FAMILIA!!!!!!
 
 
 
 
 
 
PERO...NON VOS ESQUEZADES DA GRAN FAMILIA QUE TEMOS NO COLE TAMÉN!!

 

Quixemos facervos este vídeo para que non vos esquezades do importantes que son os nosos amigos e amigas e os vínculos tan fortes que formamos no cole.
 
 
 
 
Botámosvos moitísimo de menos, esperamos que vos guste este pequeno recordo de todo o que aprendemos e avanzamos xuntos, porque…
 
As profes quérenvos moito!

 

 

 

Lectoescritura con contos

 

Bo día familias!
 
Hoxe vos deixamos un vídeo con todos os vosos traballiños cos contos. Esperamos que o disfrutedes :)
 
 
Ata mañá!!

 

Celebramos o día das letras galegas :)

 

Ola familias, como cada mércores estamos actualizando o blogue. Hoxe imos coñecer a Ricardo Carvalho Calero, autor que eloxiamos este ano no día das letras galegas, o 17 de Maio.
 
 
Primeiro de nada, coñezamos este autor. Para iso indaguemos pola Internet con axuda da nosa familia. Escribimos o seu nome, apelidos, buscamos onde viviu e por último debuxámolo.
 
Agora que lle poñemos cara imos ler un dos seus relatos.
Imos aló!
Este é o conto co que vamos traballar:
AS PITAS BAIXO A CHOIVA
Velaquí o podedes ver:
 
 
O autor fala das pitas, ti saberías debuxar unha e poñer as partes dunha galiña?

 

E como será o galo máis antigo? Sabes?
 
Agora imos facer unha secuencia de 6. Debuxamos 6 cadrados nun folio, agora poñemos a cada cadrado un número: 1,2,3,4,5 e 6 (nunha esquiniña). En cada cadro vamos poñer un debuxo para contar a historia da nosa pita. A historia podes inventala ti ou basearte na do conto. Iso si, ponlle un nome a túa galiña.
Non te vaias esquecer!
 
Vamos indagar máis sobre as galiñas, a ver canto sabemos delas. Cal é o ciclo de vida das galiñas?
Fai un círculo grande nun folio ou cartolina e agora reparte dentro do círculo a vida das pitas: de onde nacen, como saen, como son de “pequeniñas” todo o proceso ata chegar a ser unha galiña.
Si che apetece podes facer un círculo do mesmo tamaño e cortarlle un cachiño (modo quesito), podes enganchalos polo centro cun encadernador, deixando o debuxo abaixo e así podes xiralo e ver soamente a fase de crecemento da galiña que che interesa.
É unha boa técnica para despois contarllo a outra persoa, así non pode ver o que pasará.
 
Tal que así pero coa pita, a ver que sae. Seguro que cousas moi interesantes.

 

 
 
Por último, que vos parece si facemos unha pequena rima coa palabra pita ou galiña?

 

Van saír rimos moi interesantes.
 
 
Por outra banda deixámosvos as tarefas de inglés:
3 anos:
- Paint the clown with colours.
- Song: Red, yellow, green and blue!:https://supersimple.com/song/red-yellow-green-blue/
 
4 e 5 anos:
- Transportation 1: sinalar o debuxo e dicir o nome.
 
 
- Transorpation 2: contar os medios de transporte e sinalar o número correspondente. Por exemplo: one car, two cars, three cars, four cars...
 
 
- Song: Vehicles!:
 
- Song: Driving in my car!
 
Podédeslle mandar as tarefas ao teacher ao seu correo: 
jatobv87@gmail.com

Ademáis, lembrade que tedes moitas máis propostas na páxina de aulas galegas por se lle queredes botar un ollo: https://aulasgalegas.org/category/infantil_3_a_6/

 
Seguimos en contacto en virxedacelainfantil@gmail.com
 
Ata o venres peques, moito ánimo!
 
 

 

 

 

Por catro esquiniñas de nada

 

Bo día familias!
Hoxe imos continuar traballando os contos con diferentes propostas que podedes adaptar ou escoller para facer cos peques :)
Hoxe tócanos o conto de “Por cuatro esquinitas de nada” que fala sobre a amizade, a aceptación das diferenzas, a exclusión e a empatía.
 
Neste enlace podedes visionalo:
 
 
 
 
 
Aquí tedes as propostas para hoxe:

 

 
 
1. Xogamos coas emocións. O adulto pode facer preguntas sobre as emocións do cadradiño. Por exemplo: como cres que se sinte cadradiño? Por que? Que solución lle deron os seus amigos os círculos para que deixara de sentirse así? Ti que outras solucións lle darías?…
Agora representaremos con mímica e co corpo ditas emocións. Poñer cara triste, alegre, enfadada…
Escribe todas as emocións nun papel, non vos olvidedes de poñer o voso nome en minúsculas. Os nenos e nenas de 4 anos poden buscar as vogais de cada palabra, rodealas e escribilas en minúscula. Os demais, ou quen se anime, poden escribir todas as palabras en minúscula.
 
 
2. Facemos figuras xeométricas. Podemos debuxar e colorear un cadrado e un círculo. Que outras figuras xeométricas coñeces? Debuxa e colorea un rectángulo, óvalo, triángulo ou rombo.
Agora busca pola túa casa obxectos que teñan esa forma e clasifícaos en grupos. Tamén podes xogar con estes obxectos e facer series, primeiro con dúas formas (por exemplo alternando círculo-cadrado-círculo-cadrado…) e logo aumenta a dificultade con máis formas.
 
 
3. Estampamos figuras xeométricas. Podes buscar pola casa caixas ou envases con esas formas para pintalos e poder estampar con eles nun folio ou podes crear ti as figuras cun cartón, pintalas e logo estampalas para crear as túas propias figuras xeométricas.
 
 
 
4. Traballamos as texturas do conto. Imos buscar pola casa diferentes texturas como a parede, a corteza dunha árbore, follas... poñemos un papel por encima e frotamos coa cera para ver as diferentes texturas. Tamén podemos crear diferentes texturas coa nosa pintura mezclando a témpera con fariña, sal, area… e pintar con ellas.
 
 
 
 
 
 
 
 
 
Tamén vos deixamos as tarefas de música:
 
IMOS DE CONCERTO!
 
Xosé Lois Romero e Aliboria – Concerto – Caroi – 21 de maio de 2017
 
Podédeslle mandar as tarefas ou poñervos en contacto con Mercedes no seu correo: dosinda@edu.xunta.gal
 
 
 
 
 
As tarefas de relixión:
 
 
 
Podédeslle mandar as vosas tarefas ao correo de Noelia: matarranz@edu.xunta.es
 
 
 
 
 
 
Seguimos en contacto en virxedacelainfantil@gmail.com
 
Ata o próximo día!
 
 
 

Distribuir contido


by Dr. Radut