Skip to Content

Avisos e novas

Últimas novas

Obradoiro con Antonio Rial Boubeta

TECNOLOXÍAS: Claves para educar

RESUMO

A loita contra as chamadas adiccións sen substancia constitúe un dos grandes desafíos da sociedade actual, non só a nivel educativo e sociosanitario, senón mesmo a nivel vital. Nas últimas décadas a sociedade tentou ir adaptándose progresivamente ao universo de oportunidades que o vertixinoso desenvolvemento tecnolóxico puxo ao seu alcance. Dotar tecnolóxicamente aos centros educativos e integrar a tecnoloxía na actividade docente supuxo un reto no que, en maior ou menor medida, fomos capaces de avanzar, pero integrar a tecnoloxía na vida cotiá de nenas e nenos é un obxectivo que está lonxe ainda de se acadar. Máis ben o uso das TRIC (Tecnoloxías das Relacións, a Información e a Comunicación), trouxo consigo serios problemas a nivel emocional e de convivencia, especialmente nun período vital tan crítico como é a adolescencia. Tal e como veñen advertindo organismos como a OMS, a UNESCO ou mesmo UNICEF, o uso intensivo e sen supervisión das redes sociais ou os videoxogos pode ter graves consecuencias, derivando en maiores taxas de ansiedade e depresión, hábitos de vida menos saudables, un aumento das taxas de acoso escolar e ciberacoso, ou mesmo de violencia filioparental. Desgraciadamente a evidencia científica disponible non leva a que sexamos neutrais. O uso da tecnoloxía non é inocuo na adolescencia. Cando implica novos patróns de interacción e novas formas de relacionarse (a miudo tóxicas e superficiais), novos modelos aspiracionais e novas formas de entender a vida, chega a converterse nun serio serio problema, un problema de saúde pública. A tiranía do selfie e o imperio de Instagram, o boom dos gamers, youtubers e influencers dificulta ser quen de inculcarlles aos nosos fillos a cultura do esforzo e unha serie de valores básicos para o seu desenvolvemento como persoas. Adquirir conciencia, tomar partido, empoderar e orientar a nais e pais é unha tarefa obrigada, ao igual que tamén o é sensibilizar e corresponsabilizar ás institucións. Na charla-coloquio do vindeiro día 9 de marzo o profesor Antonio Rial Boubeta (da Universidade de Santiago) exporá datos reveladores a este respecto e reflexionará cos asistentes sobre este non tan novo problema. Asemade, propondrá algunhas claves e ferramentas para poder afrontalo no día a día.

 ANTONIO RIAL BOUBETA

Nado en Cangas do Morrazo en 1970, é doutor en Psicoloxía dende o ano 1998 e Profesor Titular da Universidade de Santiago de Compostela dende 2003. Director técnico da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e experto en metodoloxía de investigación en ciencias sociais e da saúde. Autor de mais de 140 artigos en revistas científicas de impacto internacional, director de 20 teses de doutoramento e responsable de numerosos proxectos de investigación do eido da mocidade, dende o Uso problemático de Internet, as redes sociais o ciberbullying, ao consumo de alcohol. En 2010 foi coordinador do primeiro estudo de “Adolescentes e Internet en Galicia”, realizado polo Valedor do Pobo e a Consellería de Educación, que continuou en 2014 co estudio “Mocidade On Line”, cuios resultados foron publicados en revistas de internacionais de máximo nivel, como Cyberpsychology ou Computers in Human Behavior. Dirixíu en 2019 un dos maiores estudios realizados en España sobre o problema do Xogo en menores, publicado no prestisioxo  Journal of Gambling Studies. É coautor do libro “Adolescentes y Nuevas Tecnologías: una responsabilidad compartida”, así como do libro “Entre selfies y whatsapps. Oportunidades y riesgos para la infancia y la adolescencia conectada”, elaborado xunto a expertos europeos do proxecto EU Kids Online. É colaborador habitual de diferentes medios de comunicación, tanto prensa, como radio e TV. Foi o encargado de elaborar o material docente do curso de formación que actualmente ten o Consejo General de la Psicología de España sobre o Uso Problemático de Internet na adolescencia; docente tamén no curso de Adiccións Tecnolóxicas, da Consellería de Sanidade, no que cada ano se forman psiquiatras, pediatras e psicólogos; no Curso de Prevención, Detección e tratamento do Acoso Escolar e o Ciberacoso, da Consellería de Educación, para mestres e orientadores de toda Galicia; así como de diferentes cursos que actualmente se imparten na Academia Galega de Seguridade Pública, para as Forzas e Corpos de Seguridade. É tamén investigador do Anti-Bullying Research and Resource Centre (da Dublin City University) e membro do Alto Comisionado da UNESCO para a loita contra o acoso escolar e o ciberacoso. Ven de dirixir un proxecto de investigación do Plan Nacional sobre Drogas para a detección e intervención precoz nas adiccións con e sen substancia en adolescentes e, paralelamente, o Estudio sobre o impacto da tecnoloxía na adolescencia, levado a cabo por UNICEF-España cunha mostra de mais de 50.000 estudantes de secundaria, que é a día de hoxe un dos traballos científicos de maior envergadura feitos en Europa sobre o tema. O pasado ano foi galardoado coa Nécora de Ouro da Fundación Galega contra o Narcotráfico (polo seu labor e compromiso en favor da prevención das adiccións na mocidade) e fai só unhas semanas co Premio Iacobus da Educación.

Entroido no Virxe da Cela

Celebramos o Entroido o venres 17 de febreiro, e nesta ocasión centrámonos na temática do cómic. Foi un festival multicolor, no que os alumnos/as e profesores/as exhibiron os seus fantásticos disfraces. Iniciamos o acto cun desfile de todos os grupos . Pola pista desfilaron os Simpsons,  os Pokemon, os Minions, Doraemon, Bop Esponja, Os picapedra, os Pitufos e pitufiñas, Panteiras Rosas, Mikies e moitos máis. Acto seguido contamos coa presenza dunha representación do Entroido tradicional de Samede (Paderne)  que nos acompañaron coas súas danzas e bailes aos cales nos unimos.

Rematamos a xornada coa queima do meco.

 Parte I  (Desfile)

 

Parte 2 (Entroido Samede e queima do meco)

 
 
 
Parte 3 (Galería de imaxes)
 
 
 
Sobre o Entroido tradicional de Samede
Samede é unha parroquia dentro do Concello de Paderne, que se atopa situado ao carón do Concello de Monfero. Nesta pequena aldea, a veciñanza realizaba fai moitos anos unha festa de Entroido cun baile moi particular chamado “Muiñeira Cruzada” e mesmo aparecían diversas personaxes con traxes moi peculiares. Un grupo de veciñas e veciños comezaron a recompilar información, pois esta festa tradicional perderase no tempo, para conseguir recuperala e poder celebrar de novo, a día de hoxe, o Entroido en Samede.

Festival de Nadal

O xoves 22 de xaneiro celebrouse no centro o festival de Nadal. Un acontecemento moi especial porque despois de varios cursos volvimos a vivir reencontros e momentos moi especiais. Podedes volver a revivir ese máxico día con este vídeo que temos preparado, e para os/as que non puidéchedes vir, non o perdades!


 

O centro tamén inundouse do espírito do Nadal creando esta magnífica decoración por parte do alumnado:


Grazas un ano máis.

FELIZ ANO!

Sorteo Cesta de Nadal

Informamos que o número premiado no sorteo da cesta de Nadal, organizado para recadar fondos para a excursión á neve é o 2.861.

Parabéns aos afortunados!!

Comezo das clases

O xoves 8 de setembro comezan as clases co horario habitual de setembro.*

Os servizos complementarios de transporte e comedor comezarán o mesmo día 8 como é habitual.

O alumnado da ESO accederá ao centro pola porta do patio cuberto (como antes da pandemia).

REUNIÓN DE PAIS DE EDUCACIÓN INFANTIL:

Informamos de que a reunión de inicio de curso do ciclo de infantil terá lugar o

MARTES 6 ÁS 12:00 NA AULA DE USOS MÚLTIPLES

 

Rogamos que por motivos de organización e espazo acuda un só adulto sen nenos/as.

 

 

*Horario de setembro:

  • Hora de entrada: 9:45
  • Hora de saída: 15:30, agás os martes que será ás 16:30

 

GRADUACIÓN ALUMNADO 4º ESO. 2022

 

 

 

O venres 17 de xuño celebramos a graduación do alumnado de 4º ESO. Un acto cargado de emoción en compañía das familias, profesorado, compañeiros, representantes dos Concellos e Anpa.

Despois de varias semanas de traballo intenso, exames, estrés, chegou o momento máis desexado: o final de curso. E para o alumnado de 4º da ESO esta foi a derradeira xornada no CPI Virxe da Cela, despois de trece anos compartindo aula e pupitre... Ante estes marabillosos rapaces e rapazas preséntase unha nova etapa na vida, noutro centro educativo. Botaremos en falta os vosos sorrisos e a vosa alegría, e vos desexamos o mellor. E xa sabes...non dubidedes en pasarvos polo noso e o voso "cole" a facernos unha visita. Sempre será a vosa casa.

Toda a comunidade educativa desexámosvos o mellor para o camiño que empezades agora.

 

ESPECIAL RADIOFÓNICO: ENTREVISTA CO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA

  O alumnado de 6º de educación primaria, alentado pola súa titora Cristina Lage, tras varias sesións de traballo vinculado á participación no programa "Semana do Parlamento na Escola", acadou o seu obxectivo: entrevistar en persoa ao Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Esta entrevista radiofónica tivo lugar o venres 4 de febreiro de 2022, e está enmarcada dentro do proxecto de radio escolar "Radio Xesteira". 

    Tomando como punto de partida a importancia das nosas institucións e, en concreto, sobre o importante papel do Parlamento,  saíron varias cuestións de relevancia, contestadas con cercanía e con familiaridade por parte do noso Presidente.

      Así, Núñez Feijóo destacou a importancia e a impronta do mundo rural,  destacando que “o rural é unha escola por si mesmo, unha escola de aprendizaxe permanente“ por e para a vida. Ademais destacou que nel se conxugan os valores e a cultura do esforzo e da superación. 
 
    Tamén deu o seu respaldo á escola rural, ao entender que a mesma esta apegada ao medio, ofrecendo múltiples posibilidades de futuro ao seu alumnado, sendo unha escola pública cercana, emocional e de calidade.
 
    Despois da entrevista Núñez Feijóo percorreu distintos espazos do centro e tivo oprtunidade de coñecer os proxectos nos que participa o noso centro.
 
 

Festival de Nadal

 

Un ano máis chegan as festas do Nadal e como sempre, preparamos moitas sorpresas.

Este ano tivemos a ilusión de poder xuntarnos o profesorado e alumnado de EI e EP para celebrar esta festividade con moita música, baile e diversión. Esperamos que para o próximo ano poidamos reunirnos tamén coas familias e gozar destes marabillosos momentos.
 
Dende o CPI Plurilingüe Virxe da Cela, desexámosvos que teñades unhas felices festas e un próspero ano novo.
 
Ata pronto!!!
 

Felicitación de Nadal

 Os rapaces e rapazas de 4º de ESO vos desexan, en nome do CPI Plurilingüe Virxe da Cela, unhas Felices Festas e un mellor Aninovo.

O CPI VIRXE DA CELA E O CPI AS MIRANDAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se celebra hoxe 25 de novembro, o  alumnado dos centros escolares CPI As Mirandas de Ares e CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero, realizaron un vídeo para visibilizar e sensibilizar á comunidade educativa e a toda a  sociedade en xeral, sobre esta data.

Desde os nosos centros adherímonos pois, a todas aquelas iniciativas que suman esforzos e solucións á erradicación da violencia de xénero, na loita contra os malos tratos e no apoio ás vítimas e as súas familias. Apoiamos ás accións que tratan de concienciar ao tecido social e a todas as actividades educativas baseadas na formación en valores para que a sociedade avance no camiño da igualdade, no benestar común e a convivencia que todas e todos queremos.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut