Visita á Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Santiago)
O pasado 03 de marzo, o alumnado de 3º e 4º da ESO, no marco do desenvolvemento do Plan Proxecta “Rapazas Emprendedoras nas TIC”, tiveron a oportunidade de visitar a Universidade.
Acudimos ao campus de Santiago, e, alí, alumnado titor das diferentes titulacións, apoiados polo profesorado das distintas facultades, guiáronnos nunha visita máis que interesante. Os graos escollidos polo noso alumnado foron Económicas e Empresariais, Dereito, Bioloxía, Farmacia, Enxeñaría Informática, Matemáticas, Física, Psicoloxía e Ciencias da Educación. Deles puideron coñecer, de primeira man, os plans de estudos, dun xeito global, contando coa posibilidade de entrar nos propios centros de estudo, e, mesmo nalgún caso, observar o desenvolvemento de actividades académicas en primeira persoa.
Ofrecéronnos información das características xerais de cada grao, e as vías de acceso aos mesmos, ademais dalgún que outro consello e orientación para escoller con éxito as mellores alternativas académicas.