logo

 

cabecera

Xanelas ao mundo
desde a clase de literatura


Xoan Díaz García
IES David Buján. Cambre


Unha das moitas posibilidades que ofrece Delicious é a de poder subscribirte a unha determinada etiqueta (tag) ou palabra clave, así se estás interesado en ver que páxinas ou recursos etiquetan os demais usuarios sobre un determinado tema, «linux», por exemplo, podes subscribirte a etiqueta «linux»


O uso das TIC pode aumentar a motivación, o interese do alumnado, a creatividade e pode mellorar os procesos de traballo en grupo, ademais de fomentar a autoestima
Xanelas ao mundo. Así quixemos titular esta colaboración para a revista do CEFORE da Coruña. Como unha xanela aberta ao mundo é como entendemos as posibilidades que nos ofrece internet aos docentes. Non é a única maneira de facelo. Desde hai moito tempo compañeiras e compañeiros están abrindo as súas aulas ao mundo con materiais moi diversos que seguramente non teñen a difusión que merecerían. Por outra parte a propia literatura non deixa de ser tamén unha xanela aberta á vida. Pero é certo que as posibilidades que enxergamos con internet nas nosas aulas son tremendamente suxestivas para os docentes e para o alumnado.

Nesta breve contribución imos recoller algunha das actividades desenvolvidas no grupo de Literatura galega do século XX e da actualidade de 2º de Bacharelato do IES David Buján de Cambre. O grupo actual está formado por 10 alumnas e 8 alumnos que veñen dos tres grupos de 2º de Bacharelato que temos no Centro. Trátase dunha materia optativa cunha carga lectiva de catro horas á semana, nun curso moi marcado pola Selectividade que a grande maioría necesita superar.

Non quería continuar sen recordar aquí ao alumnado que ao longo destes anos cursou Literatura galega do Século XX co que aprendín tantas cousas. Lembro o noso primeiro podcast sobre María Mariño1, autora homenaxeada aquel ano no Día da Letras Galegas. A elaboración do guión, a escolla dos poemas e da música, a preparación dos recitados, os personaxes... forman parte dos recordos máis agradables que gardo do meu traballo como docente. Aínda se pode escoitar aquel traballo que publicaramos no blogue que elaborabamos desde a materia de Técnicas de expresión escrita.

xanela 1

Un particular Taboleiro de anuncios.

Durante este curso 2010-2011 centralizamos toda a actividade do grupo de Literatura galega nun curso de Moodle, desde a Aula Virtual do Centro. Podería ter sido un blogue, ou unha páxina, pero a Aula Virtual ofrécenos posibilidades e facilidades que non debemos de desaproveitar e que quixemos explorar. Unha desas facilidades é a que vén dada polo feito de que a maior parte do alumnado xa está dado de alta e manexa a ferramenta noutras materias. Os cursos permiten o acceso a convidados o que nos dá a posibilidade de compartir os nosos materiais e, sobre todo, vainos permitir aprender moito das experiencias doutros grupos. Compartir en rede debería de ser unha das nosas premisas fundamentais. Os cursos de Moodle tamén nos permiten integrar a través dos bloques de código elementos externos ao propio sistema e que completan e enriquecen os cursos creados por nós. Con estes bloques quixemos traer á aula a actividade cultural e literaria da cidade e convertela en parte da materia. Un exemplo podería ser a magnífica exposición que recordou o centenario do nacemento de Luís Seoane. Desde a barra lateral do curso de Moodle mantivemos unha ligazón á información na rede sobre esta exposición que visitamos en grupo.

Convertemos o espazo para a presentación do curso de Moodle nunha especie de Taboleiro de anuncios, e aí fomos dando noticia de diferentes acontecementos de carácter cultural e literario que tiveron lugar na Coruña: un recital poético, o AchegArte 2011, a homenaxe («recital espontáneo») a Lois Pereiro, Vento Lois. A participación nestas actividades foi sempre voluntaria. O alumnado participante informou aos compañeiros do seu desenvolvemento. Ábrense moitas posibilidades para trasladar á aula estes acontecementos con pequenas gravacións de vídeo, de audio, ou coa crónica escrita dunha determinada actividade.



Con estes bloques de código tamén colocamos no curso información sobre os autores homenaxeados o 17 de maio. De Uxío Novoneyra quédannos os recitados dos seus poemas que o alumnado gravou o curso pasado e que recollemos nun reprodutor de audio colocado na barra lateral. De Lois Pereiro podemos escoitar un recital poético estremecedor que tivo lugar no pub Moka da Coruña no ano 1996. Escoitarmos os poemas de Pereiro na súa propia voz, recitados e comentados pouco tempo antes da súa morte, proporciónanlles un ton de autenticidade e dramatismo que sería difícil de atinxir a través da lectura individual.


xanela 2

Wiki de literatura


Wikispaces ofrécenos a posibilidade de abrir proxectos gratuítos, sen publicidade, destinados ao ensino. A xestión da páxina non pode ser feita, a día de hoxe, desde o galego, pero está traducida a varias linguas entre as que están o castelán e o portugués >Os wikis, as páxinas editadas por varias persoas que nos permiten a creación de contido de forma colaborativa, son unha das ferramentas máis interesantes e potentes coas que contamos. Aínda non exploramos as posibilidades da elaboración de wikis dentro de Moodle.

En 2010-2011 continuamos co proxecto iniciado en anos anteriores en Wikispaces2. Colacamos un bloque de html na barra lateral do noso curso na Aula Virtual e desde aí facemos un seguimento das alteracións do noso wiki de literatura3. Wikispaces ofrécenos a posibilidade de abrir proxectos gratuítos, sen publicidade, destinados ao ensino. A xestión da páxina non pode ser feita, a día de hoxe, desde o galego, pero está traducida a varias linguas entre as que están o castelán e o portugués.

Inicialmente, durante o curso 2007-2008, propuxémoslle ao alumnado a elaboración conxunta dun dos temas finais do temario tal como se formulaba naquel momento: «Tendencias actuais da lírica, da narrativa, da dramática e da ensaística». Unha vez dados de alta no sistema, só se precisa unha conta de correo activa, o alumnado foi escollendo que apartados, previamnete establecidos, ou que autores quería traballar. Durante o curso actual o grupo está revisando, actualizando e, nalgún caso, engadindo novos autores e autoras. Tan importante como a información que engade cada un son as pistas e indicacións para os compañeiros e compañeiras sobre o traballo elaborado. A páxina facilita ao profesor, pero tamén aos compañeiros e compañeiras, realizar indicacións para mellorar, completar, corrixir aspectos do traballo publicado. A aprendizaxe do manexo dos aspectos básicos da ferramenta non supón para eles unha grande dificultade, e só en contadas ocasións temos que dedicarlle algúns minutos da clase a comentar como se fai determinada cuestión. Realizan as súas primeiras prácticas de edición na zona de probas e rapidamente teñen as habilidades básicas para editar a páxina. Máis atención require a reflexión sobre a busca de información, a análise, procesamento e organización da información que encontramos en internet. Esta é a cuestión fundamental do wiki e posiblemente de todo o noso traballo

O wiki inclúe un apartado que chamamos «Audio_Visual»4 onde fomos subindo algúns materiais de audio e de vídeo moi interesante e que nos permiten escoitar e ver os escritores e escritoras que estudamos. Inicialmente incluímos aquí varios vídeos, fundamentalmente de YouTube, pero co tempo fomos comprobando que era moito o material que había na rede e preferimos abrir unha canle propia en YouTube e recoller como favoritos os vídeos que nos resultasen suxestivos. Desta canle falaremos na seguinte xanela. Este apartado Audio_Visual cremos que dará máis xogo para recollermos nel as nosas propias gravacións. Os vídeo-poemas chámannos moito a atención e cremos que o alumnado cos seus teléfonos móbiles poderían facer traballos moi creativos neste sentido.

xanela 3

Canle de YouTube e mapa de Google

Como xa dixemos, a idea de abrirmos unha canle en YouTube5 surxiu ao comprobarmos que había moito material interesante en vídeo e que era excesivo colgalo no noso wiki. Nos últimos cursos sempre houbo un alumno encargado de «manter» a canle, engadindo como favoritos aqueles vídeos que nos resultaban atractivos. Moitos destes vídeos que pasan a formar parte dos nosos favoritos foron presentados antes na barra lateral do curso na AulaVirtual. Unha vez máis usamos a posibilidade que ofrece Moodel de engadir bloques con código html para este fin. A canle poderá recoller tamén os vídeos que poidamos elaborar nós mesmos.

Nesta terceira xanela incluímos o noso mapa de Google6, onde fomos xeolocalizando o lugar de nacemento dos principais autores da literatura galega do século XX. Os mapas de Google permiten a edición colaborativa, convidar a outros usuarios a editar un mesmo mapa. Temos, entón, algo parecido a un wiki-mapa, onde varias persoas van engadindo información. O alumnado encargouse de elaborar a listaxe de autores, de buscar a información sobre o lugar e a data de nacemento e de colocar un marcador sobre o mapa. Despois editamos ese marcador e engadímoslle unha imaxe do autor/a. Tendo en conta que a etiqueta onde colocamos a imaxe admite código html pensamos en engadir un pequeno reprodutor de audio e pedirlle ao alumnado de 4º de ESO que gravase un breve texto onde se recollese a información fundamental sobre a vida e a produción literaria dese autor/a. Fixemos algún experimento que se pode ver no blogue de proba7. Mesturabamos así a xeolocalización co podcast nunha actividade coordinada polo alumnado de 2º de Bacharelato e dirixida ao de 4º de ESO. Gústanos a idea. Por agora os mapas de Google non nos permiten colocar os reprodutores de audio, quizá haxa que cambiar de ferramenta, ou encontrar outra maneira de facelo...

xanela 4

As nosas noticias de literatura

Queriamos facer un seguimento das noticias sobre literatura galega que foran recollendo os medios dixitais. Queriamos facelo entre todos os membros do grupo de Literatura galega do século XX e durante todo o curso. Pensamos que poderiamos utilizar as posibilidades que nos ofrecen os marcadores sociais e en concreto Delicious8 para recoller, etiquetar e compartir co grupo as noticias que cada un fose lendo. O primeiro paso foi coñecer as funcionalidades básicas dos marcadores sociais en xeral e de Delicious en particular. Precisamos que todo o alumnado tivese un usuario neste servizo, esta foi a primeira tarefa marcada. Unha das moitas posibilidades que ofrece Delicious é a de poder subscribirte a unha determinada etiqueta (tag) ou palabra clave, así se estás interesado en ver que páxinas ou recursos etiquetan os demais usuarios sobre un determinado tema, «linux», por exemplo, podes subscribirte a etiqueta «linux». Cada etiqueta ten a súa propia canle RSS. Aproveitando esta posibilidade pensamos en recoller cunha mesma etiqueta as noticias que sobre literatura galega aparecesen nos medios dixitais. Escollemos LGA_10_119.

Cando etiquetamos un recurso, unha páxina ou unha noticia, temos que completar varios campos. Hai varios procedementos que nos permiten abreviar moito este proceso, pero agora interésanos ver o proceso completo porque forma parte do traballo que o alumnado debe de realizar.

Debemos de completar os seguintes campos:

Xa dixemos que podemos subscribirnos a unha etiqueta (tag) concreta, así que só faltaba presentar nun mesmo lugar todas as noticias recollidas polo grupo para compartir as noticias lidas e evitar repeticións.

Como xa sinalamos, durante este curso centramos a actividade do grupo nun curso de Moodle na Aula Virtual do noso Centro. Moodle ofrece a posibilidade de engadir un Bloque que lea unha fonte RSS, así que esta é una boa maneira de presentar en conxunto todas as noticias seleccionadas por cada membro do grupo. Outra posibilidade sería utilizar unha ferramenta como Planetaki10 que nos permite recoller nunha soa páxina (planeta11) varias canles RSS. No noso caso recollemos no noso «planeta» as noticias de literatura desde o ano 2009 até hoxe.

xanela...

Se alguén tivo a paciencia de ler até aquí, grazas. Non está demostrado que o uso das tecnoloxías da información e da comunicación favoreza a aprendizaxe, pero parece claro que pode aumentar a motivación, o interese do alumnado, a creatividade e que pode mellorar os procesos de traballo en grupo, ademais de fomentar a autoestima. O noso esforzo vai dirixido a seguir aprendendo, a perfeccionar os nosos métodos de traballo e a reforzar o papel do alumnado como protagonista da súa formación.

  1. http://mensaxenunhabotella.blogspot.com/2007/05/mara-mario-carou-un-podcast.html
  2. http://www.wikispaces.com/
  3. http://lgsxx.wikispaces.com/
  4. http://lgsxx.wikispaces.com/audio
  5. http://www.youtube.com/user/LiteraturaGalegaSXX
  6. http://ir.gl/496d09
  7. http://pro-ba.blogspot.com/2011/04/mapa-de-google.html
  8. http://www.delicious.com/
  9. http://www.delicious.com/tag/LGA_10_11
  10. http://www.planetaki.com/
  11. http://www.planetaki.com/lga#start