logo

 

cabecera

O sistema educativo alemán
labirinto e estrutura


María Victoria Penide López
EOI Ferrol


O sistema educativo alemán consta de catro tipos diferentes de escolas de ensino medio e dúas distintas de ensino superior coas súas correspondentes probas de acceso.

Este sistema educativo cambaléase tamén ante a chegada do Plan Boloña e polo pobre resultado obtido polo alumnado alemán, unha vez aplicadas as probas PISA. Ademais, as responsabilidade transferida ao estados coa conseguinte implementación diferenciada en cada un deles fan que a situación sexa aínda máis complicada.

Descubrir cal é o itinerario máis axeitado cara unha formación de calidade, talvez, non sexa tan difícil como semella.

Bosquexo da situación actual do sistema educativo alemán

Alemaña é unha república federal formada por dezaseis países federados (Bundesländer) aos que está transferida a responsabilidade da educación, entre outras moitas. Isto tradúcese nunha interpretación e implementación moi variada da lexislación educativa común vixente, que se ben quere garantir unha homoxeneidade en todo o territorio federal, si que orixina diverxencias importantes nalgúns campos e menores noutros, de xeito que un alumno de Hamburgo vai analizar, moi seriamente, a posibilidade de estudar no estado libre de Baviera ou ben, ficar no seu estado.


O sistema educativo alemán artéllase arredor de cinco niveis: o nivel elemental, primario, secundario, terciario e formación continuada posterior
Neste texto faise unha descrición global do que supón o sistema educativo en todo o territorio alemán e só se atende ás diferenzas no caso de seren de relevancia para o itinerario educativo posterior.

O sistema educativo alemán artéllase arredor de cinco niveis: o nivel elemental, primario, secundario, terciario e formación continuada posterior.

O nivel elemental refírese ao ensino preobrigatorio, que vai de 0 a 6 anos de idade. Este nivel, xira arredor das familias e garderías comunitarias, nos primeiros anos; e dependerá doutras institucións, como a Cruz Vermella ou a Igrexa, máis adiante.

Nas grandes cidades vivirase sempre coa incerteza de conseguir praza ou non para os fillos, e poder conciliar, deste xeito, a vida familiar e laboral.

Cando o neno ou a nena cumpren os seis anos comeza o ensino obrigatorio e, sempre, antes do 30 de xuño tal e como ficou establecido no acordo, para a unificación do ensino, entre os Bundesländer con data do 14 de outubro de 1971.

O nivel primario comprende a etapa cronolóxica que se desenvolve desde os 6 até os 9 anos. Esta etapa é común á meirande parte do territorio. Abrangue catro cursos de formación (nalgún caso pode chegar a seis) e cómpre lembrar que é fundamental en todos os itinerarios formativos.


A partir dos 10 anos a situación complícase porque é responsabilidade do alumnado decidir: Realschule, Hauptschule, Gymnasium e dependendo o estado federal no que se atope, Gesamtschule
A partir dos 10 anos a situación complícase porque é responsabilidade do alumnado decidir: Realschule, Hauptschule, Gymnasium e dependendo o estado federal no que se atope, Gesamtschule.

Mais… que son todas estas Schulen? Schule quere dicir escola, e o resto de epítetos que acompañan a esta palabra, intentan distinguir principios e finalidades do ensino que representan. Deseguido, veremos as diferenzas principais entre elas e mais a estrutura do sistema.

Nos últimos anos xurdiron mesmo outras novas formas de ensino secundario en Bundesländer concretos, como a Regionalschule (no Saarland), a Realschule Plus (en Renania Palatinado), a Mittelschule (en Saxonia), Oberschule (en Bremen ou Brandeburgo) etc. Todas elas coa mesma pretensión: unificar e simplificar o sistema secundario.

O nivel secundario artéllase en dous bloques principais: o Ensino Secundario I e o Ensino Secundario II.

O Ensino Secundario I abrangue desde os 10 até os 16, é dicir, para aquelas rexións nas que o Ensino Primario remataba aos 9 anos, e despois de catro cursos; o Ensino Secundario I comprendería seis cursos máis, é dicir, do quinto ao décimo curso, aínda que despois do 9º curso se podería titular na Hauptschule coa Berufsreife (madurez profesional).

É precisamente neste nivel no que se concentra a maior variedade de posibilidades rexionais de escolarización que enumeramos antes.

Xa no Ensino Secundario II, que comprende desde os 17 aos 19 anos (cursos 11, 12 e 13) desaparecen as novas formas de escola secundaria da que tiñamos falado e inclúense, ademais do Gymnasium, as escolas de formación profesional (Berufsschulen). Este período pecha coa Hochschulreife (madurez de Ensino Superior), tamén chamado Abitur (semellante ao Bacharelato con Selectividade) ou co Fachabitur ou berufliche Hochschulreife, específico da Formación Profesional e que dará acceso só a un tipo concreto de ensino superior ou a carreiras concretas.

A gráfica ilustra o panorama e trata de simplificar o mare magnum de posibilidades expostas até o de agora:

Os propios itinerarios que se poden ver na gráfica son ilustrativos e axudan a imaxinar que tipo de ensino se agocha detrás de cada un dos tipos de escola.

A Hauptschule ou escola principal baséase nunha formación preparatoria para a educación profesional, sexa esta regrada ou de tipo práctico para acceder ao mercado laboral. As capacidades prácticas teñen neste ensino prioridade por riba das destrezas cognitivas. Estes centros escolarizan relativamente pouco alumnado, e nútrense fundamentalmente de alumnado procedente de contornas sociais desfavorecidas, do medio rural ou dunha combinación dos dous.

O Gymnasium, pola contra, representa o outro extremo; constitúe a preparación para a universidade e ofrece itinerarios de formación académica superior. As capacidades cognitivas teñen neste ensino prioridade absoluta. O alumnado que asiste a este tipo de ensino é, polo xeral, de clase media acomodada e moi habitualmente é a escola máis visitada en medios urbanos.

A Realschule supón unha mestura entre as dúas anteriores, enfoca os estudantes cara a un posible ensino profesional especializado posterior, pero mantén aberto o camiño á universidade. A Realschule pecha co título de Mittlere Reife (madurez media) que representa o nivel formativo mínimo previo ao bacharelato. A Realschule é vista coma o termo medio entre as dúas formas anteriores de ensino secundario e conta cun certo prestixio, ben ao contrario que a Hauptschule, considerada por moitos coma unha formación deficitaria.


A falta de permeabilidade entre os tres tipos de ensino medio, a falta de alumnado e en parte tamén de prestixio da Hauptschule, orixinaron que algúns estados solicitasen do Ministerio de Educación, a aceptación doutras denominacións de escolas de Ensino Secundario que integrasen a Haupt- e a Realschule nunha soa institución, xurdindo así proxectos coma a Oberschule, Mittelschule, Realschule Plus ou Regionalschule
A falta de permeabilidade entre estes tres tipos de ensino medio, a falta de alumnado e en parte tamén de prestixio da Hauptschule, orixinaron que algúns estados solicitasen do Ministerio de Educación, a aceptación doutras denominacións de escolas de Ensino Secundario que integrasen a Haupt- e a Realschule nunha soa institución, xurdindo así proxectos coma a Oberschule, Mittelschule, Realschule Plus ou Regionalschule.

A Gesamtschule xurdiu nos anos 70 por mor do interese en integrar os diferentes tipos de escola, e de igualar as posibilidades do alumnado na súa entrada no mercado laboral, despois de cursar a formación profesional ou de elixir o itinerario académico. Dentro da Gesamtschule existen de novo dous tipos de ensino distintos, por unha banda a Gesamtschule integrada, na que todos os niveis de ensino están integrados na mesma institución e son permeables; permitindo vaivéns no itinerario, e pola outra banda, a Gesamtschule cooperativa, na que todos os niveis de ensino están presentes mais con unha permeabilidade inferior e unha diferenciación interna maior.

Ademais destas catro escolas, máis todas as versións integradoras dos diferentes estados federados, todas elas pertencentes ao primeiro ciclo de secundaria, o sistema educativo alemán conta coa Berufschule ou formación profesional no segundo nivel da secundaria. O nivel superior do Gymnasium non supón unha innovación, mais si unha continuación do ensino comezado no ciclo anterior.

Neste momento o segundo ciclo do Ensino Secundario está a ser obxecto dunha importante reforma en moitos estados, véndose reducido no seu último ano ou curso 13º. Polo de agora tan só Renania Palatinado non asinou a reforma, e todos os outros estados están a introducila progresivamente, tarefa xa comezada, nuns casos, no ano 2006 e previstos planos de execución, noutros casos, para o ano 2013.

Para coroar toda esta variedade estrutural dentro do sistema chegan as escolas Waldorf ou Montesori entre outras, das que hai en Alemaña máis de 2500. Están oficialmente recoñecidas e homologadas, mais financiadas con fondos privados.

Primeira decisión: Que criterios a avalan? Quen é o responsable de tomala? Que consecuencias ten esta decisión para o futuro do neno? Críticas integradoras

Unha das críticas máis relevantes que recibiu o sistema educativo alemán ao longo do tempo fai referencia precisamente ao feito de que a decisión sobre o itinerario académico e, polo tanto, profesional se produza tan cedo. O alumnado ten un momento no que decide sobre o seu futuro profesional con apenas cumpridos os dez anos de idade, e a dúbida case que nin xorde, xa que –normalmente-, é a contorna social e familiar do implicado a que se responsabiliza de tal decisión.

O alumnado das Hauptschulen procede segundo as estatísticas de contornas sociais desfavorecidas, de familias con niveis culturais máis baixos, ou con maiores dificultades de acceder á cultura, e que en moitas ocasións nin sequera dominan a lingua alemá. O percorrido que fai un estudante dende que chega á Hauptschule até que acada a universidade é un camiño, cando menos, soprendente, longo e complicado.

Mesmo o proxecto da Gesamtschule sofre as consecuencias do sistema educativo estruturado, por mor da presenza de escolas ás que asisten un tipo de alumnado con perfil claramente elitista, o que de novo descompensa a balanza na Gesamtschule, que se ben é integradora de todos os niveis de ensino secundario, non chega a ser integradora con todos os tipos de alumnado, tendo que asumir un certo nivel de selección negativa na matrícula


Tivo especial resonancia mediática o estudo PISA-E que facía unha comparativa entre todos os estados federados de Alemaña no ano 2003, e no que se amosaba que os fillos de clase media-alta tiñan 7,26 veces máis posibilidades de asistir a un Gymnasium ; e os fillos de clase media 4,2 veces máis que os fillos de clase traballadora
Esta crítica procede de varios ámbitos diferentes, entre eles o ámbito pedagóxico que reclama a fin da diferenciación e segregación en anos mozos por razóns a priori de capacidades académicas; mais a realidade, ten como alicerces as razóns de tipo cultural, económica ou social.

A toda esta discusión se suman os resultados obtidos por moitos países nos estudos PISA (Programme for International Student Assessment), levados a cabo unha vez cada tres anos polo OECD (Organisation for Economic Co-Operation and Development) da que forma parte Alemaña, ademais doutros moitos países. E se ben os resultados de Alemaña foron mellorando, notablemente, desde o 2000, non parece moi claro que nos medios de comunicación se analice en profundidade con datos que achega a estatística.

Entre todos os datos que se achegan hai, con todo, unha valoración moi interesante do nivel de impacto que ten o fondo sociocultural do alumnado na súa aprendizaxe de Ciencias, Matemáticas e Lectura Comprensiva; sendo, neste punto, onde a República Federal debería de tremer cos resultados: o impacto semella ser moi alto con un factor 17,8 (r-squared x 100) fronte ó 7,8 finés procedente dun sistema con escolas integradas ou mesmo o resultado español, que sen ser estupendo, mellora cun 13,6 bastante o alemán. No ano 2000, o sector económico ao que pertencía o pai do alumno, tiña en Alemaña máis influencia que en ningún outro país sobre os resultados obtidos polo propio discente.

Tivo especial resonancia mediática o estudo PISA-E que facía unha comparativa entre todos os estados federados de Alemaña no ano 2003, e no que se amosaba que os fillos de clase media-alta tiñan 7,26 veces máis posibilidades de asistir a un Gymnasium ; e os fillos de clase media 4,2 veces máis que os fillos de clase traballadora. Mesmo a ubicación xeográfica tiña a súa importancia, xa que as diferenzas sociais notábanse menos no leste do país xermánico comparándoas co oeste.

Resulta tamén interesante o fenómeno da Sonderschule, ou escola de educación especial, á que asisten un 4,5% de todo alumnado alemán, concretamente aqueles que sofren algún tipo grave de dificultade cognitiva ou discapacidade física ou psíquica. De novo a crítica chega dos sectores que reclaman un sistema de educación integrador, mesmo para este tipo de alumnado, e que se senten apoiados polo asinado na «Convención da ONU polos dereitos das persoas con discapacidade» do 2009 que tamén defendía un ensino baseado na integración e na inclusión social.

Tempos revoltos de mudanzas e despedidas

E mentres non se albisca consenso sobre o aspecto que deberá ter o sistema educativo de ensino medio en Alemaña, dentro das propias fronteiras do país, chega Europa con pulos unificadores fora da República e para todos os países da Unión.


Os críticos de Boloña, polos seus efectos na formación profesional, din que mentres diminúa con rapidez vertixinosa o número de cidadáns sen titulación de secundaria superior, aqueles que non dispoñen dela, serán cada vez menos interesantes para o mercado laboral
A reforma impulsada co tratado de Boloña tivo consecuencias notorias en toda Europa, e en Alemaña especialmente, orixinando revoltas, folgas e manifestacións estudantís que reclamaban modificacións no tratado no referente ao Ensino Superior. Neste ámbito os cambios foron moi similares aos provocados en España ou en Francia, e as reclamacións dos estudantes tamén comparables.

Dentro do sistema educativo alemán, Boloña tivo consecuencias importantes no ensino secundario no relativo á formación profesional do sistema dual (ver gráfica).

O sistema dual baséase nunha formación máis ou menos teórica nunha institución educativa (Berufsschule) e unha formación práctica no mercado laboral (empresa, profesional autónomo, institución pública etc.) en xeral de maior duración que o período teórico e que supón un contrato laboral para o aprendiz e un salario. O sistema dual é considerado un sistema modélico de capacitación profesional a nivel europeo, pero xa antes de Boloña padecía problemas de complicada solución: é un sistema caro, as empresas non se animaban abondo a ofertar prazas de aprendiz; as que había, ás veces, eran excesivamente especializadas etc. Algúns gobernos trataron de instaurar políticas motivadoras para as empresas, pero cun éxito bastante moderado.

Para o alumnado deste sector educativo, a loita por conseguir unha praza de formación en empresa pode ser longa e esgotadora, mais os resultados da formación acostuman a seren eficaces e motivadores.

Boloña supón, neste sentido, un incremento da cota de academicismo do sistema educativo, pechando a porta daqueles que acceden ao sistema dual sen precisar titulación equivalente á Mittlere Reife, ou á Hochschulreife.

Os críticos de Boloña, polos seus efectos na formación profesional, din que mentres diminúa con rapidez vertixinosa o número de cidadáns sen titulación de secundaria superior, aqueles que non dispoñen dela, serán cada vez menos interesantes para o mercado laboral. O incremento da especialización profesional no ensino superior e o aumento de alumnado formado neste nivel, fará que eles sexan os ocupantes dos postos típicos até o de agora ocupados por persoal formado no sistema dual.

Os efectos desta modificación aínda están por chegar, mais as protestas xa se deixaron escoitar na rúa hai dous anos.