logo

 

cabecera

Obradoiros de comunicación
Dúas experiencias para a clase de lingua


Jorge Ramiro Ángel Pedrosa Rúa
IES de Teis. Vigo


Neste artigo dáse conta de dúas experiencias de alfabetización mediática para as clases de lingua desde un enfoque funcional e comunicativo. Cos obxectivos de desenvolver a expresión escrita e audiovisual, o hábito lector e o espírito crítico, preténdese achegar o alumnado a aquelas ferramentas, análises e estratexias que o prepararen para a sociedade da información e do coñecemento do século XXI. Estas experiencias, realizadas no IES de Teis (Vigo) foron premiadas como exemplos de innovación educativa pola Xunta de Galicia nos anos 2007 e 2008.

Hoxe ninguén dubida de que a actual revolución tecnolóxica e audiovisual está producindo importantes transformacións culturais, tanto no individuo como na sociedade. As súas consecuencias son de difícil prognóstico aínda, pero o paso do homo legens ao homo videns, o discurso e pensamento fragmentados, a urxente necesidade de compresión e expresión das mensaxes e da eficiencia comunicativa… son efectos xa visibles.

Despúntase, así, un consenso sobre as destrezas básicas que debe adquirir calquera cidadán ou cidadá deste século; entre elas, destaca a competencia comunicativa como unha competencia esencial na vida. Implicados nela, directa ou indirectamente, atopámonos con conceptos como intelixencia emocional, empatía, personalidade asertiva, traballo colaborativo, redes sociais, mobilidade xeográfica e laboral, inestabilidade afectiva… dos que seguramente o profesorado deberá de dar conta no seu enfoque pedagóxico.


Cos obxectivos de desenvolver a expresión escrita e audiovisual, o hábito lector e o espírito crítico, preténdese achegar o alumnado a aquelas ferramentas, análises e estratexias que o prepararen para a sociedade da información e do coñecemento do século XXI

Aínda que os intentos de introducir a alfabetización mediática na aula veñen de lonxe, é nos últimos tempos cando se viu a necesidade da súa urxente incorporación curricular para adaptar o ensino ao século XXI. Sen nos demorarmos na súa historia pedagóxica, partamos, como marco de referencia, dos antigos programas do MEC «Prensa-escola» que, á súa vez, facíanse eco dos informes da UNESCO, como a declaración de Grunwald, de 1982, onde se indicaba a necesidade de que «o sistema político e educativo debe recoñecer as súas obrigacións para promover entre os cidadáns unha comprensión crítica do fenómeno da comunicación»; e continuemos ata chegar aos últimos manifestos dos encontros audiovisuais de Santiago de Compostela (2006)1, onde se subliña a necesidade de abordar a alfabetización audiovisual e multimedia do alumnado das diferentes etapas educativas nunha contorna dixital, e de trasladarlle á sociedade a importancia de incorporar na educación os contidos relacionados coa Comunicación Audiovisual e as TIC.

Aínda que a necesidade da alfabetización mediática vén de lonxe, como se ten visto, é no curso escolar 2005-2006 cando o Departamento de Educación da Generalitat de Cataluña desenvolvía un proxecto de innovación educativa, pioneiro no Estado Español: o Programa de Educación en Comunicación Audiovisual (PECA). Seguía o camiño trazado, seis anos antes, pola Consellería de Educación e Ciencia do Principado de Asturias, que implantou en todos os seus institutos a materia optativa de Comunicación audiovisual e multimedia.

Resulta paradoxal o carácter de pioneiras e innovadoras dunhas iniciativas que consisten en introducir nos currículos uns medios que teñen máis de cen anos de existencia e que están omnipresentes na sociedade do século XXI; o que corrobora, máis unha vez, o divorcio entre a escola e a actualidade.

Os últimos decretos dos currículos da ESO e do bacharelato2 abren, timidamente, a vía de incorporación deste tipo de ensino como unha necesidade formativa máis. Materias como Cultura audiovisual (na modalidade de bacharelato de artes plásticas) ou de Tecnoloxías da información e a comunicación (bacharelatos e ESO), ou, de xeito máis xeral, as orientacións metodolóxicas e obxectivos educativos dos diferentes currículos das materias que subliñan a importancia de potenciar as destrezas comunicativas, así o confirman.

Asumindo estes presupostos, e cunha fundamentación pedagóxica baseada no construtivismo, no «aprender facendo», na aprendizaxe autónoma e permanente, e utilizando a modalidade «blended e-learning» (ensinanza mixta: presencial e on line) desenvolvéronse no IES de Teis (Vigo), ao longo dos últimos anos, dúas experiencias: Un obradoiro da actualidade (dos mass media aos self media I), e Un obradoiro de comunicación multimedia (dos mass media aos self media II).

As distintas orientacións metodolóxicas que se impoñen no ensino da comunicación audiovisual (a orientación crítico-analítica norteamericana, como neutralizadora da influencia dos medios no alumnado; e o enfoque europeo que potencia a capacitación na comunicación audiovisual, isto é: a destreza na creación de medios coas ferramentas dixitais…) producen unha didáctica bipolar do fenómeno comunicativo: a análise crítica e a aprendizaxe procedimental, que vai ser a que articule o deseño destas dúas experiencias.

Os obxectivos que nelas se perseguían eran, con carácter xeral, os seguintes:

Dous obradoiros de comunicación

1. Un obradoiro da actualidade (dos mass aos self media, I)3.

En tres fases, ao longo do curso, desenvolveuse esta experiencia para potenciar o hábito lector e crítico dos medios de comunicación xornalísticos.

Primeira fase: A necesidade de estar permanentemente informado.


Tratábase de espertar no alumnado a necesidade de estar informado como unha actividade permanente, voluntaria e autónoma, para captar unha realidade máis ampla e rica
Tratábase de espertar no alumnado a necesidade de estar informado como unha actividade permanente, voluntaria e autónoma, para captar unha realidade máis ampla e rica. E todo iso asimilado cunha mente crítica que o axudase a discernir a información da manipulación, que o preparase para vivir coa lucidez e coa autonomía necesarias e que o introducise na sociedade do coñecemento propia do século XXI.

Segunda fase: O coñecemento das ferramentas dixitais que poden proporcinar dita información

Terceira fase: A creación dun diario dixital.

Creación dun blogue persoal permitíalle ao alumnado crear o seu xornal dixital cos resumos e comentarios persoais daquelas novas do seu interese. Potenciábase así a expresión escrita no rexistro xornalístico e na variedade estándar ou común.

Ademais, tiñan que investigar, a través das webquest, sobre diferentes aspectos (a manipulación das imaxes, as axencias de prensa, a publicidade, os donos dos medios, etc.) que lles facilitasen unha lectura máis crítica e lúcida.

A avaliación do traballo do alumnado viría dada polo seu volume e a madurez da súa expresión escrita e dos seus comentarios.

2. Un obradoiro de comunicación multimedia (dos mass aos self media, II)4.

Despois do anterior, no ano seguinte, realizouse un segundo obradoiro para traballar os outros medios de comunicación (televisión, radio e publicidade).

Na primeira fase había que concienciar o alumnado sobre a necesidade de capacitarse nunha comunicación eficiente, isto é: correcta, concisa, precisa e axeitada ás cada vez máis complexas e ineludibles necesidades expresivas dunha sociedade tan sofisticada como a do presente século. Xa que logo, o primeiro obxectivo era potenciar a nosa capacidade comunicativa, dun xeito xenérico, como unha destreza esencial na vida. Por iso, considerouse conveniente introducir o alumnado no punto de vista comunicativo, pragmático e psicolingüístico5, onde a interacción social adquire máis relevancia.

Subliñábase, desde un enfoque analítico, que no século XXI as deficiencias na comunicación son unha fonte de problemas individuais, sociais e culturais; á vez que se insistía en que o enriquecemento dunha personalidade asertiva, autónoma, empática, persuasiva, con dominio da intelixencia emocional, que sabe transmitir as súas mensaxes de modo eficiente… é cada vez máis necesario nunha sociedade de redes sociais, traballo colaborativo, mobilidade laboral e xeográfica, inestabilidade emocional e afectiva, etc. A competencia en comunicación lingüística está implicada, directa ou indirectamente, en preparar ao alumnado para estes retos.


Subliñábase, desde un enfoque analítico, que no século XXI as deficiencias na comunicación son unha fonte de problemas individuais, sociais e culturais; á vez que se insistía en que o enriquecemento dunha personalidade asertiva, autónoma, empática, persuasiva, con dominio da intelixencia emocional, que sabe transmitir as súas mensaxes de modo eficiente…
Había que potenciar, entón, as características e procedementos da mensaxe eficiente, as súas propiedades e adecuación, a intencionalidade, a persuasión, a asertividade, a linguaxe non verbal, a intelixencia emocional, a empatía, a análise de mensaxes multimedia, etc. Así como previlos ante a sedución e a manipulación dos medios.

Desde o enfoque procedimental, traballábase a expresión oral e escrita facendo traducións de mensaxes a diferentes linguaxes audiovisuais, rexistros, intencionalidades e contextos... Practicábase con simulacións de entrevistas, debates, diálogos, locucións, presentacións… filmados en vídeo para a posterior análise da capacidade comunicativa, con especial atención na linguaxe verbal e non verbal, a personalidade asertiva e os procedementos de empatía, a eficacia, a corrección, a concisión, a precisión e a adecuación das mensaxes, etc.

Unha vez aprendidos os rudimentos das técnicas xenéricas para unha comunicación eficiente, importaba agora coñecer, explorar e practicar os medios de comunicación audiovisuais; percorrendo, así, o camiño que vai da información, na experiencia anterior, ás emocións. E iso dende as dúas perspectivas xa apuntadas: o enfoque crítico (educación do consumo dos medios, coñecemento das características das súas mensaxes, investigación da manipulación mediática, etc.) onde se descubrían as peculiaridades daqueloutros tipos de comunicación: as súas virtudes e as súas limitacións, as súas técnicas, a súa influencia, as súas consecuencias… E o enfoque procedimental para a creación propia de diferentes produtos mediáticos, como unha aprendizaxe significativa do «aprender facendo». Aprender a construír as mensaxes multimedia era a mellor forma de coñecer as súas posibilidades comunicativas. Con este obxectivo, creouse Teleteis, unha televisión escolar para dar a coñecer o noso instituto; Radioteis, unha radio escolar onde se trataba de producir emocións a base de mesturar textos literarios e música sobre cuestións que de sempre preocuparon a humanidade como o amor, a soidade, o éxito, o fracaso... e un Telenoticiario do IES de Teis, onde se daba información mensual das novas do centro dende un set virtual de televisión en 3D, feito coa aplicación TVnima. Por último, fixemos campañas publicitarias no centro (realización de carteis, boletíns, exposicións, proxeccións...) sobre as efemérides de actualidade como o día da muller, o día da paz, os dereitos humanos, etc.

A valoración da experiencia non podía ser outra máis que comprobar a correspondencia que había entre os nosos obxectivos comunicativos e o efecto que as mensaxes producían nos receptores. Posiblemente a avaliación máis real e natural dunha comunicación eficiente.

Bibliografía:

  1. O II Encontro Internacional sobre EDUCACIÓN AUDIOVISUAL celebrouse en Santiago de Compostela do 4 ao 6 de decembro de 2006, patrocinado polo Consorcio Audiovisual de Galicia, baixo o subtítulo de Enredados nas Pantallas.
  2. a) Decreto 1262008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.
    b) Orde do 25 de xuño de 2008 pola que se establece a relación de materias optativas do bacharelato, o seu currículo e se regula a súa oferta.
    c) Decreto 1332007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.
  3. Esta experiencia foi premio de innovación, 2007 da Xunta de Galicia e a súa memoria detallada pódese ver en: http://www.edu.xunta.es/contidos/premios/innovacion07/mod_a/2p_taller_actual/index.html
  4. Esta experiencia foi premio de innovación educativa da Xunta de Galicia, 2008. A memoria do traballo pódese consultar en: http://centros.edu.xunta.es/contidos/premios08/?p=162
  5. Hymes (1971) foi o pioneiro en acuñar o termo de competencia comunicativa, pero é a partir dos anos 80 que se suceden múltiples propostas didácticas baseadas en tal enfoque : Canale e Swain (1980, 1996); Celce-Murcia, Dornyei e Thurrell (1995); Bachman (1995); Briz Villanueva (2003)…etc.