logo

 

cabecera

Limiar


O importante non é a tecnoloxía senón o que poidamos facer con ela.

Este anuncio dun teléfono móbil aparecido durante o pasado ano en moitos carteis publicitarios recolle unha das máximas que o profesorado procura seguir na súa viaxe polas intricadas rúas das tecnoloxías e a súa incorporación nas aulas. Os problemas de aprendizaxe e integración das TIC na aula son ámbitos que comparten unha tendencia cara a incomunicación entre teoría e práctica, así como unha complicada relación entre innovación e situación real das aulas.

Os avances tecnolóxicos nestes últimos anos provocaron cambios de grande calado na nosa sociedade. Deste xeito, medios tan tradicionais de transmisión de coñecemento como son os libros empezan a convivir e, nalgún caso, a seren substituídos por outros contornos de aprendizaxe que utilizan a rede como canle de comunicación. Ademais, a forma como os educadores actúan con relación á adquisición e organización do coñecemento está tamén a cambiar, ao igual que o modo de comunicármonos e, consecuentemente, o modo de coñecérmonos.

Vivimos nunha sociedade do coñecemento que non se pode permitir que ninguén quede sen educar e que debe formar cidadáns e cidadás que sexan aprendices ao longo de toda a vida, nun contexto de cambio permanente. Hoxe máis que nunca é preciso crear as condicións necesarias para que nas aulas e fóra delas se fomente o diálogo, a participación e a aprendizaxe. Estes novos escenarios de educación nos que as tecnoloxías xogan un papel cada vez máis importante poden ser, daquela, un excelente complemento para acadar unha formación integradora.

Neste contexto a educación e mais a información preséntanse como claves para afrontar os desafíos da chamada era dixital. O Consello de Educación do European Council intentou establecer os compoñentes básicos que terían que formar parte da alfabetización dixital e, así, citou, entre outros, as destrezas relacionadas coa utilización da información (information skills) e coas tecnoloxías da información (IT skills) e a formación nunha cultura tecnolóxica. A escola debe ter moi presente estes aspectos e deseñar programas educativos que atendan estes compoñentes e posibiliten unha ensinanza activa e participativa que non descoide estes novos escenarios de aprendizaxe.

Pero as TIC poden supoñer un avance maior de se aproveitaren a súas potencialidades dun xeito máis amplo, imaxinativo e coherente, xa que as súas posibilidades así o permiten. Neste sentido, hai que dicir que xa son notorios os centros escolares da nosa contorna que utilizan estas ferramentas para desenvolver interesantes e ambiciosos proxectos pedagóxicos de grande repercusión na práctica docente.

Estes novos instrumentos de información engaden un enorme potencial con relación ao desenvolvemento das habilidades lingüístico-comunicativas. Neste contexto, a ensinanza e mais a aprendizaxe conxúganse nun proceso continuo de interpretación de linguaxes, códigos e canles, que van do audiovisual ao verbal, do audiovisual ao escrito e viceversa. A comunicación enriquécese, os coñecementos consolídanse, e a información que se adquire fóra da aula intégrase na que se traballa dentro. Tamén aparecen propostas en que se experimentan novas fórmulas e estratexias de comunicación e interacción na rede, que favorecen as conversas e os debates virtuais cun grande aproveitamento didáctico.

Esta situación de avance tecnolóxico continuo fai que a escola deba procurar novas formas de creación de contidos e novos soportes de transmisión destes. Un aspecto que cómpre ter moi en conta é o comportamento dos usuarios no manexo dos distintos medios tecnolóxicos. Os expertos constatan que é a primeira vez que nenos e adolescentes están máis cómodos e, tamén, máis formados que os adultos na súa relación coa sociedade tecnolóxica.

Pero para acadar unha integración real e efectiva das tecnoloxías no ensino dos contidos curriculares, precísase dun profesorado formado e activo que se convenza da imperiosa necesidade de utilizar estes medios como instrumentos de acceso á información e de construción do coñecemento. Estanse a abrir interesantes expectativas no ámbito educativo e, como docentes, debemos participar de forma activa.

Hoxe en día podemos dicir que as TIC (Tecnoloxías da información e comunicación) ocupan un espazo cada vez maior e están plenamente integradas na nosas vidas e na mesma escola. E é que como di Lourdes Domenech, as TIC xa non son unha moda, senón unha peza clave do sistema educativo».

O avance cara á incorporación das TIC á práctica de aula é, polo tanto, evidente e notable. Os docentes teñen ante eles un instrumento de traballo con extraordinarias posibilidades de comunicación. Internet é un medio interactivo que nos permite satisfacer necesidades e apetencias profesionais. O reto actual das nosas aulas é aproveitar o potencial educativo e pedagóxico destas ferramentas e acadar contornas de aprendizaxe nos que as tecnoloxías se convertan en verdadeiros instrumentos de aprendizaxe e coñecemento.

Podemos dicir que cada vez é máis o profesorado que introduce as tecnoloxías de xeito cotiá na súa tarefa docente e cada vez son máis numerosas as experiencias didácticas con estas ferramentas. Amosamos aquí algunhas delas, das que pensamos que están a incidir nun cambio metodolóxico de maior impacto. Porque xa sabemos que en educación: «Cambiar é difícil, non cambiar… fatal».


Javier Pintor