logo

 

cabecera

A xestión do podcast
no contexto educativo,
recurso metodolóxico e interdisciplinar


Víctor Manuel Ledo Lema
CEIP de Arteixo


Analizaremos neste artigo as directrices máis básicas para a elaboración, edición e distribución dos podcast, desde a aula ou centro á rede, ben aloxándoos nos blogues ou nas propias páxinas web.
Descubriremos unha nova ferramenta útil en todas as disciplinas a través da educación nas tecnoloxías da información e comunicación (TIC).

Breve introdución ao termo

A orixe da palabra podcast provén da unión de dúas palabras: iPod e broadcasting.

O iPod é o reprodutor de mp3 e mp4 máis famoso, da casa Apple.

Broadcasting significa radiodifusión.

A fusión de ambas as dúas palabras describe a tecnoloxía de transmisión de contidos de audio en formato dixital a través da rede.


Todos lembramos esas antigas gravadoras de cassette que utilizabamos para «inmortalizar» grandiosos instantes sonoros, pois ben, non é outra cousa que traspasar ese mecanismo á tecnoloxía dixital
A orixe do podcasting sitúase arredor do 13 de agosto de 2004. O termo utilizouse por primeira vez o 12 de febreiro de 2004 no periódico The Guardian. A reportaxe cualificaba a xestión deste tipo de contidos como unha «revolución do audio afeccionado».

De xeito sinxelo, que entendemos por podcast?

Todos lembramos esas antigas gravadoras de cassette nas que utilizabamos o botón vermello e o de play ao mesmo tempo para «inmortalizar» grandiosos instantes sonoros, pois ben, non é outra cousa que traspasar ese mecanismo á tecnoloxía dixital, logo virán os distintos e variables usos e entre eles o que nos ocupa neste artigo, o educativo.

Xustificación do traballo con podcast nos centros

Como acabamos de ver, o podcasting consiste na distribución de arquivos multimedia (audio ou vídeo) para que o usuario ou ouvinte o escoite cando, onde e como queira.

Pode definirse o podcast como un arquivo de son que se distribúe a través da tecnoloxía RSS, é dicir, trátase de colgar arquivos de audio na rede coa posibilidade de que cualquera (a través de certos programas) poida suscribirse á nosa canle de RSS e baixar a súa computadora os arquivos de son. De todos os xeitos, pode ser todo máis simple, soamente sería necesaria a gravación dun arquivo de son (de calquera contido) e a publicación (compartir ese contido) do mesmo na rede.

Polo tanto, a introdución do traballo con podcast nos centros xorde da necesidade de estudar un dos elementos máis novidosos e interdisciplinares na didáctica actual e tamén da necesidade de ir creando unha conciencia crítica e responsable de cara ao futuro do alumnado.

O eixe sobre o que xirará o traballo é enriquecedor tanto para o profesorado como para o alumnado, non só no contexto directo (tema do podcast), senón no contexto indirecto Ademais, tamén de forma directa, verase enriquecido o tema e os resultados pola inmediata incorporación dos mesmos noutros contextos paralelos (blogue, audioblogue, páxina web).

De xeito práctico, a utilización do traballo con Podcast achega, ao alumnado, funcionalidades como:

Material necesario para a elaboración dos podcast

  1. O primeiro que precisamos é contar cun computador.
  2. Os computadores instalados pola Consellería traen por defecto un freeware chamado Audacity (atoparémolo seguramente na carpeta Audio) que imos utilizar.
    Trátase dun programa que nos vai permitir gravar múltiples pistas de son; é moi sinxelo e intuitivo, pero en todo caso desde a propia páxina do programa podemos descargar o manual (http://audacity.sourceforge.net/).
  3. Un micrófono (de podernos contar cunha pequena mesa de son para amplificar o sinal moito mellor mais de non ser o caso, conectaremos directamente o micro ao computador).

Contidos dun podcast


Os contidos dos podcast son numerosos, interdisciplinares e multidisciplinares, transversais… e alcanzan ata onde nos leve a nosa imaxinación


No ámbito educativo é un recurso que permite o traballo colaborativo na educación, xa que a súa distribución gratuíta e libre, contribúe á súa difusión e uso, o que facilita o intercambio feedback entre alumnado e profesorado e entre os usuarios da rede.
Como vemos, os contidos dos podcast son numerosos, interdisciplinares e multidisciplinares, transversais… e alcanzan ata onde nos leve a nosa imaginación. Basta con botar un ollo pola rede para ver os distintos podcast educativos elaborados por colexios, institutos e universidades.

Os temas son infinitos, pódese empregar calquera dos xéneros radiofónicos coas vantaxes de que non hai límites de duración e de que se poderá escoitar á hora e no lugar que se prefira e, tamén, en dispositivos como o ordenador, reprodutor de MP3 ou análogos. Así podemos ter podcast de múltiples temáticas igual que hai blogues, revistas, programas de tv e de radio de diversas especialidades. Neste caso concreto ímonos centrar nos podcast que se establecen no contexto educativo, pero dentro deste abano de posiblidades é moi amplo.

No ámbito educativo é un recurso que  permite o traballo colaborativo na educación, xa que a súa distribución gratuíta e libre, contribúe á súa difusión e uso, o que facilita compartir coñecementos e o intercambio feedback entre alumnado e profesorado dunha comunidade escolar  e entre os usuarios da rede.

É polo tanto un proceso propio e aberto ao resto da sociedade que tamén pode participar en moitos apartados do mesmo, complementando, enriquecendo, ampliando ou matizando aspectos a través dos comentarios e ou entradas da publicación.

Esquema de traballo

Sería recomendable, aínda que non necesario, aproveitar a ocasión e formar no centro un grupo de traballo en relación ao podcast; sería un xeito efectivo de implicar a parte do profesorado do centro e ao mesmo tempo contar coa colaboración do Cefore para a formación neste ámbito educativo, tal e como se fixo no curso 2009/2010 no CEIP Bergantiños e no curso 2010/2011 no CEIP de Arteixo.

Deste xeito, o esquema de traballo quedaría secuenciado en tres fases:

RECOMENDACIÓN: Contextualicemos contidos e globalicemos o proxecto. Deste xeito quedará coherentemente vertebrado. A modo de exemplo, no CEIP Bergantiños elaboráronse, entre outros, podcast nos que discurría como eixe principal «A regueifa», aproveitando a gran tradición na zona e o bo saber e mais a arte do alumnado ao respecto.

Aproximacións didácticas

No CEIP de Arteixo o piar central de traballo foi «A literatura galega ata Lois Pereiro» para todos os cursos. Así pode haber un podcast que fale do autor, varios podcast que relaten varias poesías do mesmo ou recreación da súa obra noutro contexto, por poñer algún exemplo.

Na etapa de Infantil (e nalgún curso de Primaria) o tema principal quedou constituído por «As adiviñas».

Por último «A mitoloxía» centrou o núcleo temático dos rapaces de 6º de primaria. Deste xeito o proxecto queda globalizado.

A partir destes tres centros de interese secuenciouse o esquema de traballo (tal e como suxerimos no punto anterior) en tres fases (aprendizaxe, elaboración-edición e subida dos arquivos á rede).

«Sen esquecer a transversalidade, intentamos e acadamos –en moitos casos-, unha certa aproximación á contraposición de xéneros, isto é, illar a obra relatada e descontextualizala completamente, situándoa noutras variables de espazo-tempo.

A modo de exemplo, os rapaces de 6º de primaria gravaron o poema de Rosalía de Castro «Adiós ríos, adiós fontes», porén a entoación que usaron non foi para nada suave, senón seca e cortante e, para a base musical sobre a que se recitaron os versos, quedou elixida por unanimidade a canción «Links 234» do grupo alemán de metal industrial Rammstein.

Basicamente contrapuxemos a dozura duns preciosos e clásicos versos a un contexto sonoro pesado e vangardista, o mundo global e a ruptura de fronteiras; por suposto, ao alumnado resultáballe o poema así máis emocionante.

«Se Rosalía levantase a cabeza...» pensou alguén en alto, «Seguramente a ela tamén lle gustaría xa que a poetisa foi unha adiantada para a época que lle tocou vivir ..» apuntou desde o final da clase unha alumna os rapaces que sentan ao final da clase, semellan ser máis creativos, non si ?.

Noutra orde de cousas tamén é moi importante que, na medida do posible, participe todo o grupo-clase, non toda a rapazada le ben nin pronuncia ben pero non pretendemos realizar podcast radiofónicos, soamente educativos.

A partir da segunda sesión os rapaces (a partir de 4º de primaria) xa comezaron a utilizar as ferramentas dixitais e paso a paso xa foron organizando a gravación e a posterior edición final. Esta consecución é de grande importancia xa que, ademais de estar reflectido nos obxectivos iniciais, constitúe unha ferramenta para o coñecemento por parte do alumnado das técnicas e procedementos que rexen o proceso de tratamento de información en todo o ámbito mass media.

No tocante á subida dos podcast á rede cómpre habilitar com anterioridade, na páxina web do centro (www,edu.xunta.es/centros/...) un apartado para arquivar os nosos podcast, particularmente, no CEIP de Arteixo (www.edu.xunta.es/centros/ceiparteixo) na sección de RECURSOS despregouse a opción PODCAST e dentro dela distinguimos entre Infantil e Primaria e no interior delas os tres núcleos temáticos aos que faciamos referencia con anterioridade.

Para subir o arquivo ás nosas páxinas do centro o usuario simplemente engade o mesmo como arquivo adxunto.

Polo tanto, estamos a traducir estes contidos en obxectivos tanxibles, fomentando no alumnado e no profesorado o coñecemento dos grandes eixes prácticos e directos das novas tecnoloxías como medio e finalidade, fomentando, así mesmo, a sensibilidade artística do alumnado e investigando sobre formas de innovación educativa por medio da xestión do podcast.

Ademais, estamos a valorizar a importancia dos novos e distintos xeitos de adquisición de aprendizaxes e axudando a crear unha conciencia crítica e reflexiva sobre o papel da innovación educativa no contexto do actual binomio ensino-aprendizaxe.

Breves consellos prácticos a ter en conta

- Identifica e presenta o teu podcast.
Menciona ao comezo, na presentación, a data, o número de programa, a presentación dos falantes e o tema a tratar.

- Mantén a orde no tratamento da información e exposición dos temas.
Esta é imprescindible se o potcast é continuado. A organización é importante, sobre todo nas entrevistas.

- Voz musical.
Evitaremos usar un ton de voz monótono; este debe ser ameno e nunca lineal, debe conter inflexións, énfase e procurar sempre a atención do ouvinte.
Se non é un podcast dun único relator cómpre, sempre, xogar coa dualidade home-muller, en canto ao ton de voz se refire.

- Os podcast deben ser curtos.
Non deben superar máis de 15 ou 20 minutos; para manter a atención do ouvinte e para fornecer de máis calidade o noso contido requírense tempos curtos (de 3 a 7 minutos).
Os segmentos deben ser curtos e entre cada segmento un fío musical ou un efecto sonoro pode dinamizar a escoita.

- Utiliza música.
Aínda que leve máis tempo de edición a música conseguirá que o noso podcast sexa menos seco e máis dinámico.

- Utiliza os diferentes efectos de edición.
Ten unha dobre finalidade; por unha banda enriquecerá o resultado final e por outra obrigará a manter a atención e a non desligarse do discurso central xa que se fai moito máis ameno.

- Usa a imaxinación.
Ten en conta que a primeira vez que se utilizou o termo podcast foi no ano 2004; estamos a falar dun tratamento da información vangardista e moi recente no tempo, avanza nos contextos e nos contidos.

Conclusións finais


Estamos, na actualidade, a ser espectadores dunha revolución informativa en canto aos medios, recursos e formatos da información. Dentro desta transformación o podcasting sitúase como nexo canalizador e condutor das diferentes correntes contemporáneas, tanto no seu uso, coma no seu contido
Estamos, na actualidade, a ser espectadores dunha revolución informativa en canto aos medios, recursos e formatos da información, pero non somos só espectadores, somos tamén transformadores e condutores do propio proceso informativo.

A revolución, no seu eido máis democrático e free-were das novas tecnoloxías, a democratización de recursos, contidos e prezos fai que esteamos a atravesar un periodo de globalización do inmediato e do universal, do común.

Dentro desta transformación o podcasting sitúase como nexo canalizador e condutor das diferentes correntes contemporáneas, tanto no seu uso, que xa de por si queda enmarcado nesta revolución informativa democratizada, coma no seu contido, xa que está a ser un vehículo efectivo para a transmisión de novas técnicas e coñecementos.

Dentro deste movemento transformador, a aula debe xogar un papel prioritario en canto ao tratamento da información se refire, un espazo de vínculo aos distintos e veloces cambios que se están a producir na sociedade actual con relación ás novas tecnoloxías.

Non se trata de vivir de costas ás TIC» , senón de coñecer, controlar e, sobre todo, usar esta nova ferramenta.

O podcast como recurso resume toda esta filosofía tanto no seu contido coma no seu contexto, é dicir: valorando o traballo, e sobre todo, o xeito de realizalo.

A evolución é impredecible xa que as transformacións son continuas; e as conclusións deixaron, neste campo, de seren absolutas, aínda que non por iso contraditorias.

Trátase de pegar e engadir un avance tras outro pero non de solapar, senón de volcar e avanzar; procúrase, en definitiva, aplicar o coñecemento actual e non estabilizarse nas diferentes técnicas para así seguir a complementar e confeccionar os diferentes patróns que configuren o actual entramado e a rede que alinee os piares básicos do actual tratamento da información e da nova educación.