logo

 

cabecera

O uso das redes sociais no proceso de aprendizaxe
PDC e bilingüe, 2009-2011 IES de Pastoriza


Ignacio Javier Menéndez Villagroy
IES de Pastoriza. A Coruña


Cando me propuxen, a finais de novembro do ano pasado, a introdución da rede social Ning na aula, non tiña moi claro cal ía ser a dinámica do proceso de aprendizaxe do meu alumnado, nin como ían responder ante os novos retos que supoñía un modelo diametralmente oposto ao tradicional. Porén, si era coñecedor da súa paixón polas redes sociais. Teñen unha media de catro perfís dixitais: Tuenti, Facebook, Fotolog, Flickr e algún máis que deixo atrás como MySpace, Twitter ou Hi5. E chatean ou escriben mensaxes a través do Messenger sobre dúas horas diarias. Estes datos non fan máis que pór de manifesto unha realidade social na que se move a mocidade: España é o segundo país do mundo no uso das redes sociais.

Para aqueles que non coñecen a rede social Ning, direilles que é unha plataforma que ofrece todas as ferramentas necesarias para converter a aula nunha grande rede social de aprendizaxe. Ten a páxina principal, xestión de membros, fotos, vídeos, foro, grupos, blog, chat e aplicacións como Google.docs e YouTube. De aí a miña clara aposta por esta rede en detrimento doutras máis coñecidas como Facebook ou Twiter.


«Compartir» é un valor humano esencial e a creación dun espazo democrático de coñecemento –o que algún autor denomina «intelixencia social»-, é a clave dun ensino que fomenta a creatividade do alumnado e fornéceo das ferramentas necesarias para inserirse, nun futuro inmediato, nunha sociedade global, altamente cambiante e diversa
As razón pedagóxicas e operativas polas que introducín a rede social Ning na aula foron as seguintes:

  1. É unha plataforma educativa moi potente para o desenvolvemento do traballo colaborativo e a educación baseada en proxectos como as webquest.
  2. Permite a xestión eficaz do tempo tanto na aula coma «on line».
  3. A información é multidireccional. Todos os membros teñen as mesmas oportunidades de acceder á mesma, en calquera momento e en calquera lugar.
  4. A aula, como rede social, é un espazo de coñecementos democráticos onde os alumnos son produtores e consumidores de coñecementos.
  5. Facilita a participación do alumnado no proceso construtivo das webquest, de tal forma que a clase se converte nun laboratorio onde se deseñan proxectos de investigación na rede, de acordo co modelo das webquest.
  6. A rede social, e todo o que implica como campo de interaccións sociais non xerárquicas e colaborativas, fomenta o compromiso do alumnado no seu proceso de aprendizaxe.

Detrás de cada un destes obxectivos, está a consideración de que «compartir» é un valor humano esencial e que a creación dun espazo democrático de coñecemento –o que algún autor denomina «intelixencia social»-, é a clave dun ensino que fomenta a creatividade do alumnado e fornéceo das ferramentas necesarias para inserirse, nun futuro inmediato, nunha sociedade global, altamente cambiante e diversa.

A aula dixital

Neste proxecto están traballando os meus oito alumnos de 3º da ESO do Ámbito Sociolingüístico do PDC e dezasete de 3º de Ciencias Sociais da Sección Bilingüe de inglés. Ambos os dous grupos, malia as diferenzas curriculares e traxectorias educativas persoais, comparten en aberto a mesma rede, os seus traballos, os proxectos e as súas valoracións.

Unha vez posta en marcha a rede, o primeiro que quería saber era que lle interesaba ao alumnado. Para iso abrín un debate no foro no que lle suxería, en primeiro lugar, que fixese unha lectura a fondo dos temas programados para a 2ª avaliación e, en segundo lugar, que formulase unha proposta sobre que e como estudalos.

O seguinte paso foi estruturar as súas propostas de traballo en cinco proxectos: dúas webquest, unha sobre «A Coruña» feita por min, e outra sobre «O comercio xusto», baixada da rede co consentimento da súa titora. E tres interesantes proxectos de investigación: un sobre Haití; o segundo sobre os efectos contaminantes de Repsol na poboación de Meicende (pertencente á área metropolitana da Coruña). E, o terceiro, as consecuencias das políticas agrarias da UE en Melide (unha vila da provincia da Coruña).

O chat foi unha vía rápida para resolver os problemas do día a día fóra da aula. Hei de dicir que todos os días, incluídas as fins de semana, chateaba co meu alumnado sobre os problemas e solucións que ía encontrando no seu traballo.

O foro utiliceino principalmente como medio «on line», cando existía certo bloqueo nun grupo, convidando a outros membros doutros grupos para introduciren diferentes puntos de vista.

O correo permitiume unha atención personalizada para cada alumno. As dúbidas persoais, as suxestións, as urxencias, os ánimos, canaliceino a través deste medio.

O blog converteuse nun instrumento eficiente para xestionar a información na aula, tanto dende o punto de vista do que facía cada grupo ou persoa, coma un lugar dixital onde aloxar a información relevante.

Nesta primeira fase de uso intensivo da rede, constatei que:

  1. O alumnado gañaba en claridade sobre que e como facer os proxectos.
  2. Amosaban un grande compromiso e dedicación.
  3. Controlaban o proceso de aprendizaxe sendo flexibes na resolución de problemas.
  4. Aprenderon a traballar en grupo de forma eficiente usando todos os medios que a rede lles facilitaba.
  5. Formuláronse iniciativas moi innovadoras. Houbo un proceso de retroalimentación das sinerxías no grupo e entre os grupos (entrevistas a veciños afectados pola contaminación ou as políticas agrarias, entrevista a un médico da localidade ou ao concelleiro de Medio Ambiente da Coruña, por citar algunhas delas).
  6. O produto final foi excelente, varios documentais sobre os problemas abordados.

A avaliación

A avaliación deixou de ser unha finalidade en si mesma para se converter nun medio dentro do proceso de aprendizaxe. En primeiro lugar, polo seu carácter público. Os criterios avaliativos están colgados nun «post» no blog. Segundo, porque o que se avalía é todo o proceso de aprendizaxe: contido do traballo, organización dos contidos, aspectos lingüísticos do mesmo, medios multimedia utilizados, orixinalidade, presentación e exposición, participación no grupo e contribución persoal ao mesmo.

Todos e cada un dos alumnos, de acordo cos criterios antes mencionados, avaliaron os traballos dos seus compañeiros, escribindo as súas notas e suxestións no «post» do blog.

As conclusións que un extrae de todo este proceso de traballo desenvolvido nas aulas son as seguintes:


    A educación baseada en proxectos é, ao meu xuízo, un magnífico camiño para fomentar a imaxinación e a creatividade do noso alumnado
  1. A educación baseada en proxectos é, ao meu xuízo, un magnífico camiño para fomentar a imaxinación e a creatividade do noso alumnado.
  2. A utilización das redes sociais permite a creación dunha aula virtual e a ubicuidade do coñecemento.
  3. Como sinala Seely Brown, as redes sociais xeran «unha comunidade de aprendizaxe baseada na produción de coñecementos significativos entre pares».
  4. O uso das redes facilita a adaptación dinámica dos proxectos (webquest) no proceso de aprendizaxe.
  5. O alumnado está satisfeito e contento co que fai. Atopa un claro sentido á súa educación e implícase na súa aprendizaxe.
  6. Por último, o profesor convértese nun «director de orquestra» nun «facilitador» do proceso de aprendizaxe.

En resumo: dúas ideas

Na actualidade, estou traballando con ambos os dous grupos nunha webquest sobre a inmigración en España. A novidade é que os grupos son mixtos, tres alumnos de Sección Bilingüe e un de PDC, agás un grupo que está formado por dous e dous, o que fai un total de seis grupos. Obviamente, esta situación entraña serios perigos organizativos e posibles disfuncións na xestión do tempo e do proceso de aprendizaxe; malia iso, coido que paga a pena asumir estes riscos xa que me permite:

  1. Camiñar cara a un concepto de aula dixital superando barreiras arquitectónicas.
  2. O uso intensivo e creativo das TIC e a rede social Ning.
  3. Crear un sentido de comunidade de coñecementos entre os meus alumnos, con independencia do curso no que estean matriculados.

Este Nadal agasallei cun teléfono móbil de pantalla táctil á miña sobriña. Despois de manipulalo, fuchicar nos menús…, díxenlle: «e agora a ver que pon o manual». Miroume coma se fose un extraterrestre e contestoume: «É máis divertido investigar que ler o manual».

No blog de Roger Schank pódese ler a seguinte reflexión: «O mundo cambiou; as nosas escolas, non».

A comezos deste novo curso a rede social Ning deixou de ser gratuíta. Isto propiciou que moitos centros educativos abandonasen esta rede e buscaran outras opcións. Na actualidade continúo desenvolvendo unha experiencia semellante á relatada aquí pero coa plataforma Socialgo (http://www.socialgo.com/) co mesmo éxito e bos resultados que antes.

Enlaces de interese

Sir Ken Robison, «As escolas matan a creatividade» (subtitulada en castelán)
http://www.youtube.com/watch?v=1rYVMMkmJJI&feature=related

John Seely Brown, «Tinkering as a Mode of Knowledge»
http://www.youtube.com/watch?v=9u-MczVpkUA

Blog de Roger Schank
http://www.rogerschank.com/

Algúns dos traballos do meu alumnado.
http://iespastoriza.wikispaces.com/Sector+primario+en+Melide
http://iespastoriza.wikispaces.com/Repsol+en+Meicende
http://iespastoriza.wikispaces.com/Terremoto+de+Haití,+2009