logo

 

cabecera

As TIC en ciencias


Xacobo Raúl De Toro Cacharrón
CPI Conde De Fenosa. Ares


Antes de meterme a falar directamente das TIC nas Ciencias, quixera presentarme e explicar porque adoitei empregalas acotío nas miñas clases. Nestas liñas intentarei amosar como uso as novas tecnoloxías para impartir as miñas clases na área de Ciencias, e sobre todo, como as está a empregar o meu alumnado para aprender.

Aínda que aprobei este verán pasado a oposición por Bioloxía e Xeoloxía, o meu periplo remóntase a fai cinco anos cando entrei por primeira vez como profesor substituto de ciencias no IES de Beade, en Vigo. E decateime da necesidade de empregar as novas tecnoloxías baixo o prisma da curiosidade. Inicieime á semana de comezar como profesor e foi polo mes de marzo, un luns a primeira hora da mañá. Lembrareime durante moito tempo polo xocoso que foi o asunto.

Estaba tratando de explicar a un adormecido alumnado de 1º da ESO como unha ameba fagocitaba cos pseudópodos a un incauto ciliado que se lle achegaba. Perante a mirada maliciosa do meu alumnado, despregando unha actitude entre medio receosa e medio de «póker», esa que só poden poñer os alumnos cando teñen diante un profesor substituto que cheira a novato, dispúxenme a facer co xiz un debuxo ben grande no encerado que explicase o proceso. No encerado tracei uns esquemas nos que, paseniño, lles explicaba o xeito de alimentación do protozoo. Seguidamente tratando de explicalo, díxenlles:

"todo isto prodúcese lentamente....é dun tamaño tal que non poderiades velo a simple vista..... necesitariades usar un microscopio... poñede imaxinación....tedes que facer un esforzo por imaxinalo... coma se fose unha secuencia continua".

Xusto nese momento e por uns segundos, tiven un «flashback» e viñeron á miña cabeza esas mesmas palabras repetidas, pero na miña ensoñación eu era un alumno de 15 anos que estaba sentado no pupitre. Quedei fóra de combate por espazo duns segundos recordando que sendo alumno de 2º de Bacharelato, a miña profesora de Ciencias empregara, xustamente, as mesmas palabras e efectivamente, aos ollos duns cativos, máis que un acto de imaxinación o que se dera naquela clase fora un acto de fe cega e sen acabar de entender completamente que era o que lle pasara ao pobre paramecio no vacúolo dixestivo da ameba. Dixérame para min mesmo que se algún día acababa sendo profesor de Ciencias ía explicar iso dun xeito totalmente diferente.

Foi o meu alumnado quen me sacou do meu estado de transo «éxtase-analepse docente» reclamando que imaxinar algo que non viran na súa vida era moi complicado e aínda por riba sendo algo tan pequeno que non poderían ver cos seus propios ollos. De súpeto, viaxei catorce anos atrás e comprendín que non estaba sendo fiel aos meus principios

A miña primeira opción foi deseñar unha práctica de laboratorio, pero pronto descubrín que en poucos centros os microscopios están en condicións para unhas prácticas minimamente dignas, ademais da problemática de convencer uns incautos paramecios microscópicos de que se dirixisen aos «brazos» pouco amigables dunhas amebas con avesas intencións gastronómicas xusto no momento de realizar as prácticas co alumnado. A segunda opción era buscar un vídeo ilustrativo en cinta do proceso (aínda había vídeos...), pero no centro non o había. A terceira opción era buscar en «YouTube» un vídeo do proceso, descargalo...pero non tiña onde reproducilo, pois non había nin ordenadores nin canóns á miña disposición e a sala de ordenadores estaba sempre reservada á miña hora por outras materias que tiñan asignada a clase na aula informática.

Ocorréuseme tirar pola terceira posibilidade e mercar un mini «dvd» portátil con entrada USB que conectaría a un televisor que había na aula, buscar o vídeo en «YouTube», descargalo con un programiña, buscar un programa que convertese o formato de vídeo «flv» a «avi» para que o puidese ler o mini «dvd» a través dunha memoria «USB»... e logo de trastear un bo anaco conseguín finalmente que o meu alumnado puidese ver como unha ameba papaba un paramecio dentro dun vacúolo dixestivo sen que fixesen un acto de imaxinación e abstracción. Polo tanto acababa de abrir o mundo dos vídeos de ciencias colgados en «YouTube» a unha clase na que non había ordenadores nin internet.

Ao pouco descubrín que podía facer as miñas presentacións dixitais con «Powerpoint» e en vez de gardalas como formato de presentación (pwp ou pps), podía gardalas en formato de imaxe «jpg» ou «gif», de maneira que puidesen ser recoñecidas polo mini «dvd»... e... «voilá»!, outra barreira franqueada. As miñas clases xa podían ser moito máis visuais e descritivas e un pouco menos memorísticas.


As miñas clases xa podían ser moito máis visuais e descritivas e un pouco menos memorísticas


Descubrín uns portais chamados «slideshare.net» e «slideboom.com» que me permitían buscar presentacións elaboradas por outros compañeiros subir as miñas presentacións dixitais, compartilas e permitir que o alumnado puidese descargalas
Deste xeito, decateime do importante que é buscar alternativas e que o máis salientable non son os medios, senón achegar a información á aula, a ser posible no maior número de formatos: vídeos de procesos, documentais, imaxes, textos, noticias de prensa e por suposto, o libro de texto. Ao ano seguinte comprobei de que non podía seguir con todo ese rodeo e decidín que se a Consellería de Educación non consideraba importante fornecer os docentes cun ordenador para o seu traballo, tería que ser eu o que a mercara, polo que me fixen cun canón e portátil persoais, que dende aquela tería que montar e desmontar cada vez que daba clase na aula polos 14 centros que pasei.

Dende aquela incorporei diferentes elementos TIC á miña docencia que me facilitaron o meu labor como profesor, pero sobre todo, melloraron a aprendizaxe do meu alumnado. Outra peza clave foi que o CEFORE da Coruña nos concedese nos seguintes anos sucesivos varios grupos de traballo relacionados coas novas tecnoloxías para desenvolver a nosa práctica docente a un profesorado con iguais inquedanzas. Finalmente, este ano viuse cumprido o meu desexo ao tocarme en destino provisional un centro Abalar, e aínda que os ordenadores non funcionan como debesen, sempre é mellor iso que nada e polo menos, non teño que montar o canón nas aulas de 1º.

Neste artigo falarei, por unha banda, de todo o que fago para empregar as TIC na aula e pola outra, como empregan os meus alumnos as diferentes ferramentas tecnolóxicas no proceso ensino-aprendizaxe.

Dende o inicio elaborei as miñas presentacións dixitais porque me parecía moi interesante poder mostralas ao alumnado para que as puidese repasar. E descubrín uns portais chamados «slideshare.net» e «slideboom.com» que me permitían buscar presentacións elaboradas por outros compañeiros subir as miñas presentacións dixitais, compartilas e permitir que o alumnado puidese descargalas. Ademais, ofrecen servizos da rede 2.0 polo que podía incrustalas nun blog, que foi o seguinte paso. Ambas as dúas ofrecen a posibilidade de facer «slidecast» pero «Slideshare» ademais permite subir arquivos «pdf», follas de cálculo e documentos de texto.

Decidinme por un blog de aula no canto dunha páxina web, porque a súa estruturación segue a temporalización programada para a aula e ten certa similitude co caderno de clase, pero cunhas posibilidades dificilmente imaxinadas hai un tempo grazas a web 2.0. Deste xeito, usando un blog obtiña unha dirección de referencia en internet e podía albergar, grazas ás posibilidades da rede 2.0: vídeo, audio, exercicios interactivos, test, texto e infografías ou animacións flash. Incluso habilita unha pequena rede social da aula, posto que as entradas poden ser comentadas, ser respondidas ou mesmo que o alumnado poida crear entradas (aínda que recomendo que teñan un blog propio, separado do blog de aula de querermos ter os contidos do profesor ordenados). Pódese ver como veño traballando cos blogs que teño habilitados este curso en www.cienciasnarede-1eso.blogspot.com ou en www.cienciasnarede-2eso.blogspot.com o de 1º da ESO ten máis de 5000 visitas dende inicios de curso, a maioría condensadas polos 32 alumnos de 1ºESO.

O seguinte paso foi abrir unha conta en "Youtube", o cal recomendo por obter moitas vantaxes. Permítenos ter unha canle propia cun enderezo único tipo http://www.youtube.com/user/xacoprofedeciencias onde albergar todos os nosos vídeos propios e os favoritos seleccionados entre os vídeos doutros usuarios. Un dos aspectos salientables é que nos permite facer listaxes de reprodución, de xeito que se atopamos 10 vídeos que tratan sobre un tema, podemos incluílos nunha listaxe que ten a súa propia URL e ademais podemos inserila nun blog ou web, de maneira que se reproducirán os vídeos un detrás do outro nun único recadro de vídeo. Nesta captura do meu blog de 1º ESO podemos ver que no recadro de vídeo principal vemos en grande o vídeo que se está a reproducir e na parte inferior despréganse outros vídeos da mesma listaxe de reprodución por se se quere saltar a eles. Deste xeito fóronseme ocorrendo unha serie de actividades con vídeo que logo poderían ser colgadas no blog. Agora vou explicar algunhas delas:

Sempre foi bastante complicado que o alumnado identificase as caras dos científicos sobre os que falamos e estamos a ensinar. Polo tanto pareceume unha actividade interesante que fose o propio científico quen lles formulase as súas teorías, descubrimentos, ou un reto, para que o alumnado teña que descubrir de quen se fala. Na miña procura, atopei un «software» chamado Crazytalk (versión 6 na actualidade) que converte a imaxe dunha cara nun vídeo ao agregarlle voz ou audio. Con este «software2 e indicando a través duns pasos sinxelos onde están os ollos, os beizos e delimitando un pouco a cara pódese converter a imaxe dun científico nun vídeo no que fala movendo beizos e boca, coordinado xestualmente co audio incorporado. Mesmo, pódenselle engadir chiscos de ollos, movementos de cellas, efectos baseados en estados de ánimo ou outros efectos especiais. Normalmente o audio grávoo facendo un pouco de teatriño e a ser posible poñéndolle o acento do país de orixe co que o alumnado se centra moito máis no personaxe. Outra posibilidade é rexistrar o audio co software de edición de audio Audacity e facerlle as variacións que precisemos. Este exemplo da captura de pantalla está sacado do meu blog de 4ºESO do pasado curso 2009/10:

http://cienciasnarede-4eso-bioxeo.blogspot.com/2010/02/tema-5-persoaxe-misterioso.html

Dende o meu blog de formación en TIC www.formaciontictac.blogspot.com, cun pequeno videotitorial, aprendinlle aos alumnos a traballar co programa para que fosen eles os que tivesen que buscar unha imaxe do científico e a poñerlles a voz coa cal falaban brevemente dos seus descubrimentos, e ademais debían elaborar algunha pregunta. Dese xeito o alumnado de 4º A formuláballe cuestións ao de 4º B e viceversa, aprendendo no proceso de formular a cuestión e respondela. Co tempo, mesmo, remataron facendo eles o seu propio blog no que colgaban esta clase de vídeos e outros materiais educativos: http://blogs.educared.org/certameninternacional/732/

Un dos obxectivos que marco é o de aprender a facer correctamente unha presentación dixital de contido científico e saber expoñela de forma amena, contribuíndo a mellorar as competencias comunicativas, orais e escritas dos rapaces. Para iso deseñei dous tipos de actividades: a presentación en «slidecast» e a gravación en vídeo da exposición. A presentación en «slidecast» propúxenllela ao alumnado de 4º ESO. Esta proposta consiste en que o alumno ten que facer unha presentación dixital á cal lle vai engadir posteriormente unha explicación con audio, de xeito que se pode converter en vídeo e subilo a «Youtube» ou deixalo como «slidecast» e subilo a «slideshare» ou «slideboom». A vantaxe de subilo e partillalo radica en que podemos incrustalo no blog para que todos o alumnado poida ver o que fan os demais e deste xeito aprender de acertos e erros en aprendizaxe colectiva. No exemplo: http://www.youtube.com/watch?v=a1VPKIH4PMs, podemos ver un dos meus alumnos colgado en «Youtube» no que el mesmo foi explicando cada unha das diapositivas da presentación (edición con Camtasia studio 6.0)

A gravación en vídeo da presentación do alumno na clase e engadindo unha capa de anotacións é unha actividade que iniciei este ano e das que máis contento estou polo seu éxito. Aos alumnos de 1º ESO pedinlles que preparasen unha presentación na casa a partir duns textos científicos que deberían presentar en 4-5 minutos perante os seus compañeiros na aula. Como única premisa díxenlles que serían gravados, que non podían ler o texto e que estaban á súa disposición calquera dos recursos presentes na aula (canón, ordenador, altofalantes e encerado dixital) ou podían traer fotos, imaxes ou espécimes animais, vexetais ou minerais. O meu propósito, ao colocalos posteriormente en formato de vídeo no blog, é que o alumno ten a posibilidade de verse a si mesmo, contemplar os seus propios fallos e acertos, ao tempo que lles serve de exemplo ao resto de compañeiros.


Un dos obxectivos que marco é o de aprender a facer correctamente unha presentación dixital de contido científico e saber expoñela de forma amena, contribuíndo a mellorar as competencias comunicativas, orais e escritas dos rapaces
Para poder colocalos no blog, primeiro súboos a «Youtube» en modo oculto para que só quen coñeza o seu URL poida acceder ao vídeo (activo para alumnos e titores), de todos os xeitos é preciso contar cunha autorización dos pais/nais ou titores para poder facer isto, polo que é importante informar da actividade ás nais e aos pais. Ademais «Youtube» permite a edición de anotacións sobre o vídeo a modo de capa superposta (recadros verdes das imaxes de exemplo), polo que podemos facer anotacións sobre a presentación, xusto no momento en que se está a producir o feito relevante, como se fosen " post it" dixitais que se van sucedendo durante a presentación.

A partir destas indicacións, os alumnos convertéronse en auténticos «expertos», podendo detectar se a presentación adoecía de falta de imaxes, de exceso de texto na presentación, de reiteración de palabras, exceso de nerviosismo, falta de estruturación na información..etc. A súa aprendizaxe colectiva realizouse observándose uns aos outros, ademais ao final de cada exposición os alumnos tiñan que comentar cales eran os puntos fortes e febles da presentación.

Os dous primeiros alumnos en facer a súa presentación non empregaron ningún medio dixital pero o espírito de superación e mellora levounos a aprender uns dos outros (a xeito de titoría entre iguais) de modo que os seguintes comezaron a empregar presentacións dixitais nas que incluían fotos, resumos, esquemas e gráficos sen que ningún profesor os aprendera previamente, á vez que ían mellorando paulatinamente as súas competencias orais e escritas. Como xa comentei, esta evolución produciuse sen máis axuda que a das indicacións dispostas sobre as presentacións doutros compañeiros da aula.

Ao cabo dun mes, presenteilles o meu proxecto ás miñas compañeiras de lingua galega, matemáticas e plástica que se mostraron entusiasmadas coa idea, salientando que o vídeo tamén pode ser visionado por elas na aula para mellorar determinadas competencias do seu ámbito e corrixir ou salientar erros e acertos, ao tempo que tamén se pode converter nun instrumento de avaliación para as súas materias.

No momento en que redacto estas liñas, todo o alumnado xa presentou a súa exposición e entramos nunha nova fase. Nas vindeiras presentacións varios profesores habémolo dirixir e estruturaremos máis o traballo a facer dun xeito máis multidisciplinar, posto que os profesores de ciencias naturais, lingua galega, matemáticas e plástica incluiremos competencias de cada materia en diferentes apartados da presentación para seguir traballando da mesma forma. A profesora de lingua galega neste mesmo momento tamén está a tirar proveito dos vídeos gravados na primeira quenda de presentacións, visionándoos na aula co alumnado para corrixir erros e mellorar as competencias orais e escritas.

Outra cousa que goza de éxito entre o alumnado son os programas e xogos de simulación virtual como poden ser o «wolfquest» no que o alumno ten que guiar un lobo na súa vida cotiá, sensibilizándose coas condicións ecolóxicas deste animal e a súa contorna. Tamén gozan de interese, actividades guiadas co programa «stellarium» e «celestia» que lles permite afondar de primeira man no estudo do universo e do sistema solar. O éxito destes programas entre os alumnos débese a que son eles quen deciden que dirección tomar no xogo ou simulador e a que son eles quen teñen que sacar as súas propias conclusións froito da interacción co simulador. O maior proveito destes programas obtivérono os alumnos nas súas casas cos seus propios ordenadores xa que con demasiada frecuencia quedaron colgados na aula traballando cos ordenadores Abalar ante a mínima esixencia gráfica.

Como xa comentei, coa implantación do programa Abalar nos cursos de 1º ESO temos un ordenador por alumno, polo que tiña pensado que os alumnos (en cada unidade didáctica) fixesen un exercicio co programa Ardora do tipo panel gráfico e preguntón tipo test.

Debido aos devanditos problemas xurdidos na configuración dos ordenadores Abalar tiven que cambiar de idea e o alumnado está a elaborar exercicios tipo «test» na páxina de internet proprofs.com no que deben construír unha batería de preguntas tipo test multi-resposta.

Neste proceso de procurar preguntas máis importantes do tema fan unha actividade de repaso. Logo cólganos no blog para que o resto dos alumnos os poida realizar para repasar e fixar conceptos. Estes test pódense inserir no blog ou colocar como ligazón; ao entrar neles piden o nome da persoa que os fai, gardando as estatísticas de acertos e erros dos seus usuarios. Deste xeito, ao profesor élle doado seguir a evolución do estudo e a fixación de conceptos do alumnado no día a día cunha nota numérica. Aínda que a páxina está en inglés, o seu manexo apréndese en media sesión de clase, isto axuda a acadar competencias nun terceiro idioma. Ademais, permite utilidades da rede 2.0, xa que se poden inserir nas probas, imaxes, vídeos, audio..etc, que é algo moi atractivo para o alumnado e mesmo se pode inserir e difundir nas diferentes redes sociais. Pódese ver algún exemplo elaborado polo meu alumnado no seguinte enderezo: http://cienciasnarede-1eso.blogspot.com/2011/03/terra-e-lua-tema-5-2-parte.html