Xornadas de Xogos Populares

Fermosa xornada a última do trimestre co circuito de xogos populares. Parecía que non pero o tempo respectou a xornada e gozamos xusto antes das merecidas vacacións. Vémonos o terceiro trimestre!

Xornadas corais infantís

O coro do noso centro estará actuando mañá venres ás 17:30 no salón de actos do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro dentro do programa das Xornadas Corais Infantís organizadas polo propio Conservatorio e o Concello de Viveiro.

Grazas pola oportunidade e agardámosvos alí!

 

                                          

 

                                      

Semana da poesía

O pasado xoves houbo reunión de afillados e padriños coa seguinte premisa: facer un haiku, unha composición de tres versos sen necesidade de rima con estrutura 5-7-5. O resultado? Espectacular!

                            

 

Tedes máis información no blogue da biblioteca.

Lecturas na praza I

Como xa fixemos o ano pasado, retomamos pola primavera o intercambio de lecturas de poemas na praza co alumnado da EEI San Roque, alumnado adscrito ao noso centro.

Este martes o alumnado de primeiro xuntouse co alumnado de 5º de Educación infantil e alí intercambiamos versos. 

No noso caso acompañados de música cos poemas "A señora abella" e "Dos bichos" que soaron na praza para as nenas e os nenos da EEI San Roque e para toda a xente que se achegou por alí.

O vindeiro martes será o alumnado de segundo o que irá á ofrecer as súas historias ao alumnado de 6º de Ed. infantil.

                           

Máis Clube de Lectura

O clube de lectura segue a súa andaina que podedes seguir no seu blogue e, xa hai un tempo, intercambiaron este vídeo co alumnado do Clube de Lectura do IES María Sarmiento sobre o libro dese mes: Sonríe. Paga a pena velo.

As aves en Viveiro con Toñito

Onte, 10 de marzo, e seguindo o PDI do centro este ano (Ás para voar) visitounos o ornitólogo (ou paxareiro, como lle gusta a el) do Barqueiro Antonio Martínez Pernas, "Toñito". Con el aprendemos moito sobre as aves que se poden ver no Concello de Viveiro e arredores xa que, como insistiu Toñito, os paxaros non coñecen de Concellos.

Cantas aves se poden ver nun ano en Viveiro? En Galicia? Na Península Ibérica? Cantas hai aínda sen descubrir?

Todas esas preguntas e moitas máis foron respostadas por Toñito que nos amosou algunhas das súas fermosas fotografías.

Grazas pola visita!

                            

Charla Vicente Míguez Salgueiro

Unhas fotos da chala que Vicente Míguez Salgueiro ofreceu no centro sobre as mulleres en Viveiro.

Nado en Viveiro, foi mestre das escolas de Celeiro e O Vicedo.

O material que aportou sae directamente dos dous libros escritos ou coescritos por el que teñen múltiples datos sobre o tema "Mar gremial das Rías de Viveiro e do Barqueiro" e "Conserveiras de Celeiro, Vicedo, Bares e Barqueiro"

Grazas!

                            

                            

 

Paxariñas e poesías

Polo pasado Día de Rosalía fixéronse nas titorías paxariñas de papel en formato grande onde se escribiron poemas que logo se levaron ao Instituto María Sarmiento como agasallo. Alí houbo un acto de entrega con lectura de poemas e as paxariñas xa locen no instituto como podedes ver nestas fotografías.

                           

8-M

Á parte do traballo de aula sobre a conmemoración do 8M:

                                   

no Blogue da Biblioteca tedes toda a información sobre o 8-M no noso centro. Podedes acceder premendo na seguinte fotografía.

                                                    

Un Pasapalabra online sobre as mulleres na nosa localidade e a visita de Vicente Míguez Salgueiro para charlar co alumnado de cuarto, quinto e sexto foron algunhas das actividades no centro.

 

ADMISIÓN DE NOVO ALUMNADO CURSO 2023/24

 O prazo para presentar solicitudes de admisión para novo alumnado ábrese o día 1 de marzo e estenderase ata o 20 do mesmo mes.

 

As solicitudes poderán presentarse presencialmente no centro, en Sede Electrónica ou ben a través do seguinte enlace:

 

https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado/

 

Para calquera dúbida, pódese acudir ao centro educativo.

 

 Normativa de aplicación:

 

  • Orde do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, ese regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica2/2006, do 3 de maio, de educación (códigos de procedemento ED550A, ED550B e ED550C).

  • Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

 

 

Calendario de aplicación:

 

1. Publicación de postos escolares vacantes.

 

2. Prazo de presentación de solicitude de admisión: do 1 ao 20 de marzo.

 

3. Prazo de presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo: 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao remate do prazo para presentar as solicitudes de admisión.

 

4. Publicación das listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido: o 25 de abril.

 

5. Prazo de reclamación contra as listaxes provisionais: 5 días hábiles, contados a partir do seguinte á data de publicación das listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido.

 

6. Publicación das listaxes definitivas do alumnado admitido e non admitido: o 15 de maio.

 

7. Prazo para formalizar a matrícula en educación infantil e primaria: do 20 ao 30 de xuño.

 

Vacantes para o curso 2023/2024

 

Curso

Prazas por curso

Permanencias

Vacantes

1º Pri.

50

0

30

2º Pri.

50

36

12

3º Pri.

75

54

21

4º Pri.

50

44

4

5º Pri.

50

46

4

6º Pri.

75

57

16

 

 

 

 

Distribuir contido