Skip to Content

Principios pedagóxicos

Principios pedagóxicos

O CEIP Plurilingüe San Roque de Darbo é un centro educativo onde se representa a diversidade social do entorno no que se sitúa, un lugar tolerante onde todas e todos son iguais. Para iso é preciso recoñecer a diversidade de intereses e necesidades educativas do alumnado e dispor dos medios precisos para a súa atención. Un dos principais obxectivos é converter o centro nun espazo onde o conxunto da comunidade educativa poida sentir un benestar emocional, se atope en harmonía e sexa quen de afrontar dificultades e superar de xeito positivo as contrariedades que se presentan na vida cotiá. Para iso aplicamos estratexias didácticas que permitan adaptar o Currículo ás distintas realidades da aula.

Preocúpanos, sobre todo, educar ao noso alumnado nunha educación non sexista promovendo a cidadáns cun pensamento crítico, reflexivo, tolerantes coas diferenzas e respectuosos coa diversidade. Cremos nunha escola que promova a equidade, que garanta a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes para o pleno desenvolvemento da personalidade, onde haxa inclusión educativa, que axude a superar calquera discriminación e a accesibilidade universal á educación, e que actúe como elemento compensador das desigualdades persoais.

Outro dos obxectivos prioritarios é que alumnado adquira aprendizaxes significativas que lle permitan aplicar o aprendido en situacións reais da vida cotiá. Para conseguilo traballamos a través de tarefas e proxectos relacionados co entorno que nos rodea e colaboramos activamente con asociacións e organizacións locais. A nosa tarefa será potenciar e desenvolver as competencias do  alumnado co obxectivo de estar nas mellores condicións á hora de incorporarse á vida adulta e integrarse nunha sociedade en constante evolución. Isto só se concibe fomentando a creatividade e o espírito  innovador do alumnado, mantendo sempre os valores humanos que constrúen persoas libres, responsables, solidarias, tolerantes e comprometidas socialmente. En definitiva, formamos nenas e nenos que sexan respectuosos consigo mesmas/os e cos demais, que coñezan as súas potencialidades.  

En Educación Infantil a metodoloxía didáctica basearase en experiencias de aprendizaxe significativas e emocionalmente positivas e na experimentación e o xogo. Nese sentido, as áreas deben entenderse como ámbitos de experiencia intrinsecamente relacionados entre si, polo que se requirirá unha formulación educativa que promova a configuración de propostas globalizadas de aprendizaxe, estimulantes e que teñan interese e significado para as nenas e os nenos.

En educación Primaria a metodoloxía didáctica será fundamentalmente comunicativa, inclusiva, activa e participativa, e dirixida ao logro dos obxectivos e das competencias clave.

En definitiva, os eixos onde se sustentan os principio pedagóxicos do CEIP Plurilingüe San Roque de Darbo son:

 

  • Converternos nun centro participativo e solidario, onde todos os sectores da Comunidade Educativa participen activamente no quefacer cotián do centro.
  • Crear un ambiente idóneo de convivencia e respecto mutuo, coa axuda do Equipo de Convivencia e coa responsable de benestar emocional e convivencia do centro.
  • Favorecer a innovación para responder ás novas necesidades tecnolóxicas, económicas, sociais e culturais. Deste xeito, seguimos co Proxecto Edixgal nos cursos de 5º e 6º de Educación Primaria e participamos en distintos Programas que axudan ao desenvolvemento competencial do alumnado.
  • Traballar a prol do Plurilingüismo: formamos parte dun centro de ensinanza Plurilingüe polo que debemos seguir estendendo a aprendizaxe dunha lingua estranxeira no noso centro, tanto en Primaria como na etapa de Infantil. Do mesmo xeito, é de especial importancia o fomento e a dinamización da lingua galega nas situacións de aprendizaxe de todas as áreas e etapas educativas. Debemos reforzar a dimensión educativa do galego e facilitar ao alumnado unha oferta educativa que lle axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz, afastado de usos sexistas e respectuoso coa situación sociolingüística en que se enmarca cada centro e que permita un incremento do uso do galego nas actividades complementarias e extraescolares.
  • Converternos nun centro Eco – Sostible. 
Distribuir contido


by Dr. Radut