Skip to Content

Dependencias

Diagnose do centro

1. Contextualización: localización xeográfica do centro

O centro atópase na parroquia de Darbo situada no concello de Cangas. 

O concello de Cangas é un dos concellos cun maior número de praias e con maior número de quilómetros de costa dentro de Europa. Isto facilita a posta en marcha e a realización de actividades nas que traballemos a contorna e o medio ambiente de xeito continuado.  A paisaxe está humanizada nun grao elevado. Ten unha poboación dispersa, en vilas pouco agrupadas. O sector servizos é o sector laboral con máis xente. A ocupación por detrás deste é o sector primario, principalmente baseado na pesca e a agricultura.

2. O centro

Trátase  dun CEIP (Centro de Educación Infantil e Primaria) situado en Darbo. O nivel socioeconómico do alumnado, segundo os últimos informes de avaliación de diagnóstico, é medio-baixo. É un centro de dobre liña onde dezaseis son os espazos empregados para as aulas ( catro aulas en Educación Infantil e doce en Educación Primaria). As instalacións do colexio foron remodeladas pola Administración Educativa, enfrontando importantes obras de mellora da eficiencia enerxética hai poucos anos.

O centro dispón de dous edificios:

  • Un edificio administrativo no que se sitúan a sala de mestres/as, unha aula de Pedagoxía Terapéutica, unha sala de reprografía, a secretaría, a xefatura de estudos, a dirección, un despacho para a encargada do comedor escolar e a sala da ANPA.
  • Un segundo edificio que consta de dous andares. Na planta baixa atópanse as aulas de educación Infantil, as aulas de Relixión e de Audición e Linguaxe, a biblioteca, a conserxería, a cociña e o comedor. No primeiro andar atopamos as doce aulas de Educación Primaria, as aula de Lingua Estranxeira e de Educación Musical e outra de Audición e linguaxe.
  •  Ademais, no exterior, o centro conta co ximnasio e co pavillón (municipal) . Así mesmo, dispón de dous patios escolares, onde o alumnado de Infantil e Primaria desfrutan do seu tempo de lecer, cadaquén no seu patio.

O número de alumnado durante este curso escolar é de 278.

3. Recursos humanos do centro

                                                              Persoal docente:

Actualmente o claustro do CEIP Plurilingüe San Roque de Darbo está constituído polos seguintes profesionais: seis mestras de Educación Infantil, doce mestras/es de educación Primaria, dúas especialistas en Lingua Estranxeira (inglés), unha especialista en Educación Musical, dous especialistas en Educación Física, unha mestra de Relixión, o Orientador, dúas especialistas en Pedagoxía Terapéutica e unha especialista en Audición e Linguaxe.

Segundo a ORDE do 31 de xullo se 2023 pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes desta Consellaría nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial, o noso centro está  formado por vinteseis mestres, máis á mestra de Relixión.

O horario de atención ás familias por parte do profesorado estableceuse os martes de 18:00h a 19:00h.

                                                            Persoal non docente:

Contamos cos seguintes profesionais: unha administrativa que realiza tarefas na secretaría do centro, un cociñeiro e dúas auxiliares de cociña pertencentes ao Servizo Educativo Complementario de comedor escolar, dúas coidadoras para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (ANEAE), unha auxiliar de conversa, unha conserxe e persoal de limpeza dependentes do Concello.

4. Servizos complementarios

Dispoñemos de transporte escolar segundo o DECRETO 160/1988, do 9 de xuño, polo que se regula a prestación dos servicios de transporte escolar e de obreiros de competencia exclusiva da Xunta de Galicia  modificado polo Decreto 342/1998, do 27 de novembro polo Decreto 65/2014, do 28 de maio e comedor escolar de xestión directa lexislado no DECRETO 132/2013, do 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería con competencias en materia de educación e a ORDE do 21 de febreiro de 2007 pola que se regula a organización, funcionamento e xestión do servizo de comedor escolar nos centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, modificada pola Orde do 13 de xuño de 2008.

Distribuir contido


by Dr. Radut