Skip to Content

actividades

CELEBRAMOS O 8M

Esta semana celebramos o 8M, día internacional da muller. Comezamos a mañá colocando uns lazos morados, que por xentileza da ANPA preparou Sofía López, a nai de Claudia. Pola tarde contamos coa presenza de Viki Rivadulla, gran referente de muller traballadora da nosa contorna. Ela falounos das súas “Atlánticas”, mulleres valentes que traballan no mar: redeiras, mariscadoras, mariñeiras, peixeiras, mulleres faro…

Grazas Sofía e Viki pola vosa colaboración.

 

CONCURSO DE DEBUXO DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS "MONTE DA URXEIRA" DE MEREXO

 

Hai unhas semanas a Asociación de veciños “Monte da Urxeira” de Merexo organizou un concurso de debuxo entre o alumnado do noso centro. Ía destinado aos niveis de infantil e de 1º a 4º EP. A temática estaba relacionada coa cría do rodaballo e o uso do mesmo para a elaboración de empanadas. O debuxo gañador ilustraría o cartel para anunciar o 1º Certame de empanadas de rodaballo. Mateo Lema de 3º EP resultou gañador con este debuxo que xa forma parte do cartel.

 

OBRADOIRO DE ARTE RECICLADA COA ASOCIACIÓN AMICOS

O 14 de febreiro visitounos de novo a Asociación Amicos, que traballa pola integración de persoas con discapacidade intelectual. Nesta ocasión ofrecéronnos un obradoiro de arte reciclada na que poideron participar todos os niveis de infantil e primaria.

 

Ao fío das actividades que xa levamos a cabo con esta asociación (Limpeza da praia dos Muíños e o Xogo do lixo mariño), e que están relacionadas co Proxecto Documental deste curso “Amar o mar”, desta vez lembráronnos a incidencia negativa do lixo no litoral e das especies que saen máis prexudicadas: peixes e aves. A proposta era a elaboración dun peixe ou unha ave con materiais de refugallo que nunca deben ir parar ó mar.

 

Deixamos aquí unha mostra do desenvolvemento do obradoiro. Unha vez máis o noso agradecemento e felicitación á Asociación Amicos non só polo labor a favor da integración senón tamén polas actividades que nos ofrecen para concienciar ao alumnado do coidado da natureza.

MELLORAS NO PATIO DE INFANTIL

O noso patio de infantil vai collendo forma. O alumnado xa dispón dunha zona de asamblea con troncos que tamén poden utilizar para xogar. Ademais están instaladas dúas mesas de picnic.

 

DÍA MUNDIAL CONTRA O CANCRO

Por iniciativa da ANPA "O Facho", o venres 3 conmemoramos no colexio o Día mundial contra o cancro. Grazas á asociación de nais e pais, todo o alumnado, profesorado e persoal non docente dispuxo dun lazo verde co que amosamos a nosa solidariedade e apoio para todas esas persoas que padecen esta enfermidade.

PILABOT

Este trimestre inscribimos ao centro no concurso PILABOT. Durante 6 semanas contadas a partir do 30 de xaneiro, debemos recoller o maior número de pilas e baterías que poidamos. Deste xeito contribuimos á mellora do medioambiente.

Ademais, ao fío deste proxecto, o alumnado de 5º e 6º de primaria tivo a oportunidade de participar nun obradoiro de reciclaxe de pilas impartido no propio colexio.

 

VIII CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS

A finais do curso pasado presentamos o noso PDI (Proxecto documental integrado) E ti que pintas? ao VIII concurso de traballos por proxectos coordinados desde a biblioteca escolar. 

Por segundo ano consecutivo volvimos a resultar premiados. Unha gran satisfacción, non só polo traballo desenvolvido senón tamén polo aporte económico que supón para continuar invertindo no noso alumnado.

VISITA AO MUSEO DO MAR DE FISTERRA

Como este ano o tema do Proxecto Documental Integrado é o mar, a primeira saída cultural do curso foi ao Museo do Mar de Fisterra

O martes 29 de novembro os grupos de 1º, 2º e 4º EP achegáronse á vila mariñeira para aprender algo máis do tema que nos ocupa e, sobre todo, para aprender a "Amar o mar".

XOGANDO CON... "AMICOS"

Os días 15 e 16 de novembro recibimos no colexio a Amicos, unha asociación de Boiro que traballa con persoas con discapacidade intelectual. É a segunda vez que se achegan ó noso centro para ofrecernos unha actividade que, nesta ocasión, estaba relacionada co noso Proxecto Documental “Amar o mar”

 

A actividade consistía nun xogo “O lixo mariño” no que a través de preguntas de coñecemento, reciclaxe, adiviñas, bailes, cancións, resolución de enigmas etc, os participantes superaban probas avanzando por un taboleiro ata chegar á meta: Un mar limpo!

 

Moitas grazas, Amicos, por facernos pasar un rato tan agradable!

 

VALE COMPLEMENTARIO PARA AXUDA DO MATERIAL ESCOLAR

Informamos de que todas as familias que recibiron o vale de 50 € para a axuda da adquisición de material escolar, poden recoller outro vale adicional de 25 € na secretaría do centro en horario de atención ao público:



HORA

LUNS

MARTES

MÉRCORES

XOVES

VENRES

10.00 a 10.55

 

              

 Dirección

   

 

10.55 a 11.50

 

Dirección

 

 

 

12.10 a 13.00

 

 

 

 

 

14.30 a 15.40

 

 

 

 

 

15.40 a 16.30  

Secretaría

 

 

Secretaría

 

 

Este vale adicional deberá empregarse na librería/establecemento antes do 1 de decembro preferentemente.

Distribuir contido


by Dr. Radut