Skip to Content

Deportes

Lete Lasa enxalza os resultados dos 46 olímpicos e paralímpicos en parís que continúan a excelente senda de toquío co apoio da xunta de galicia

Deporte Galego - Mér, 18/09/2024 - 17:15

Destaca a igualdade nos éxitos -as 11 medallas e 25 diplomas repartíronse con igualdade entre olímpicos e paralímpicos- e na participación -por vez primeira acadouse unha paridade exacta: 23 mulleres e 23 homes-



Santiago, 18 de setembro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior onde realizou unha valoración da delegación galega nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024. O mandatario galego enxalzou os resultados dos 46 deporistas galegos olímpicos e paralímpicos que tiveron unha excelente participación acadando 11 medallas e 25 diplomas para a delegación española. Neste sentido, Lete Lasa destacou a igualdade con que se conseguiron estes éxitos, xa que os olímpicos e acadaron 6 medallas e 14 diplomas e os paralímpicos, 5 medallas e 11 diplomas. Ademais, os 46 deportistas galegos que participaron nos Xogos, acadaron, por vez primeira, unha paridade exacta, sendo 23 homes e 23 mulleres, o que representa os grandes avances que se están a lograr no deporte feminino.

Máis polo miúdo, o secretario xeral para o Deporte destacou que estes resultados continúan ou mesmo melloran a boa senda de Toquío 2020. No caso dos olímpicos, aumentouse a participación -32 en París polos 25 de Toquío- e, de todos eles, regresaron máis con medalla ou diploma -20 en París polos 18 de Toquío-. No caso dos paralímpicos, a porcentaxe dos que regresan entre os oito mellores do mundo segue sendo moi elevada: preto de nove de cada dez.

Con respecto ao alto nivel, Lete Lasa destacou o récord da última resolución DGAN que acada 1.279 deportistas recoñecidos e lembrou que en 2023, ano de preparación dos Xogos, alcanzouse outro récord nas axudas con 720.000 euros. Para este 2024 convocáronse axudas por un total 600.000 euros, das que xa se resolveron 35 axudas aos deportistas, técnicos e árbitros que participaron nos Xogos de París. Neste sentido lembrou outros apoios da Xunta cara o alto nivel como o Programa de Axuda ao Deportista (Proade) que se canaliza desde a Oficina de Atención ao Deportista, xa en marcha, e que axuda aos deportistas tanto durante como despois da súa carreira deportiva a través de orientación, información e axuda en xeral; orientación laboral; ou apoio psicolóxico.

Igualdade e diversidade

Instantes antes de realizar a valoración dos resultados dos Xogos, o secretario xeral para o Deporte respondeu a outra pregunta sobre o traballo que está a facer o Goberno galego na loita contra a LGTBIfobia. Lete Lasa subliñou “a loita pola igualdade e a diversidade, pola promoción dunha práctica deportiva sen discriminación nin violencia” como obxectivos principais da Xunta reflectidos na Lei de protección integral á infancia e á adolescencia fronte a violencia, na Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia e, finalmente, na Lei do deporte de Galicia.

Lete Lasa fixo un repaso por todas as medidas que está a realizar o Goberno galego na loita contra a LGTBIfobia e na aposta pola inclusión e a diversidade. Así, fixo fincapé no labor do ‘Observatorio Galego contra a Discriminación por Orientación Sexual e Identidade de Xénero’ que, coa representación de diferentes consellerías e departamentos da Xunta, a FEGAMP, universidades, sindicatos ou asociacións, leva traballando dende xuño de 2021. Entre as súas tarefas destacan a elaboración do ‘Informe diagnose sobre a situación do colectivo LGBTIQ+ no deporte galego’ de febreiro de 2023, elaborado coa información trasladada polas federacións, e que serve de base para a elaboración de protocolos de actuación para evitar situacións de discriminación no deporte e para a posta en marcha de accións de sensibilización e visibillización no ámbito deportivo. Cómpre destacar tamén o ‘Decálogo pola igualdade LGBTIQ+ nos deportes’, presentado o pasado 15 de maio e dirixido á toda a colectividade do deporte galego, que parte dunha clara premisa, “Todo tipo de corpos poden facer todo tipo de deportes”, e que pretende rachar cos roles e estereotipos de xénero para que o deporte sexa un espazo seguro para a celebración da diversidade.

Asemade, Lete Lasa enunciou o ‘Protocolo de protección dos nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte en Galicia’ que foi presentado no pasado mes de xuño, como unha medida pioneira no Estado, de obrigado cumprimento para todas as federacións e clubs. Elaborado sobre a base da Lei Orgánica de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia, e contando coa colaboración da Unión de Federacións Deportivas Galegas, o protocolo ten por obxectivo prever as violencias e establecer canles de intervención e protección, convertendo ás entidades deportivas en espazos seguros e promovendo unha contorna de respecto e de bo trato. O seu ámbito de actuación esténdese a todas as situacións da práctica deportiva: adestramentos, competicións e eventos.

Categorías: Deportes

Lete Lasa destaca a puxanza de Galicia no ciclismo que posibilita que o Europeo de Ciclocrós chegue por vez primeira a España

Deporte Galego - Mér, 18/09/2024 - 16:51

Lembra que Galicia leva anos copando boa parte das prazas da selección española grazas aos grandes eventos internacionais apoiados como Proxectos de Especial Relevancia pola Xunta




Pontevedra, 18 de setembro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do Campionato de Europa de Ciclocrós que terá lugar os vindeiros 1, 2 e 3 de novembro na Illa das Esculturas de Pontevedra. O mandatario galego repasou os principais datos que converten a Galicia nun territorio puxante no ciclismo mundial, destacando “a medalla de bronce de Damián Ramos na proba contra o reloxo dos Xogos Paralímpicos de París, as catro etapas galegas de La Vuelta, a gran Volta a Galicia que vén de rematar e, como non, a chegada a España por vez primeira desta proba europea de ciclocrós que traerá á nosa terra a preto dun milleiro dos mellores corredores do continente”.

Neste sentido, o mandatario galego subliñou o traballo que Galicia leva facendo dende hai anos no ciclocrós, configurando grandes campións como Pablo Rodríguez, Iván Feijóo ou Carlos Canal, que foron os primeiros galegos en acadar podios nas Copas do Mundo sub 23 e júnior. Hoxe, dixo, outros deportistas como Miguel Rodríguez, Lorena Patiño ou Aroa Otero son os que destacan na base do ciclocrós e, tras ser convocados a principios de ano para o mundial da especialidade, Lete Lasa amosou o convencemento de que tamén disputarán o Europeo. Neste sentido, o secretario xeral lembrou que Galicia leva anos copando boa parte das prazas da selección española de ciclocrós grazas, sobre todo, aos grandes eventos internacionais apoiados como Proxectos de Especial Relevancia pola Xunta.

Ademais das probas elite, sub-23 e júnior, nesta ocasión tamén se levarán a cabo as competicións máster dos distintos grupos de idade, elevando a participación de deportistas ata preto do milleiro de participantes pertencentes a 24 seleccións nacionais. A previsión de espectadores será duns 5.000 vía televisión aos que hai que sumar a reserva de 2.000 prazas hoteleiras.

Categorías: Deportes

Jéssica Bouzas xogará a Billie Jean King Cup coa Selección Española

Deporte Galego - Mar, 17/09/2024 - 12:56

A tenista de Vilagarcía Jessica Bouzas formará parte da Selección Española de Tenis que disputará as finais da Billie Jean King Cup do 13 ao 20 de novembro no Palacio de Deportes José María Martín Carpena de Málaga.

 


O equipo, capitaneado por Anabel Medina, completarano Paula Badosa, Cristina Bucsa, Nuria Párrizas e Sara Sorribes.

Ligazóns
Categorías: Deportes

Rafael Izquierdo campión de dobres do M15 de Madrid – ITF Villa de Madrid Copa Volvo

Deporte Galego - Mar, 17/09/2024 - 12:55

Novo título de dobres para o palmarés de Rafa Izquierdo. Esta vez formando parella con Ivan Marrero Curbelo.



Na final gañaron 4-6 6-3 10-7 a Alejandro García e Mario Mansilla Diez.

Na proba individual perdeu por 6-2 e 6-3 na primeira rolda contra o cuarto cabeza de serie Toby Samuel (GBR).

Ligazóns
Categorías: Deportes

Lete asegura que o mellor xeito de honrar a Maite Méndez é que o Arxil comparta cartel con equipos como o Sanjoanense, Ensino e Perfumerías Avenida

Deporte Galego - Ven, 13/09/2024 - 09:31

Os partidos terán lugar o vindeiro domingo 15 no pavillón municipal de Pontevedra que, nesta semana, tamén acolle o Torneo EncestaRías con algúns dos mellores equipos masculinos de Europa

 


Pontevedra, 12 de setembro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do I Memorial Maite Méndez que organiza o Club Baloncesto Arxil e que terá lugar no Pavillón Municipal de Pontevedra o vindeiro domingo 15 de setembro.

O mandatario galego lembrou a figura de Maite como unha das maiores impulsoras do deporte feminino galego e que creou o Arxil en 1984 xunto ao seu marido Lino Vázquez e Milagros Sanmartín. Lete Lasa lembrou o desgraciado pasamento da adestradora pontevedresa no pasado mes de abril pero puxo en valor o seu enorme legado que a Xunta de Galicia recoñeceu outorgándolle a Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia en xaneiro deste mesmo ano. Neste sentido apuntou que Maite foi peza chave no ascenso do Arxil á Liga Feminina Challenge -segunda máxima división estatal- e asegurou que a mellor maneira de honrar a súa memoria e que “o equipo dos seus amores comparta cartel con tres equipos de máximo nivel: o Sanjoanense, que vén de ascender á máxima división portuguesa; o Ensino, que estivo a piques de clasificarse aos playoffs da Liga Feminina; e o Perfumerías Avenida, campión de Copa e subcampión de Liga”.

O responsable da carteira de Deportes subiñou que o excelente momento do baloncesto galego e, nomeadamente, do baloncesto feminino que xa conta con preto do 40% das preto de 18.000 licenzas coas que conta a federación galega. Isto débese, dixo, ao traballo de moitos anos e de xente apaixoada como Maite. Do mesmo xeito tamén sinalou que nesta mesma semana pasarán polo pavillón municipal de Pontevedra algúns dos mellores equipos de Europa xa que, ademais do memorial Maite Méndez, o Torneo EncestaRías conta coa participación de equipos como o Mónaco, e o Valencia Basket, xunto aos dous equipos galegos na máxima categoría: o Breogán e o Leyma Coruña; así como o Dream Game que desputaron no día de onte o propio Mónaco contra o Real Madrid.

Máis polo miúdo, o I Memorial Maite Méndez constará de dous partidos. En primeiro lugar, ás 16 horas, xogará o Arxil contra o Sanjoanense e, a continuación, ás 18,30 horas, saltarán á cancha o Ensino e o Perfumerías Avenida. O Arxil seguirá completando a súa pretemporada na fin de semana seguinte, cando se medirá na cancha do Centro Galego de Tecnificación Deportiva ao Spar Gran Canaria (sábado 21 ás 19,30 horas) e ao Celta Zorka (domingo 22 ás 12,00 horas), outros dous equipos da máxima división nacional.

 

Categorías: Deportes

Lete presenta o Torneo EncestaRías e o ‘Dream Game’ entre Real Madrid e Mónaco como “o mellor espectáculo do baloncesto europeo e mesmo mundial”

Deporte Galego - Mar, 10/09/2024 - 15:16

Na fin de semana, os dous equipos galegos da elite do baloncesto nacional, o Breogán e o Leyma Coruña disputarán ante o Valencia Basket e o propio Mónaco o Torneo EncestaRías




Pontevedra, 10 de setembro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do Torneo EncestaRías e do ‘Dream Game’ entre o Real Madrid e o Mónaco no que asegurou será “unha semana do mellor espectáculo do baloncesto europeo e mesmo mundial”. O mandatario galego lembrou, ademais, que este ano, o Torneo EncestaRías celébrase en Pontevedra porque o pavillón vilagarcía de Fontecarmoa vén de ser reformado cun investimento de 2 millóns de euros, dos que o Goberno galego achegou 350.000 euros.

Lete Lasa destacou a importancia dun partido como o ‘Dream Game’ que disputarán dous dos mellores equipos do baloncesto europeo e candidatos á gañar a Euroliga. Tras repasar a lista de baloncestistas que xogaron na NBA e que estarán mañá no pavillón municipal, lembrou que o Real Madrid levaba 35 anos sen visitar Pontevedra, polo que o partido está cheo de alicientes.

Ademais, o secretario xeral para o Deporte lembrou que o Torneo EncestaRías da fin de semana contará coa participación dos dous equipos galegos da elite do baloncesto nacional, o Breogán e o Leyma Coruña, que se verán as caras contra dous equipos do máximo nivel continental, o Valencia Basket e o propio Mónaco, que estenderá a súa visita á cidade do Lérez.

O responsable da carteira de Deportes destacou o gran momento do baloncesto galego grazas a eventos como o EncestaRías e lembrou que nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París, Galicia contou con catro representantes no baloncesto: María Araújo, Paula Ginzo, Manuel Lorenzo e Vicky Alonso, que axudaron ás súas seleccións a acadar diploma olímpico en baloncesto feminino e en baloncesto en cadeira de rodas masculino e feminino.

 

Categorías: Deportes

Primeiro Campionato Galego de Pickleball

Deporte Galego - Mar, 10/09/2024 - 11:23

Un total de 75 deportistas déronse cita nas instalacións deportivas da estación de Manzaneda para disputar o primeiro Campionato Galego de Pickleball, no que a Federación Galega repartiu 2400€ en premios en metálico.


Lista de gañadores/as:

  • Dobres masculino +19
    • Campións: Rubén Araújo Vázquez / Ángel Vilar Vergara
    • Finalistas: Manuel Expósito Fernández / Rafael Pazos García
  • Dobres mixtos +19
    • Campións: Francisco Yañez Brea / Iria Sampedro Araujo
    • Finalistas: Asis Garrido Hernandez / Sabela Uriz Corral
  • Dobres mixtos+50
    • Campións: Ignacio Garrido Carrera / Begoña Pereira Martínez
    • Finalistas: Julio López Carracedo / Concepción Sanjuan Rebordinos
  • Individual Masculino + 19
    • Campión: Manuel Expósito Fernández
    • Finalista: Rubén Araújo Vázquez
  • Individual feminino +19
    • Campioa: Sabela Ruíz Corral
    • Finalista: Iría Sampedro Araujo
  • Individual Masculino + 50
    • Campión: Emilio Carballeda Colmenero
    • Finalista: Julio López Carracedo
  • Individual feminino +50
    • Campioa: Yolanda Colmenero
    • Finalista: Ana Isabel Méndez

Os campións lograron a clasificación para o Campionato de España organizado pola Real Federación Española de Tenis en Madrid do 28 ao 30 de setembro.

Ligazóns
Categorías: Deportes

Rafael Izquierdo campión de dobres do M15 Madrid – 59 Copa Alameda – XXXIX ITF Villa de Madrid

Deporte Galego - Mar, 10/09/2024 - 11:21

O santiagués Rafael Izquierdo quedou campión da categoría de dobres do M15 Madrid, en parella co portugués Francisco Rocha.


Na final venceron cun dobre 6-3 a Elliot Benchetrit e Younes Lalami Laaroussi de Marruecos.

Na proba individual, o sorteo fixo que Rafa se enfrontase a outro galego Tomás Currás, con Rafa vencendo cun resultado de 6-4 6-0. Na segunda rolda o xogador do Club Tenis Coruña perdeu ante Sergi Pérez Contri, o resultado 6-3 5-7 6-4.

Ligazóns
Categorías: Deportes

Celia Cerviño, campioa individual e finalista de dobres do W15 de Valladolid

Deporte Galego - Mar, 10/09/2024 - 11:19

A tenista pontevedresa Celia Cerviño conseguiu ser a campioa individual e finalista de dobres do XXI ITF Feminino Valladolid Open – Trofeo Castilla y León (15.000$), celebrado nas pistas do Complexo Municipal de Tenis COVARESA de Valladolid.


Celia venceu á primeira cabeza de serie do torneo, a estadounidense Jenna DeFlaco, por 6-2 6-1 na primeira rolda. En segunda e cuartos de final venceu ás españolas Paula Ortega Redondo (6-2 6-3) e Mercedes Aristegui (6-7 (12) 6-1 6-1) e en semifinais superou á rusa Maria Andrienko cun resultado de 6-1 e 6-0.

Na final logrou facerse co título de campioa ao derrotar á letona Sabine Rutlauka cun resultado de 4-6 6-1 6-1.

Na proba de dobres o Cerviño non puido completar o dobrete. A alemá Kathleen Kanev e a británica Eliz Maloney venceron á pontevedresa por 6-2 4-6 (10-4), que estivo emparellada coa portuguesa Ana Filipa Santos.

Ligazóns
Categorías: Deportes

Campionato de España MAPFRE de Tenis de Seleccións Infantís por Comunidades Autónomas 2024

Deporte Galego - Mar, 10/09/2024 - 11:15

Do 2 ao 6 de setembro celebrouse na Ferrero Tennis Academy, en Villena (Alicante) o Campionato de España MAPFRE de Tenis de Seleccións Infantís por Comunidades Autónomas.


A selección galega masculina perdeu no cadro principal ante o conxunto de Castilla La Mancha. Na proba de consolación os murcianos eliminaron ao conxunto galego.

A selección galega feminina caeu ante Baleares na primeira rolda e na consolación perderon contra as asturianas por 2-1.

A selección galega estivo formada por:

  • Ana Victoria Mella García
  • Cecilia Conde Franco
  • Máire Grace Ryan Pías
  • Pablo Somoza Remeseiro
  • Leví Domínguez Olivares
  • Mateo Valares Otero
  • Capitán: Ricardo Álvarez
Ligazóns
Categorías: Deportes

Jessica Bouzas rematou a súa xira en Estados Unidos con bos resultados no US Open

Deporte Galego - Mar, 10/09/2024 - 10:36

A galega comezou eliminando na primeira rolda á croata Petra Martic, de 33 anos, e despois eliminou con dobre 7-5 á xogadora número 31 do Mundo, Katie Boulter, do Reino Unido, clasificándose para a terceira rolda na que tivo como rival á cabeza de serie número 6, Jessica Pégula.




A estadounidense, que ocupa a sexta posición do ranking mundial, non deu opcións á vilagarciá eliminándoa cun dobre 6-6.

Jéssica Bouzas sairá este venres rumbo a Asia para disputar o WTA 250 Thailan Open (do 16 ao 22 de setembro) e o WTA 1.000 China Open (Pekín, do 25 de setembro ao 6 de outubro).

Ligazóns
Categorías: Deportes

Yeray Quián Darriba campión de dobres do J30 Bayonne (Francia)

Deporte Galego - Lun, 09/09/2024 - 11:01

Yeray Quián Darriba (TRC) proclamouse campión de dobres do J30 Bayonne – ITF Junior Aviron Bayonnais, celebrado en Bayona (Francia).


Co mallorquín Marc Sampol como compañeiro, venceron sucesivamente ás parellas Chidekh/Walker-Viry (6-3 6-3), De Lima González/Masía López (6-4 6-2) e Fonseca García/Pardo Cano (6-3 7-6) para meterse na final, na que derrotaron á parella número 1, formada polos franceses Champigneulle/Krynen (6-4 7-5).

Na proba individual, Yeray caeu na primeira rolda da fase final ante o francés Albin Colette no terceiro set (6-2 4-6 1-6).

Ligazóns
Categorías: Deportes

Éxito de Martín De la Puente nos Xogos Paralímpicos

Deporte Galego - Lun, 09/09/2024 - 10:06

Martín De la Puente fixo historia nos Xogos Paralímpicos de París 2024, cuarto en individual e bronce en dobres con Daniel Caverzaschi.





Na categoría de dobres, Martín logrou o bronce en parella co madrileño Daniel Caverzaschi, superando aos franceses Federico Cattaneo e Stephane Houdet por 4-6 6-4 10-5. Trátase da primeira medalla española nesta disciplina.

Na proba individual, Martín caeu ante o arxentino Gustavo Fernández na Philippe Chatrier de Roland Garros por 6-1 e 6-2 e estivo a piques de conseguir outra medalla de bronce.

¡Parabéns Martín, todo o Tenis Galego aplaude os teus éxitos!

Ligazóns
Categorías: Deportes

Lete destaca o labor da Asociación de Médicos de Equipos de Fútbol e enxalza a dous referentes como os galegos Genaro Borrás e García Cota

Deporte Galego - Ven, 06/09/2024 - 14:58

Destaca o apoio da Xunta a este curso que ten lugar en Galicia e agradeceu iniciativas que “deixan tanto proveito turístico, intelectual e deportivo na nosa terra”


Vigo, 6 de setembro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na inauguración do XXVIII Congreso anual da Asociación Española de Médicos de Equipos de Fútbol (AEMEF) que, nesta ocasión ten lugar no Estadio de Balaídos. Alí, o mandatario galego destacou o “asociacionismo e o traballo en equipo como dous baluartes fundamentais para o éxito, en calquera sector, sendo o deporte, o perfecto exemplo da forza da unión”.

Lete Lasa lembrou a figura do xefe médico do Real Club Celta de Vigo e doutor da selección española de fútbol durante case 30 anos, Genaro Borrás, tristemente desaparecido no ano 2008. O que foi un dos grandes médicos deportivos de España e de Galicia, puxo o seu gran de area na fundación da AEMEF, sendo un dos 16 asinantes da súa constitución. Tras os pasos de Genaro, apuntou o secretario xeral, outro galego médico do Real Club Celta de Vigo e doutor da selección española de fútbol durante máis de 20 anos, segue os seus pasos. O responsable da carteira de Deportes destacou a Juan José García Cota, que no día de mañá impartirá unha mesa redonda sobre roturas de menisco, como “un dos mellores médicos cos que conta o deporte nacional”. Neste sentido, Lete Lasa, lembrou que ambos médicos tiveron parte de protagonismo en dous dos máis grandes éxitos da selección española de fútbol: Genaro Borrás no ouro de Barcelona 92 e García Cota no Mundial de Sudáfrica de 2010.

O secretario xeral resaltou en numerosas ocasións a “capital importancia da medicina deportiva e os seus progresos que achegan novas posibilidades e beneficios aos nosos cidadáns e deportistas”. Do mesmo xeito, destacou o apoio da Xunta a este curso que ten lugar en Galicia e agradeceu iniciativas que “deixan tanto proveito turístico, intelectual e deportivo na nosa terra”.

Categorías: Deportes

O 60% dos rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos de Galicia xa participan no programa Xogade que vén de iniciar a súa 16ª edición

Deporte Galego - Xov, 05/09/2024 - 17:33

Na tempada 2023-2024 acadouse a cifra de preto de 148.000 escolares de entre 6 e 16 anos inscritos e de preto de 185.000 participacións


Santiago, 4 de setembro de 2024.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a Orde do 20 de agosto de 2024 pola que se convoca o programa Xogade (Xogos galegos deportivos en idade escolar), para o curso 2024/25, no que será a súa décimo sexta edición. O programa -que naceu na tempada 2009-2010 co obxectivo de promover a práctica da actividade física e deportiva e a apropiada utilización do lecer entre a poboación en idade escolar ao abeiro do Plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia- conta, segue medrando en participación e xa acada o 60% de todos os escolares galegos inscritos, segundo os datos de finais da tempada 2023-2024 cando se contabilizaron preto de 148.000 escolares (147.740) de entre 6 e 16 anos dos 249.332 que hai en Galicia, o que supón un crecemento do 10% con respecto á campaña anterior. En total estes 148.000 escolares sumaron 184.509 participacións: 110.219 participacións na actividade deportiva federada e 74.290 participacións en actividade deportiva escolar.

No que respecta á oferta, o Xogade mantén as 16 modalidades na actividade deportiva escolar e as 39 federacións adheridas. Deste xeito, as disciplinas convocadas no marco da actividade deportiva escolar son atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, cross, duatlón, encontros multideportivos, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo. Pola outra banda, as 39 federacións deportivas galegas que están dentro do Xogade serán este ano: atletismo, bádminton, baile deportivo, baloncesto, balonmán, béisbol e sófbol, birlos, boxeo, caza, ciclismo, deporte autóctono, esquí náutico, fútbol, halterofilia, hípica, hóckey, judo e deportes asociados, karate e disciplinas asociadas, kickboxing e muay thai, kung-fu, loita e disciplinas asociadas, motociclismo, natación, orientación, pádel, petanca, piragüismo, remo, rugby, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, tenis de mesa, tríatlon e péntatlon moderno, voleibol, xadrez e ximnasia.

Unha tempada máis, o Xogade continuará apostando pola inclusión, adaptando todo o que sexa necesario para garantir a participación de todas as persoas incluíndo as que teñan algunha diversidade funcional. Esta igualdade non só se consegue grazas a inclusión daquelas persoas con diversidade, senón tamén en cuestión de xénero. A actividade deportiva escolar foi realizada na tempada 2023-2024 por un 52% de nenos e un 48% de nenas.

Seguro 6-16 gratuíto

Cómpre sinalar que a Xunta mantén a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para os menores de entre 6 e 16 anos participantes, unha medida na que Galicia é pioneira, así como do transporte e a participación nas actividades. Favorécese así o acceso ás actividades de escolares de toda a xeografía galega coa colaboración das 31 agrupacións deportivas escolares que este pasado ano viron incrementado o importe dos seus convenios para a compra de material. No caso da actividade federada, tamén se sufraga un seguro deportivo de 6 a 16 anos para apoiar o deporte de base e a promoción da actividade físico deportiva e os hábitos saudables.

O pasado mes de xullo, o Consello da Xunta aprobaba a contratación pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, dunha nova póliza de seguro colectivo para cubrir os riscos derivados da práctica deportiva, con motivo da participación no programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos) en idade escolar, da Secretaría Xeral para o Deporte, tanto nas actuacións do ámbito federado como do escolar, en favor dos compoñentes do colectivo asegurado no período 2024-2026. En total, a póliza ten un valor de 6,24 millóns de euros (6.237.749,48 euros) ata 2026, isto é, as tempadas 2024-2025 e 2025-2026, cunha prima anual media de 3,12 millóns de euros (3.118.874,74 euros), un 45% máis que a prima media anual de 2024 (2,15 millóns de euros).

Con todo, o gasto anual do programa Xogade na tempada 2024-2025 ascenderá a preto de 4 millóns de euros repartidos en: 3,12 millóns de euros para o seguro deportivo escolar, 450.000 euros para o contrato de transporte para os escolares que participan no Xogade, 180.000 euros os convenios coas agrupacións deportivas escolares e algo máis de 40.000 euros para outros gastos organizativos.

Propostas educativas

Xunto coa actividade deportiva escolar, o programa Xogade ofrece outras propostas como Coñece o meu club, para facilitarlles aos centros educativos que se poñan en contacto coas entidades da súa contorna; Proxecto de vida activa e deportiva (PVAD), encamiñado a aumentar a actividade física saudable dos escolares; Xogando coa auga e co vento, que dá cabida a proxectos cos que achegar os escolares galegos á natureza a través de deportes acuáticos; Xogos tradicionais e populares, a prol do seu arraigo na poboación escolar; así como actividades de promoción de escalada e piragüismo-dragóns entre outras modalidades deportivas, tradicionais e urbanas que se poderán incorporar ao longo da tempada.

As entidades escolares e deportivas que conten con equipos e estean interesadas en inscribirse no programa poden facelo ao longo do curso a través das webs www.xogade.xunta.gal e www.deporte.xunta.gal.

 

Categorías: Deportes

O Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición da Xunta acada o seu maior orzamento rexistrado, con preto de 3,8 millóns de euros

Deporte Galego - Lun, 02/09/2024 - 14:25

A Fundación Deporte Galego vén de abrir a segunda fase que contará cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros e 126 equipos convidados


Santiago, 2 de setembro de 2024.- A Secretaría Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego, vén de publicar o anuncio da segunda fase do Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia da tempada 2023/2024.

Esta segunda fase contará cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros (1.251.140 euros) para convidar a 126 equipos que cumpren cos requisitos do Plan e que xa recibiron a notificación por parte da Fundación Deporte Galego -48 femininos, 67 masculinos e 11 mixtos de 12 modalidades e 18 especiaidades deportivas diferentes. Cómpre lembrar que a primeira fase do Plan contou cun orzamento de preto de 2,6 millóns de euros (2.596.660 eruos) e 125 equipos beneficiados -66 femininos, 56 masculinos e tres mixtos-de 13 modalidades e 17 especiaidades deportivas diferentes, polo que a contía global do Plan acada preto de 3,8 millóns de euros, o que supón o maior orzamento rexistrado.

Dende a tempada 2021/2022 o plan adáptase ao calendario de competición dos equipos galegos con dúas fases, en troques de obedecer ao exercicio anual. Grazas á consolidación deste plan e a implicación e compromiso das entidades patrocinadas que cumpren estritamente as esixencias publicitarias establecidas pola Fundación, para esta tempada 2023/2024, unha vez máis, todos os equipos obxecto deste patrocinio serán o escaparate perfecto para demostrar que o Deporte Galego é un soporte publicitario de gran valor para exportar polo mundo a imaxe do noso tecido empresarial galego. O Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición pode ser consultado na páxina web do Deporte galego.

En total, desde o primeiro ano do Plan -2009/2010- os equipos de alta competición de Galicia recibiron máis de 40 millóns de euros, sumando a contía total do Plan 2023/2024. Cómpre destacar, ademais, que o Plan de Patrocinio Publicitario para Equipos Femininos encara a súa cuarta edición, unido estreitamente á Campaña NON contra a violencia de xénero.

 

Categorías: Deportes

O CGTD comeza o curso 2024-2025 con 163 prazas nas súas 13 especialidades deportivas

Deporte Galego - Xov, 29/08/2024 - 18:43

O pasado martes tamén saíu a resolución das seis bolsas de persoas colaboradoras


Santiago, 29 de agosto de 2024.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 14 de agosto de 2024 pola que se publica a concesión das prazas para os grupos de tecnificación e de rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). Como en anos anteriores, o CGTD ofertou 160 prazas para tecnificación (cursos de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato) e rendemento. Na resolución publicada no DOG foron concedidas 152 prazas e agora, veñen de sumarse outras nove, acadando 163 deportistas, un número que poderá incrementarse ao longo da tempada.

Máis polo miúdo, estas 163 prazas distribúense en 106 de tecnificación -90 residentes e 16 externos- e 57 en rendemento -12 residentes e 45 externos-. Unha tempada máis a paridade é practicamente absoluta, superando lixeiramente o número de mulleres ao número de homes: 83 mulleres -58 en tecnificación e 25 en rendemento- por 80 homes -

As 163 prazas quedan repartidas da seguinte maneira segundo as 13 especialidades deportivas coas que contará o CGTD nesta tempada: atletismo lanzamentos -sete prazas (seis tecnificación e unha de rendemento)-, bádminton -doce prazas (dez tecnificación e dúas de rendemento)-, judo -catorce prazas (nove de tecnificación e cinco de rendemento)-, loita -quince prazas (once de tecnificación e catro de rendemento)-, natación pura e augas abertas -dez prazas (oito de tecnificación e dúas de rendemento)-, natación artística -oito prazas de tecnificación-, piragüismo slálom -catro prazas de tecnificación-, piragüismo augas tranquilas -49 prazas (21 de tecnificación e 28 de rendemento-, remo -seis prazas (cinco de tecnificación e unha de rendemento)-, taekwondo -trece prazas (nove de tecnificación e catro de rendemento)-, tríatlon -catorce prazas (nove de tenificación e cinco de rendemento)-, vela -catro prazas de tecnificación- e ximnasia -seis prazas (dúas de tecnificación e catro de rendemento)-.

Persoas colaboradoras

Ademais, o pasado 27 de agosto, o Diario Oficial de Galicia publicaba a resolución do 14 de agosto de 2024 pola que se adxudican as bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2024/25.

Os seis beneficiarios das bolsas completan a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar. Ademais, estas persoas disporán do aloxamento de domingo a venres e manutención completa -de luns a venres-, servizo de lavandaría, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia. A concesión destas bolsas é compatible coa obtención de axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia escolar. As bolsas terán, como mínimo, unha duración dun curso escolar (de setembro a xuño) e poderán ser prorrogadas ata que a persoa beneficiaria remate os seus estudos sempre que cumpran cos requisitos e obrigas recollidas na convocatoria.

CGTD

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (único en Galicia) naceu no ano 1987-88 co obxectivo de converterse na instalación de referencia a nivel deportivo na nosa comunidade, en busca da excelencia competitiva, unha excelencia que contempla, por suposto tamén, a formación académica dos deportistas coa finalidade de conseguir a súa formación integral. No 2007 e 2010 incorpóranse respectivamente á órbita e área de influencia deportiva do CGTD as instalacións do Centro Deportivo Pontillón do Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela en Vilagarcía, ampliando así a oferta de seccións deportivas que a día de hoxe conta cunha moi ampla variedade.

Categorías: Deportes

W50 de Ourense

Deporte Galego - Lun, 26/08/2024 - 13:16

Alina Charaeva gaña a final do Torneo Internacional Feminino Cidade de Ourense (W50 Ourense) celebrado do 12 ao 18 de agosto no Club Santo Domingo.







A rusa derrotou á xaponesa Haruka Kaji cun resultado de 7-6(7) 6-1.

Campioas e finalistas de dobres:

  • Campioas dobres W50 Cidade de Ourense 2024: Martyna KUBKA (POL)/ Lara SALDEN (BEL)
  • Finalistas dobres W50 Cidade de Ourense 2024: Matilde JORGE (POR) / Anna ROGERS(USA)
Ligazóns
Categorías: Deportes

W35 Vigo 2024

Deporte Galego - Lun, 26/08/2024 - 13:13

A francesa Tessah Andrianjafitrimo vence á xaponesa Misaki Matsuda na final do W35 Cidade de Vigo, celebrado no CC Mercantil e Industrial de Vigo do 19 ao 25 ​​de agosto de 2024.








Na proba de dobres, as vencedoras foron as xaponesas Sakura Hosogi e Misaki Matsuda, que venceron na final á galega Eva Álvarez Sande e a Maxine Murphy dos Estados Unidos.

Lista de campioas:

  • Campioa individual: Tessah Andrianjafitrimo (FRA)
  • Finalista individual: Misaki Matsuda (JPN)
  • Campioas de dobres: Sakura Hosogi (JPN) e Misaki Matsuda (JPN)
  • Finalistas de dobres: Eva Álvarez Sande (ESP) e Maxine Murphy (USA)
Ligazóns
Categorías: Deportes

Resultados dos equipos galegos no Campionato de España MAPFRE de Tenis Alevín por Equipos – Trofeo Tono Páez in Memoriam

Deporte Galego - Lun, 26/08/2024 - 13:11

O equipo alevín masculino do Club Tenis Codesal conseguiu ser finalista na proba de consolación do Campionato de España MAPFRE Alevín de Tenis por Equipos – Trofeo Tono Páez in Memoriam, que se celebrou no Club de Tenis Real Murcia do 19 ao 24 de agosto.







Neste Campionato de España participaron os seguintes clubs galegos:

Equipos masculinos:

  • Club de Tenis Codesal
  • CC Mercantil e Ind. de Vigo

Equipos femininos:

  • CC Mercantil e Ind. de Vigo
  • Casino Sporting Coruña

Resultados:

Os alevíns do Club Tenis Codesal perderon na primeira rolda contra os cataláns do Barcino Tenis Club e na consolación venceron aos cataláns do Real Club Deportivo Polo por 3-1, na segunda rolda gañaron aos rioxanos do Club Tenis Arnedo por 3-2 e en semis venceron aos locais do Club Tenis Murcia por 3-2. Na final caeron ante o conxunto balear do Club de Tenis La Salle.

Os nenos do Mercantil de Vigo perderon na segunda rolda contra os cataláns do Rel Club Tenis Barcelona e na consolación caeron ante o conxunto balear do Club Tenis La Salle.

Os dous equipos galegos femininos caeron na primeira rolda, o Mercantil de Vigo perdeu ante as baleares do SES Puntetes e o Casino Sporting Coruña ante as do Club Tenis Pamplona.

Na consolación, as xogadoras do Mercantil perderon ante as asturianas do RGC Covadonga e as do Casino Sporting Coruña ante as catalanas do Cercle Sabadelles.

Ligazóns
Categorías: Deportes
Distribuir contido


by Dr. Radut