Biblioteca

CELEBRAMOS A PAZ: Un ano máis, un libro colectivo máis.

30/01/2012 12:15
30/01/2012 13:30
Etc/GMT

Celebración do Día da Paz. Lectura do Libro colectivo deste ano, adicado aos nenos e nenas dos campamentos de refuxiados do Sahara.

Onte no colexio celebramos o día da Paz. Ás doce e cuarto todo o alumnado do centro lemos e cantamos no salón de actos.
Durante toda a semana estivemos elaborando o libro colectivo coma todos os anos. Este ano foi especial porque todos os traballos tiñan relación cos nenos e nenas dos campamentos de refuxiados do Sáhara Occidental, xa que estamos no proxecto de intercambio "Conocernos para querernos". Logo, estivemos a cofeccionar o libro buscando información sobre a súa ubicación, idioma, forma de escribir, vivenda, costumes, vestimentas tradicionais, cultura en xeral... Co esforzo de todos e todas conseguimos o oitavo LIBRO COLECTIVO DA PAZ.
Aproveitando esta data tamén decidimos donar para eles libretas e lapis que estamos xuntando nunha caixa. Chispa enviounos unha carta para ver que nos parecía esta idea e CLARO!!, nada mellor para facelo que aproveitar unha celebración tan importante como a do Día da Paz...

Cada un de nós fixo frases, palabras e debuxos sobre unha plantilla de jaima, que penduramos na cortiza. (Neste enlace atopamos moita información sobre as construcións primitivas, entre as que se nomea a "jaima". Se queres afondar no tema, pincha aquí.), e xunto cos libros relacionados coa Paz que fomos lendo estes días pasados e seguiremos durante toda a semana,
temos montada unha fermosa exposición na entrada.

EXPOSICIÓN ITINERANTE: "HISTORIA DO LIBRO"

09/01/2012 00:55
31/01/2012 13:55
Etc/GMT

 Exposición itinerante: "HISTORIA DO LIBRO", cedida pola Biblioteca do IES F. Esquío, de Neda. Un percorrido polo mundo do libro desde os primeiros tempos ata a máis moderna tecnoloxía. 23 paneis xunto con outro material de apoio que os nenos e nenas poderán manipular. Abrangue tamén unha pequena mostra de libros antigos de literatura do noso centro, e outros cedidos polo IES de Catabois, máis algunhas achegas do profesorado do CEIP de Pazos.

"No hay mejor fragata que un libro para llevarnos a tierras lejanas"

 

Con esta cita de Emily Dickinson que nos gustou, iniciamos o percorrido da Exposición "HISTORIA DO LIBRO", grazas á xenerosidade de Begoña, responsable da Biblioteca Fernando Esquío do IES de Neda; autora deste marabilloso traballo e que quere compartir coas bibliotecas da zona.
A exposición está formada por 23 paneis explicativos, ademais de ir acompañada de diversos obxectos antigos e outros que son reproducións. Poidemos observar e manipular. Escribir en cera, lousa e tamén nunha máquina dos anos cincuenta.
Tamén vimos e tocamos libros en Braille e representamos coas mans e os dedos o alfabeto dactilolóxico.
Aprendemos moitas cousas.
De vez en cando darémoslle un repasiño a esta exposición nesta páxina.



BIBLIOTECA EN SMARA. ¡POR FIN: "EL NIDO"!

Neste mesmo mes, adiantabamos en "Cadernos de 5º e 6º" o noso compromiso co Proxecto "Coñecernos para querernos". Un fermoso proxecto no que moitos nenos, nenas, e mozos e mozas, da man das Bibliotecas de ensino público de Ferrolterra, traballarán para intercambiar con outros nenos das mesmas idades, nos campamentos de refuxiados do Sahara, experiencias e vivencias. Tentaremos amosar a nosa realidade falándolles de como é a nosa vida, os nosos costumes, as nosas festas, a nosa paisaxe, a tradición, a música... Onte recibimos un correo de Gonzalo Moure contándonos que, por fin hoxe, se faría realidade un soño, despois de anos moi duros e de moito esforzo: o NIDO, a Biblioteca pública en Smara.

Untitled from Jaime F. Pola on Vimeo.

Bubisher: un bibliobus para os campamentos de refuxiados saharauis. Xa funcionan dous bibliobuses, e agora, a biblioteca pública. O Bubisher II xa está en Ausserd, o segundo campamento (dos cinco) que queren cubrir.
Neste vídeo podedes ver unha panorámica de Ausserd:
Dende a Biblio Xoán Farias, noraboa de corazón. Recibide os nosos mellores desexos. Esperamos que esa BIBLIOTECA medre e se faga forte.

OS AMORES DE BRUNO

"Os amores de Bruno" chegou á nosa Biblioteca voando, voando polo ceo chuvioso. Perdón, en realidade creo que chegou en coche. Andaba eu algo despistada. Hoxe Antón Cortizas deunos unha boa sorpresa facéndonos unha visita ao 3º ciclo, e para colmo non viña só. Viña acompañado de Bruno, Alba, Cobre, Rose, Kome de Dekita Taiyo, Rámal, Océano... Todos eles van a outra escola, "Escola do Arco da vella", pero esta mañá decidiron facer unha escapada con el ata a nosa. Se queredes ver que aconteceu, podedes velo en "Visita sorpresa de Antón Cortizas" no blog "Cadernos de quinto e sexto". "Na escola de Bruno hai nenas e nenos de todas partes e de moitas cores. Lévanse ben, mais ás veces xorden problemas que cómpre resolver con tino, e mesmo hai quen se namora e precisa axuda. Por iso Bruno decidíu abrir unha oficina para aconsellar, ata que se decatou de que el tamén precisaba consellos..." Por se tamén vos interesa, ilustrou este libro Mª del Carmen Ferrín Prieto, que ao igual que Antón, tamén naceu en Ferrol.

Degustando o outono

Como cada ano o outono é o protagonista das exposicións de libros, dos froitos e das festas a celebrar. A Biblio énchese de contos fantásticos, de medo; contacontos nos recreos; a Hora de Ler adícase a toda esta temática, etc. Pois hoxe, despois dun tempo xuntando froitos e froitas do outono entre todos e todas, decidimos que xa era hora de pasar á acción, e "meu dito, meu feito". Esta mañá, na hora do recreo, fixemos unha gran degustación de produtos típicos desta época: froitos, froitas e varios doces que algunhas "mamás cociñeiras" nos levaron. Moitas grazas a todos e a todas pola vosa colaboración.

Estas son as fotos. Primeiro veredes a preparación das mesas que fixo o alumnado do 3º ciclo -grazas tamén, claro- ; as fichas coas imaxes e os datos de cada froito ou froita, así como os seus nomes nos distintos idiomas, nunha esquiniña da gran mesa; e despois, como foron chegando o resto dos pequenos para picar un pouquiño de cada cousa: abelás, noces, castañas cocidas, mandarinas, granadas, uvas, mazás, doce de marmelo, doce de mazá, xalea de marmelo, doce de cabaza, doce de noces, ... Non sei se queda algo, pero, o que é nos pratos, non quedou moito, e senón, fixádesvos nas fotos.

Unha experiencia do máis saborosa.
Como para repetir!

Distribuir contido