Biblioteca

Celebramos o Día das Letras Galegas

Hoxe celebramos a nosa festa das Letras Galegas na Biblioteca. Pandeiretas, teatro de monicreques, teatro lido, cancións, e poemas de Uxío Novoneyra foron as actuacións.
A continuación podedes ver o boletín que xunto coa pegatina repartimos ao rematar.


Tedes un enlace moi interesante no blog MEDRANDO XUNTOS: grazas a Xaime puidemos ver "Viaxe ao Caurel", do programa Planeta Fantasía. Atoparédelo se premedes no enlace anterior.

Os contos de Manu Tomás

A súa primeira pregunta foi: que se necesita para contar ben un conto? A IMAXINACIÓN! Iso foi o que contestou el; a imaxinación.
Da súa man viaxamos a América, a un lugar que se chama Nova Galiza, onde un xaguar foi sacado dunha trampa na que caera por un boi. Despois o boi tivo que buscar axuda porque o gran e desagradecido felino queríao papar..., e foi un coello descendente de galegos quen lle deu a solución ao boi. Conseguiu que o xaguar volvese á trampa da que saira e marchou camiñando co seu novo amigo. De aí saben os indíxenas que se te atopas un xaguar nunha trampa non debes salvarlle a vida porque probablemente non recorde o favor que lle acabas de facer!
Da súa man tamén viaxamos a África, ás terras do Atlas. E coñecemos a un pobre home que tiña moi pouco de cabeza e sempre pensaba en voz alta; un home que se fixo pasar por adiviño e conseguiu o favor dunha princesa e do rei. Atopando un anel perdido da primeira e adiviñando un animal agochado baixo o chapeu do rei. As casualidades da vida!
E tamén visitamos un castelo, cun rei que tiña tres fillas. Violeta, que era a máis pequena (saúdos para Violeta desde aquí) quería ao seu pai tanto como "a comida quere ao sal".
Argallamos un conto entre todos os que alí estabamos: un gato, un can... O can come ao gato, o can esbirra e aí sae o gato todo duchado, e...
... E por fin chegou a cámara (aínda que isto non se deba contar) e puidemos facer estas fotos que agora vos amosamos:

Visita á Feira do Libro e Exposición sobre Juan Farias

O 22 de abril o segundo e o terceiro ciclo visitamos a Feira do Libro en Ferrol. Este ano, o Día do Libro estivo adicado a Juan Farias, o que para nós supuxo unha verdadeira satisfacción, xa que este importante escritor naceu na nosa terra, en Serantes, logo cremos moi axeitado recoñecer deste xeito o seu labor no marabilloso mundo da literatura infantil e xuvenil.
Ese día disfrutamos de moitas actividades: achegámonos á obra de Don Quixote; aspiramos moitos olores, "Por Narices"; houbo un momento para os xogos populares, para mercar algún libro e, os maiores escoitamos unhas interesantes explicacións a cargo de Xavi, de ASPANEPS, e todo o seu equipo. Fixemos un percorrido pola historia do libro e puidemos crear o noso primeiro. Só nos resta enchelo! Aí é nada!
Tamén tivemos oportunidade de visitar a exposición que o edificio da Fundación Caixa Galicia alberga sobre outro dos nosos grandes escritores: Gonzalo Torrente Ballester -GTB-


Despois de rematar as actividades no Cantón de Molíns, onde se celebraba a Feira do Libro, continuamos cara ao Centro Cívico Carvalho Calero, alí visitamos a Exposición sobre Juan Farias que o "Grupo Amigos de Juan Farias", de Villaviciosa de Odón ofreceu ao noso Concello. A nosa é a segunda cidade en acoller esta fermosa exposición. Estamos desexando recibir imaxes da nosa visita para poder ofrecelas aquí.

Unha vaca na Biblioteca???


Cando mañá cheguedes á BIBLIOTECA, atoparedes unha nova amiga.
Pois si, é unha amizade que fixen estes días. Xa sabedes, polas noites cando visito o cole, sempre me dou un paseo entre os libros para ver que tal están, pero tamén me gusta botar un vistazo ás novidades que tedes polos corredores. E estas semanas descubrín moitas cousas fermosas; entre elas estas guapísimas vacas que están a invadir parte da planta baixa. Pintáronas os máis peques do cole! Logo duns días de pasear entre elas, fixemos amizade e, cal sería a miña sorpresa cando me dixeron que, aproveitando que se achegaba o Día do Libro, lles apetecía dar un paseo pola nosa biblioteca, e de paso, se non era moita molestia, aprender a ler e facer o carnet para poder levar uns cantos libros cada mes para as súas casas. Eu tiven que aceptar e... aí está!

TEMOS UNHA VACA A PIQUES DE ENTRAR!
E QUERE O CARNET!

O CEIP de Pazos adícalle a Xoan Farias o Día do Libro 2010

Como cada ano chegou a celebración do Día do Libro. Este ano o noso Concello adicoullo a Juan Farias. Nós, tamén.
Levamos moitas semanas lendo de forma especial a este escritor: "Cando Arturo escapou da casa", "Algunos niños, tres perros y más cosas", "Bandido", "Galego á beira do mar", "El estanque de las libélulas", "Los apuros de un dibujante de historietas" e "Desde o corazón da mazá", "Á sombra do mestre". Aínda nos queda "O tolo da ría", que xa o temos na biblioteca, e moitos outros que seguirán chegando na maleta de Chispa. En cada libro seu descubrimos un inmenso amor por Galicia, polo seu mar, pola súa paisaxe, polas súas xentes.
Se queredes máis información sobre el podedes acceder ás seguintes páxinas. Aínda que o listado é inmenso, pode que estas sexan do voso interese:
Fundación Germán Sánchez Ruipérez
Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes
EsLiteratura.com
Juan Farias habla sobre Juan Farias
Este é o boletín que co gallo desta celebración enviamos ás familias.


E estas, as fotos da celebración na nosa biblioteca.

Chispa enviounos moitos libros, pero como non lle cabían na súa maleta, fixo tres ( 1, 2 e 3
) paquetes: un ENORME e dous máis pequenos. E na maleta meteu... AGASALLOS PARA TODOS!! HURRAAAA POR CHISPAAAA!

Distribuir contido