Skip to Content

Colectivas

Día Internacional da Muller, 8M 2023

Para conmemorar o Día Internacional da Muller, o 8M, no CEIP Plurilingüe Bragade contamos hoxe coa heroína Súper Manuela, quen traballou co alumnado a través de contos e dun xeito moi ilustrativo, participativo e divertido a temática da igualdade. Ademais, novamente tivemos a sorte de contar con tradución simultánea a lingua de signos a cargo da nosa intérprete, Raquel.

ENTROIDO 2023 (última act. 16/02/23)

O Entroido logo chega!!! E velaquí veñen os mandadiños... Moito ollo ás pistas que nos dá o noso esqueleto do laboratorio, Paquiño, co que nos diga que hai que traer ao CEIP Plurilingüe Bragade, pois cada día colgaremos o que nos vaia dicindo.

LUNS 13 FEBREIRO 2023

Xa se achega o Entroido,

moito ollo a Paquiño,

que nos vai ir dando pistas

dos seguintes mandadiños.

 

Comeza con algo sinxelo,

da nosa zona corporal,

así que arriba de todo,

algo deberás colocar.

______________________________

MARTES 14 FEBREIRO 2023

 

Lembra o que xa puxeches,

de novo voltao colocar,

mais agora outra cousa,

logo vas ter que levar.

 

O parrulo teno longo,

o aire pasa ao respirar,

baixa tamén a comida,

procura non te atragantar!

______________________________

 MÉRCORES 15 FEBREIRO 2023

 Xa levamos dúas cousas,

do que vimos a Paquiño, 

baixamos no noso corpo,

algo máis que un pouquiño.

 

Na extremidade superior,

na que escribes e na que non,

has de poñer o seguinte,

sen ningún medo nin temor.

______________________________

XOVES 16 FEBREIRO 2023

 

Mandadiño obrigatorio,

logo chegas ao teu final,

neste penúltimo día

a Paquiño imos mirar.

 

Na extremidade inferior,

coas dúas coas que andamos,

novamente colocarás,

levándoo a todos lados.

______________________________

 

Hoxe xa non hai que pensar,

pois fúchelo preparando,

en plástica e en titoría,

estiveches argallando.

 

Temática de animación

e filmes moi coñecidos

dende Mickey Mouse a Star Wars,

desfilaremos xuntiños.

DÍA DA PAZ (30/01/2023)

O pasado 30 de xaneiro conmemoramos no centro o Día da Internacional da non Violencia e da Paz.

Por un lado, todo o alumnado pegou a palabra Paz nalgún dos idiomas a escoller (castelán, inglés, árabe, ruso, hebreo e xaponés), pegándoo no mural da “Canción da Paz” (de Benny Berman-Amart) que cantamos xunto con outras dúas cancións en inglés que reivindican a Paz: “I´ve got the peace in my fingers” (de Susan Salidor) e “We want peace” (de Lenny Kravitz), acompañados ao piano polo noso Mestre de Música.

Posteriormente, todo o alumnado, e algunhas familias que se animaron e puideron vir, participamos na 19ª edición de “Kilómetros de Solidariedade”, proposta pola ONG “Save the children”, cuxo obxectivo é axudar a nenas e nenos afectados polas guerras. Superamos o reto dos 12 km e recadáronse 231,59 eur!!!

PAZ

PEACE

سلام /salaam/

МИР /mir/

שָׁלוֹם /shalom/

平和 (へいわ) /heiwa/

DÍA INTERNACIONAL DA EDUCACIÓN (24/01/2023)

O pasado 24 de xaneiro conmemoramos o Día Internacional da Educación. Tratouse dunha actividade proposta e impulsada pola ANPA do centro e en colaboración coa Coord. de Actividades Complementarias e Extraescolares. Cada grupo de alumnado traballou con Rosa Bao (ONG @ama.nepal ) sobre a diversidade que representa a Carta dos Dereitos Humanos.

Distribuir contido


by Dr. Radut