Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

6º Educación infantil

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

O venres día 3 de decembro foi o Día Internacional das Persoas con Discapacidade”.

Para a súa conmemoración as nenas e nenos  da aula decoraron, coa axuda das familias, un anteface que empregamos para realizar distintas actividades deseñadas co fin de poñernos, por uns momentos, na pel das persoas con discapacidade visual e, poder vivienciar, en primeira persoa, todas as sensacións e sentimentos que nacen en nós ao non poder ver.

Así pois, por parellas, desprazámonos polos distintos espazos do cole co anteface posto axudándonos dun compañeiro ou compañeira que nos facía de lazarillo, debuxamos cos ollos tapados, tratamos de identificar obxectos guiándonos tan só polo sentido do tacto, e traballamos o conto “El libro negro de los colores”. Para iso escoitamos a súa lectura cos antefaces postos, deixando voar a nosa imaxinación segundo o que escoitabamos e sentíamos ao tocar os debuxos en relevo que ten o libro en cada unha das súas páxinas.

A raíz do conto tamén  descubrimos que é o braille, averiguamos como se escriben en braille as iniciais do nosos nomes e creamos un cartel para a porta da aula no que pon “Aula de 6º de infantil” en braille.

TALLERES: CIENCIA CON SENTIDIÑO

Este luns 29 de Novembro o alumnado de Educación Infantil , 1º , 2º e 3º  de Educación Primaria realizaron diferentes talleres nos que puxeron a traballar todos os seus sentidos. Contamos coa colaboración dos amigos do "Comite de Investigación sobre Sentidoloxía Corporal" cos que desenrolamos os nosos sentidos para poder deste xeito axudar á fauna mariña.  

Velaquí algunhas imaxes dos talleres.

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

A semana pasada na cole realizamos distintas actividades para celebrar o Día Internacional Contra a violencia de xénero. Entre algunhas das actividades que fixemos están as propostas pola FANPA Ferrolterra como entre elas un flash mob e unhas tarxetas con mensaxes contra a violencia de xénero; tamén traballamos o conto Artur e Clementina e fixemos unhas chapas. A continuación deixámovos unhas imaxes da semana e un vídeo para que poidades ver que ben bailan as nenas e nenos da nosa aula.

 

 

 

UN MAR DE PALABRAS (26 de novembro)

Na sesión deste venres as actividades que realizamos no taller coas familias centráronse na construción de palabras con letras móviles para a posterior autocorrección e autoevalución coas tarxetas de imaxe-palabra; na asociación de minúscula e maiúsculas (con cazamoscas en man había que atrapar distintos bechos para comprobar que letra minúscula agochaban e poder levalos ao bote que tiña a correspondente letra en maiúscula) e na iniciación á lectura de palabras co xogo do dobro-dobro.

Como sempre, os talleres foron todo un éxito. Nenas e nenos non poden estar máis motivados e interesados por participar nas distintas propostas.

Nesta ocasión damos as grazas a Montse, Néstor e Cora pola súa colaboración.

Ata o vindeiro venres.

PDI “PINGAS DE CIENCIA”: DESCUBRINDO A LUZ

Ao longo deste trimestre dentro do PDI de ciencia estamos investigando e descubrindo moitas cousas sobre a luz. Grazas aos experimentos que realizamos e as pesquisas feitas demos resposta a moitas dúbidas e preguntas que nos foron xurdindo no día a día e que nos axudaron a comprobar se as hipóteses formuladas eran certas ou non.

Pouquiño a pouquiño pois descubrimos como se proxecta a luz, como se poden clasificar os corpos atendendo a se deixan ou non pasar a luz, coñecemos distintas fontes de luz e clasificámolas en naturais ou artificiais. Tamén experimentamos e xogamos coa nosa sombra e a de distintos obxectos, representamos o día e a noite cunha lanterna a modo de sol e a terra, o cal nos levou a comprobar que a noite e o día non se dan ao mesmo tempo en todos os lugares do noso planeta. Co derradeiro experimento que fixemos logramos que aparecese un arco da vella dentro da clase; non daban crédito a tal suceso. E isto levounos ao punto no que nos atopamos agora, a descomposición da luz en cores e a Isaac Newton.

Ademais tivemos a grande sorte  de poder contar en toda esta aventura coa participación de dous familiares; o pai de Leo que nos trouxo á aula un circuíto eléctrico moi chulo e a nai de Andrea coa que fixemos unha actividade que tamén lles gustou moito e coa que descubriron que a luz tamén pode crearse por medio de reaccións químicas.

No seguinte vídeo deixámosvos unha pequena mostra do noso día a día coa luz.

DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DO NENO

Este sábado, día 20 de novembro, foi o DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DAS NENAS E NENOS. 

Para a súa conmemoración no cole realizamos un mural conxunto. Para iso cada curso encargouse de traballar un dereito; un dereito que logo reflectiu no mural con palabras e debuxos.

Ás nenas e nenos de infantil tocounos o dereito ao xogo. 

Aquí vos deixamos a nosa achega.

FELIZ DÍA!

TALLER DE "MATES EN FAMILIA"

Néstor, Cristina, Montse e Ana foron os familiares das nenas e nenos da nosa aula que este venres participaron no taller de “Mates en familia” .

Organizados en catro equipos de traballo (cada un deles dinamizado por un familiar) realizamos as seguintes propostas:

-     

Xogo de conteo coa baralla.

-     

Actividade con Doc no panel de ciencia.

-     

Modelado de números en plastilina.

-     

Creación nos xeoplanos de distintas figuras e formas.

 

Grazas pola vosa participación familias!

 

PROGRAMA DE ESTIMULACIÓN TEMPERÁ

Na etapa de Educación Infantil todas as mañás, nada máis chegar ao cole, adicamos uns minutos a realizar unha sesión de Estimulación Temperá. Para iso seguimos o método desenvolto polo Dr. Glenn Doman. Un método chamado "Programa de Excelencia Física". Este doutor estadounidense traballou moito con nenos/as con diversas lesións neuronais e comprobou que se todos os días se  facía coas nenas e nenos  unha rutina de exercicios variados e progresivos, non só melloraban en motricidade grosa e coordinativa, senón tamén que ese beneficio redundaba na capacidade de xenerar maior concentración e polo tanto, maior aproveitamento da clase. O programa desenvólvese en tres apartados:

a)Competencia en movilidade: carreira, gateo e arrastre.

b) Competencia manual: braqueo

c) Programa activo de equilibrio

Esta rutina ademais de ser moi beneficiosa para o seu desenvolvemento é algo que lles encanta e todos os días, nada máis chegar, elas e eles xa son os primeiros en dicir “ Toca facer a estimulación”.

DÍA DE BIBLIOTECA

Este mércores foi o noso día de biblioteca.

Gústanos moito ir a ela e desfrutar de todos os recursos que nos ofrece nos distintos recantos que atopamos nela.

Este curso as nenas e nenos ademais son as encargadas e encargados de rexistrar no ordenador da biblioteca os libros que collemos para levar á casa.

VOLVEN OS XOGUETES AO PATIO

Os patios do recreo volven a ter vida cos xoguetes que nenas e nenos tanto botaban en falta e ansiaban recuperar.

É certo que coa súa ausencia aprenderon a observar e a desenvolver a imaxinación  ao xogar e experimentar coa natureza, paus, lama, auga, semillas, insectos, árbores,…

O recreo é una actividade educativa onde se comunican, cooperan, interactúan, negocian, resolven conflictos e buscan solucións. En definita, aprenden habilidades sociais de afectividade e empatía sen a supervisión directa do adulto. Estos son algúns dos momentos compartidos cos iguais.

 

Distribuir contido