Presentación | Horarios | Oferta educativa | Secretaría | Contacto
Os Maios e as Letras Galegas
O día 16 de maio celebramos na escola a festa dos Maios e o Día das Letras Galegas.
Tivemos a sorte de contar coa axuda dunha chea de familias moi implicadas en todas as actividades que se propoñen desde a escola, así da gusto! Estiveron traballando arreo desde ben cedo para axudarnos a confeccionar os nosos tres maios. Mirade que ben acompañadas e acompañados estivemos nesa xornada:
Traballamos moito e tamén desfrutamos xuntas e xuntos. Ao final, entre todas e todos creamos tres maios preciosos e cheos de cor que levamos para a pista de area da escola para continuar alí coa celebración.
Tamén decoramos o patio con bandeiras de Galicia e cos carteis informativos sobre a vida e obra de Francisco Fernández del Riego, don Paco, o autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas. Ademais, o equipo artístico da ANPA sorprendeunos unha vez máis co seu fantástico traballo creando un precioso mural de Fernández del Riego.
Xa na pista, o alumnado agasallou ás familias asistentes cuns bailes arredor dos maios. Primeiro foi a quenda do alumnado de infantil, que bailou "Indo Eu" e, a continuación, o alumnado de primaria bailou a Muiñeira de Lugo. Pechamos a festa coa canción "Seresín, Seresán", que cantaou todo o alumnado da escola xunto.
Foi unha xornada preciosa, festexando a primavera e a nosa literatura!
Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega queremos dar as grazas a todas as familias que se implicaron e colaboraron con nós, facendo este día tan bonito e especial.
Que vivan os Maios e as Letras Galegas!!!