Skip to Content
Balea s/n O Grove (Pontevedra) CP:36988 Tfno: 886 151 972 ceip.asbizocas@edu.xunta.es

AXUDAS MUNICIPAIS PARA A ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR PARA O CURSO 2023-2024

A Concellaría de Servizos Sociais do Concello do Grove informa que a partir do día 1 de xuño ata o 30 do mesmo mes estará aberto o prazo de presentación das solicitudes de axudas municipais para a adquisición de libros e material escolar do vindeiro curso 2023-2024.

As axudas van dirixidas a Educación Infantil, Ensinanza Primaria e Ensinanza Secundaria Obrigatoria.

As axudas concederanse tendo en conta o nivel de ingresos familiares, e será requisito imprescindible cursar estudos en centros sostidos con fondos públicos do concello do Grove.

As solicitudes presentaranse acompañadas da seguinte documentación:

  • Fotocopia do DNI do solicitante.
  • Fotocopia do libro de familia (de todas as follas).
  • Volante de empadroamento familiar (será solicitado polo propio departamento de Servizos sociais)
  • Xustificante de ingresos de todos os membros da unidade de convivencia (preferentementedeclaración da renda do exercicio de 2022).
  • Xustificante de matrícula.
  • Contrato/recibo do aluguer do piso ou do pagamento da hipoteca.

A documentación deberá entregarse (despois de solicitar cita)

no SERVIZO de REXISTRO MUNICIPAL

(EdificioAdministrativodo Concello. Rúa Alcalde Xacobe Barral Otero nº 3, planta baixa).

 

*No anexo adxunto pódese consultar a información e descargar a solicitude.

 

 

ECOPERCUSSIÓN

Venres 26 de maio de 2023

Hoxe tivemos unha actividade moi interesante no colexio, na que participaron por ciclos os nenos/as desde Infantil ata 4.° de Primaria.

Trátase de ECOPERCUSSIÓN, un obradoiro que ten como obxectivos fomentar a creación e a execución de instrumentos de percusión a partir de materiais reciclados, desenvolver actividades grupais e usar a ecopercussión como ferrramenta socioeducativa.

Pinchade aquí para ver os vídeos!

LETRAS GALEGAS 2023

Mércores 25 de maio de 2023

Este ano celebramos o Día das Letras Galegas en colaboración co CEIP Comeniño.

Así, ciclo elaborou un mural con actividades sobre Francisco Fernández del Riego, o autor homenaxeado deste ano. Estes murais con tarefas, imaxes, vídeos, xogos, retos... viaxaron ata o CEIP Comeniño, onde alí realizaron as actividades que lle propuxemos. Do mesmo xeito, eles realizaron outros murais para que nós puidesemos desfrutar e aprender. 

Aquí vos deixamos algunhas fotos creando os nosos murais e aprendendo cos que nos enviaron os nenos e nenas do CEIP Comeniño. Foi toda unha experiencia!

Clicade na imaxe para ver máis!

 

VISITA AO INSTITUTO

Mércores 24 de maio de 2023

Como cada ano, antes de ramatar o curso, o alumnado de 6.º de Primaria realizou a visita ao I.E.S. As Bizocas, o noso centro adscrito. Na visita, coñeceron as instalacións, recibiron información de interese sobre a organización e funcionamento, etc. para facilitar o tránsito da etapa primaria á secundaria.

 

SOLICITUDE BECAS NEAE

No BOE do 26 de abril saiu a convocatoria de axudas para alumnado con necesidade específica de apoio educativo. Poderedes solicitar esta beca no caso de que o fillo/a asista o próximo curso 23/24 a algún gabinete para reeducación pedagóxica ou da linguaxe con algún logopeda ou pedagogo privado e que lles supoña o abono dunha cuota mensual.

As familias que o soliciten deben tramitalo por internet na seguinte dirección www.educacionyfp.gob.es:

  • Deberán acceder co DNI e o controsinal do curso pasado.
  • Se é a primeira vez que solicitan beca deberán rexistrarse, se é posible, co DNI do alumno/a.

O prazo para solicitar as becas vai do luns 8 de maio ata o 20 de setembro. A documentación presentarase no colexio xunto co informe do centro no que van solicitar terapia así como o impreso co número de conta do alumno/a facilitado pola entidade bancaria 

DÍA DA FAMILIA 1.º CICLO + INFANTIL

 Luns 15 de maio de 2023

No 1.º ciclo de Primaria puxémonos mans á obra para preparar un agasallo para celebrar o Día Familia. Aproveitando material reciclado, elaboramos un xoieiro ben bonito con dúas xoias para regalar a cada familia.

Realizamos os seguintes pasos:

1. Pintamos círculos de cartón con témpera de diferentes cores.

2. Pintamos o lateral dunha caixa de queixiños e pegamos:

- Na parte superior: a ruleta ODS coa foto de cada neno/a.

- Na parte inferior: o planeta Terra.

- No interior: unha mensaxe preciosa sobre este día.

3. Cando secaron os círculos, os/as profes pegáronos con silicona e puxeron os cordóns, para formar colares e pulseiras.

Premendo no seguinte enlace podedes ver un vídeo da actividade.

En Educación Infantil tamén celebramos o Día da Familia! Aquí podedes ver algunha foto debuxando ás nosas familias!
 

FELIZ DÍA A TODAS AS FAMILIAS!!!

 

FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDAS PARA ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR CURSO 23/24

No DOG do 19/05/2023 publicouse a ORDE do 10 de maio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que regula, para o curso 23/24:

- A participación no fondo solidario de libros de texto do alumnado que se matricule en 3º e 4º E.Primaria.

- A convocatoria de axudas para adquirir libros de texto para o alumnado que se matricule en 1º e 2º E. Primaria.

- A convocatoria de axudas para adquirir material escolar destinadas a todo o alumnado de E. Primaria.

 

O prazo de solicitudes vai do 20 de maio ata o 21 de xuño, incluído.

Terán acceso ao formulario da solicitude na aplicación informática "Fondolibros" (https://www.edu.xunta.gal/fondolibros/) , onde deberán cubrir os datos. Poderá presentarse por vía ELECTRÓNICA, a través da sede da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED330B) (de facela por vía electrónica será necesario tramitar unha solicitude por cada alumno/a, aínda que estean admitidos no mesmo centro).

Tamén se poderá cubrir a solicitude que poderedes recoller no centro ou descargala da aplicación e presentala PRESENCIALMENTE

Teñen toda a información na Orde de Convocatoria:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230519/AnuncioG0655-100523-0001_gl.html

VISITA DO CEIP MANUEL MALLO MALLO (LUGO)

Venres 19 de maio de 2023

Ao longo deste curso 2022/2023 o alumnado de 4.º, 5.º e 6.º de Primaria está inmerso nun intercambio lingüístico, organizado polo Equipo de Dinamización de Lingua Galega, cos nenos e nenas do CEIP Manuel Mallo Mallo  cos que se cartearon en diversas ocasións intercambiando experiencias, anécdotas, historias...

Despois de varias correspondencias tiveron a sorte de poder coñecerse en persoa, xa que o centro educativo de Lugo realizou unha saída á nosa localidade, podendo ensinarlle lugares como a Siradella, a praia da Area da Cruz, o noso cole... entre outros. 

Pero... este intercambio non rematou nesta xornada, xa que o vindeiro 20 de xuño será o alumnado do CEIP As Bizocas quen visite ao alumnado de Lugo.

Foi unha xornada divertida na que se coñeceron e pasárono moi ben!

Pinchade na imaxe para ver máis!

 

SAÍDA AO TEATRO "CHOCOLATE"

Xoves 18 de maio de 2023

Este xoves, o alumnado do centro saíu de novo ata a Cultural de San Vicente para ver unha obra de teatro chamada "Chocolate", con motivo da celebración das Letras Galegas.

Nela, dous cociñeiros buscaban a receita perfecta do chocolate, polo que se embarcaron nunha viaxe con moitos obstáculos ata que por fin conseguiron facer o mellor chocolate.

Ao rematar tivemos a sorte de degustar a receita de chocolate máis deliciosa! Mirade que ben o pasamos e que rico comemos!

Premede aquí para acceder ao vídeo!

 

 

ACTUACIÓN O MAGO PACO

Martes 16 de maio de 2023

Na mañá deste martes, todo o alumnado do centro puxo rumbo á Casa da Cultura de San Vicente para asistir a unha actuación do mago Paco.

Os trucos combinaban a maxia coa igualdade de xénero, o valor das mulleres en diferentes ámbitos da vida...

Houbo algúns nenos/as que tiveron a sorte de participar nos trucos e converterse en verdadeiros magos e magas.

Fixérono xenial e pasámolo moi ben!

Premede aquí para ver o vídeo

 

Distribuir contido


by Dr. Radut